0 Gardados para despois

"De quen é a culpa de que os refuxiados afoguen no Mediterráneo? É a nosa culpa"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este 26 de setembro remata o período de dous anos no que o Goberno español se comprometeu ante a UE a acoller 17.337 persoas con necesidade de asilo. A sete días de que expire o prazo, España acolleu 1.983 persoas, o 11,44% da cota acordada. Esta cifra é a suma dos 1.279 que proveñen dos campos de Grecia e Italia (cota obrigatoria, sobre un total de 9.323) e os 701 procedentes de Turquía ou Xordania (dos 1.499 que España se ofreceu a recibir). 

Carlos Blanco, Monti Castiñeiras, Moncho Fernández, Uxía Senlle, Marilar Aleixandre, Alfonso Zarauza, Fernando Cortizo ou Andrés Torres Queiruga lerán cada día o manifesto

Aínda que é certo que ningún país membro completou esta tarefa, hai algúns como Finlandia (94%), Irlanda (81%) ou Letonia (67%) que si están próximos a facelo. Mesmo Suecia (51%), Portugal (48%), Holanda (40%), Alemaña (29%) ou Francia (22%) presentan cifras moi superiores a España, que se sitúa entre os países máis incumpridores, superando unicamente a Croacia ou Bulgaria -cun PIB per cápita moito máis reducido- e a outros como Hungría, Eslovaquia, Austria, Polonia e República Checa, que anunciaron a súa decisión de non cumprir o acordo.

Para visibilizar o incumprimento por parte de España dos seus compromisos internacionais, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas convocará entre este martes 19 e o vindeiro martes 26 unha concentración diaria ás 20 horas na Praza do Toural, en Santiago de Compostela. Cada día soará unha alarma e lerase un manifesto, contando coa presenza de actores coma Carlos Blanco e Monti Castiñeiras, o adestrador do Obradoiro Moncho Fernández, a cantante Uxía Senlle, a escritora e profesora Marilar Aleixandre, os directores de cine Alfonso Zarauza e Fernando Cortizo, e o teólogo Andrés Torres Queiruga.

"Falamos de máis de cinco millóns de persoas que saíron de Siria fuxindo da guerra e da morte. E nós, como Europa decidimos que imos incumprir os dereitos humanos e as leis internacionais e non lles imos abrir a porta"

"1.983 persoas é dunha cifra miserable, ridícula", destacan dende a Rede, non xa en relación co compromiso de dar asilo a 17.337, senón en relación cos 5.5 millóns que saíron de Siria fuxindo da guerra. "Ás veces falarmos de porcentaxes é coma se utilizásemos eufemismos, números que quedan no aire. Cando en realidade xa esa cifra á que se comprometera España ante a UE, 17.337 persoas, era ridícula", destaca Isabel Rey.

"Falamos de máis de cinco millóns de persoas que saíron de Siria fuxindo da guerra e da morte. E nós, como Europa decidimos que imos incumprir os dereitos humanos e as leis internacionais e non lles imos abrir a porta", denuncia. "Ti tes a obriga de abrirlles a porta, tes que cumprir co dereito de asilo. Non é un agasallo pola túa parte, é unha obriga. É gravísimo que España e Europa incumpran os dereitos humanos. É inadmisible", engade.

Rey destaca que o acordo da UE con Turquía asinado en marzo de 2016 forzou as persoas a buscar rutas alternativas máis perigosas, conseguindo que milleiros morreran nos últimos dous anos. "Estanse incumprindo os dereitos humanos no noso nome. O país somos todos", di. "As persoas que morren no Mediterráneo non morren por culpa dun temporal, senón que afogan porque lles deixamos coller un tren ou pasar unha fronteira. De quen a culpa de que afoguen? É a nosa culpa", subliña. 

Lembra tamén que nese tempo foron moitas familias que se inscribiron ofrecendo as súas casas para acoller refuxiados, e tamén moitos os concellos que se ofreceron como cidades-refuxio, pero o Goberno central non fixo nada. "Deciden que é mellor que unha persoa morra de frío ou de calor nun campo de concentración en Turquía que que estea cunha familia en España", di.

"Con esta mobilización esperamos poder activar a sociedade, que todos sexamos conscientes desta situación, para que consigamos mudar as políticas do Goberno. Porque se non hai unha mobilización social, está claro que isto non vai cambiar"

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas está conformada por máis de 70 colectivos sociais e ONGs e leva case dous anos denunciando esta situación baixo o lema "Rachemos coas fronteiras, non ás guerras". "Con esta mobilización esperamos poder activar a sociedade, que todos sexamos conscientes desta situación, para que consigamos mudar as políticas do Goberno. Porque se non hai unha mobilización social, está claro que isto non vai cambiar", afirma. O propio 26 de setembro levaranse a cabo concentracións en varias cidades e vilas de toda Galicia e o día 30 están convocadas manifestacións en varias cidades de toda España.

 

Oxfam denuncia a España ante a Comisión Europea

Pola súa banda, Oxfam Intermón presentou ante a Comisión Europea unha denuncia contra o Goberno español por incumprir a cota de refuxiados. A denuncia, presentada este luns, ten o apoio de PSOE e Podemos. "O Goberno español amosou unha clara falta de vontade política" para resolver esta situación, denuncia a entidade, que lle esixe á Comisión que aplique contra España as mesmas medidas que o pasado mes de xullo adoptou contra Chequia, Hungría e Polonia por incumprimento das súas obrigas legais en materia de reubicación.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.