Andalucía, Zapatero ou Esquerra, escudos de Feijóo ante os casos de corrupción

Feijóo, nun intre da sesión de control CC-BY-SA Praza Pública

Vellos coñecidos para a primeira sesión de control de 2013. A Alberto Núñez Feijóo tocoulle este mércores someterse ás preguntas da oposición parlamentaria no medio do escándalo Bárcenas, pero tamén entre a vaga expansiva doutros casos como as contratacións de Baltar. Con matices, PSdeG, AGE e BNG coincidiron en pedirlle contas ao presidente polas vertentes galegas das corruptelas, especialmente graves, din, nun momento no que o desemprego está disparado e a sociedade especialmente sensibilizada. Ante as preguntas o presidente da Xunta manifesta "repugnancia" no caso concreto de Bárcenas, se ben substitúe as explicacións que se lle reclamaban por disparos dialécticos con direccións variopintas: de Andalucía a Esquerra Republicana pasando por convidados habituais neste tipo de sesións, isto é, José Luis Rodríguez Zapatero e o bipartito.

Coa presidenta da Cámara administrando os tempos de intervención cunha férrea e pouco habitual disciplina, o primeiro en cuestionar a Feijóo foi o socialista Pachi Vázquez, quen apela á "responsabilidade" do titular da Xunta "como presidente do PP e do Goberno de Galicia". "Estase a manchar o nome deste país cos casos de corrupción do PPdeG", di, nun contexto no que o líder dos populares galegos, reprocha, se limita a dicir que "non sabe nada" aínda que o seu partido "vaia á cabeza das achegas ilegais nos papeis de Bárcenas que están saíndo á luz". "É moi doado indultar os banqueiros e despois ir coas vítimas das preferentes a manifestarse en contra dos propios actos", retrucou o presidente.

Vázquez e Jorquera piden explicacións polas ramificacións galegas do caso Bárcenas e polos contratos de Baltar

Tras Pachi Vázquez, a quenda foi para o nacionalista Francisco Jorquera, quen foi por explicacións e volveu con reproches a terceiros. "Unha sociedade ao límite da resistencia contempla alarmada os casos de corrupción que salpican o seu partido", xa sexa o caso Bárcenas ou xa sexa "a Deputación de Ourense" como "máquina de colocación de afiliados do PP" ou co Concello de Santiago "camiño de disputarlle a Marbella o récord de imputacións". Feijóo, censura Jorquera, é o "campión do escaqueo", obviando que "amparou as prácticas do señor Baltar" ou que "o señor [Pablo] Crespo -ex secretario de organización do PPdeG e considerado un dos presuntos líderes da trama Gürtel- era membro do consello de Administración de Portos de Galicia cando vostede era conselleiro".

Feijóo si que lle contestou "sobre corrupción" a Jorquera, pero para cuestionar o nacionalista sobre se "o seu modelo é Bildu" ou "o que cobra o ex presidente do Parlamento catalán, de Esquerra Republicana". O conservador tamén se nega a recibir "leccións" do Bloque á hora de afrontar prácticas irregulares porque "dixeron durante varios días que o seu deputado e ex conselleiro [Fernando Blanco] estaba libre de sospeitas" ao ser imputado no caso Campeón -Blanco dimitira de todos os seus cargos-. "Cada un ten a súa biografía", evidencia o presidente, para culminar a resposta a Jorquera aseverando que "eu seguro que teño moitos erros, pero nunca aceptei os Orzamentos do señor Zapatero".

Publicación da declaración da renda en internet

Ao xefe do Goberno aínda lle quedaba un terceiro asalto, a pregunta da vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz. "En democracia non hai maior corrupción que mentirlle á cidadanía para ganar as eleccións", resumiu Díaz antes de preguntase "que pasa" no PP, tanto "coas contas en Suíza" como con casos máis próximos, como o "procesamento do superdelegado de Ourense", "os imputados da Pokémon", "a trama Orquestra", "o escándalo Reganosa" ou "a situación do baltarismo", entre outros. "Recorte en corrupción", reclama a número dous de AGE, xa que "non pode ser que os Bárcenas, Naseiros e Crespos sexan a imaxe do seu partido" e "se gasten moreas de euros en canóns de confetti mentres se colapsas as urxencias" hospitalarias".

"Vostede en Galicia fai de poli bo", di Yolanda Díaz, quen lle reclama a Feijóo que "recorte en corrupción"

O presidente tampouco acepta recomendacións de AGE. Non o fai porque a Xunta, asegura, xa é un dos gobernos "máis transparentes de España" e vaino ser aínda máis en breve, porque "teño toma a decisión de tomar os datos da renda e patrimonio dende antes de ser presidente". "Vostede fai en Galicia de poli bo", como cando no franquismo "o polo bo daba tabaco e o malo golpeaba", pero "ambos formaban parte do mesmo sistema que vostede defende", exemplificou Díaz. "Pídolle que tome medidas, porque é o máximo responsable político dos seus cargos igual que eu o sería se houbese casos de corrupción en Esquerda Unida", retou. Como Vázquez e Jorquera, Díaz tamén obtivo referencias foráneas, neste caso, o "caso de imputación" do ex tenente de alcalde de Sevilla, de IU, "que foi imputado por catro delitos", e reproches por cogobernar Andalucía xunto ao PSOE.

Feijóo, nun intre da sesión de control CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.