Feijóo resucita o bipartito ante o bloqueo de Rajoy ao traspaso da AP-9

Fragmento do informe remitido polo Goberno en funcións ao Congreso, ao que tivo acceso Praza CC-BY-SA Praza Pública

Primeira sesión de control ao presidente na nova lexislatura e primera resurreción política do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, de cuxo remate se cumprirán dez anos durante o presente mandato. Mentres o Executivo de Alberto Núñez Feijóo estaba en funcións o Goberno de España, que se atopaba nas mesmas condicións, iniciou a manobra para frear no Congreso dos Deputados o debate da lei que, remitida dende o Parlamento de Galicia por unanimidade, reclamaba a transferencia da AP-9 á Xunta. Este mércores, xa con ambos gobernos en plenas funcións, Feijóo foi cuestionado ao respecto pola voceira do BNG, Ana Pontón, e o presidente reiterou que prevé "solicitar" o traspaso evitou fixar postura sobre o bloqueo fomentado dende o gabinete de Mariano Rajoy e, adicionalmente, culpou o cada vez máis afastado bipartito de que o Goberno galego non conte xa con esa competencia.

Ante a "manobra" para "evitar que se poida debater a lei", retou a voceira do Bloque, Feijóo debera "convencer" a Cámara de que "é militante de Galiza, como proclama" e "vir aquí non só a dar un titular precociñado sobre que a súa prioridade vai ser a transferencia". Ese traspaso, di, sería o primeiro paso para rematar co que considera unha "estafa legalizada que sofren cada día milleiros de persoas".

"Imos solicitar a transferencia da Autoestrada do Atlántico", retrucou o xefe do Executivo, a cuxo xuízo a proposta de "pacto" e "fronte común" lanzada dende o Bloque é un intento de "dividir o que pode permanecer xunto". "Sigamos xuntos para que o Goberno de España vexa que esta é unha proposta completa, única, do Parlamento galego". "Non debería plantexar divisións dicindo que un pode estar a favor da división e nós, en contra", sinalou, nun contexto no que, advirte, "non imos conseguir a trasnferencia en pouco tempo, haberá que negocialo", "non imos conseguir de hoxe para mañá o que non conseguiu ninguén" fronte aos gobernos do PSOE e tamén do PP que, admite, se "negaron" á transferencia, negativa da que tamén culpa ao propio Bloque "cando -asegura- goberanban en coalición co PSOE en España".

Feijóo mantén que vai "solicitar a transferencia", pero evita pronunciarse sobre o bloqueo do goberno de Rajoy

"Vai dicir algo sobre o intento de veto do Goberno central?", preguntou na súa quenda de réplica Pontón, infrutuosamente, tras amosarse "sorprendida" pola "pouca memoria" de Feijóo a respecto "das responsabilidades" do PP sobre esta infraestrutura, como a ampliación da concesión no ano 2000 ou a venda da vía en 2003, cando "decidiu privatizar a AP-9 e vostede aquí", como conselleiro, "fixo o papelón de defendelo". "Quen dividiu, quen traizoou os intereses do país?".

Pontón: "Vai dicir algo sobre o intento de veto? Quen divide, quen traizoa os intereses do país?"

Na quenda de peche, xa sen posibilidade de retruque da nacionalista, Feijóo si botou man da memoria, pero noutro senso. "A postura do BNG en relación coa autoestrada era que era unha navallada para o país", dixo -o cualificativo, asumido nos anos 70 por diversas forzas da esqueda, foi realmente obra do realizador Llorenç Soler, autor dun documental sobre o conflito social que suscitou a construción- e opoñerse á construción por mor do impacto nos camiños "para as vacas", caricaturizou como mostra dun "nacionalismo ramplón". "Non me vou esquecer dos compromisos co meu país" a prol do traspaso, asegurou, sen ben afirma tamén que "non vou enganar aos galegos": "levantar as peaxes", como reivindica o Bloque, é "extremadamente difícil".

Debate de 2007 e posicións posteriores

É neste punto no que Feijóo afondou nas, ao seu xuízo, responsabilidades do bipartito na cuestión. Rescatou, con esta fin, un debate parlamentario de marzo de 2007 no que o PP, daquela na oposición en Galicia e no Estado, reclamaba a transferencia para "ampliar o noso poder de decisión". No debate daquela proposta -recollido nas páxinas do Diario de Sesións que acompañan esta información- o BNG, representado pola deputada Carme da Silva, subliñou que "a totalidade do Goberno galego apoia, porque así o aprobou, a transferencia a Galiza da titularidade" da AP-9, e agregou que socialistas e nacionalistas votarían en contra da iniciativa do PP porque só procuraba, ao seu xuízo, "utilizar as necesidades da sociedade galega para recuperar o goberno".

Unha década despois o daquela líder da oposición e actual presidente sintetiza aquel episodio parlamentario en que quen agora reclaman o traspaso "votou en contra da transferencia", cuestión pola que insta a Pontón a "pedir desculpas". No entanto, nestes anos foron diversas as ocasións en que a transferencia foi reclamada e despois, negada, xa co PP de volta na Xunta e con socialistas, primeiro, e populares despois no Goberno de España. Mentres, a AP-9 descendeu notablemente o seu tráfico e beneficios por mor da crise e agora, xa en plena recuperación de todos os seus indicadores, o Goberno central oponse a que sexa transferida.

Feijóo, na primeira sesión de control da lexislatura © Xunta
Pontón, dirixíndose a Feijóo durante a sesión de control © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.