Gonzalo Pérez Jácome só deixará de ser alcalde de Ourense por dúas vías. Estas son a dimisión, que Jácome asegura non contemplar, ou unha moción de censura que, necesariamente, tería que ter a participación do PP. Pero xunto a cando menos dous dos tres grupos que dende xuño de 2019 e ata hai pouco máis dunha semana compuñan a oposición ao bipartito conformado polos propios populares xunto a Democracia Ourensana: PSdeG, BNG e Ciudadanos.
As normas antitransfuguismo introducidas coa reforma da lei electoral do ano 2011 supuxeron unha dificultade engadida para que, nun concello calquera, membros do grupo político do que forma parte o alcalde ou alcaldesa decidan unirse a outras formacións para arrebatarlle o bastón de mando mediante unha moción de censura. Nestes casos, a maioría absoluta non abonda, senón que este limiar -14 concelleiros, no caso do Concello de Ourense- se incrementa en tantos edís como concelleiros abandonen ao alcalde para cambiar de bando.
A lei eleva o limiar da maioría absoluta no caso de que edís do grupo do alcalde asinen unha moción de censura para desbancalo, polo que o PP e os díscolos de DO non terían votos dabondo para destituír a Jácome nin aínda que Ciudadanos se sumase á alianza
Aplicado ao caso de Ourense, os votos do PP (7) e dos 4 edís díscolos de Democracia Ourensana -o quinto compoñente dos membros de DO que denunciaron o alcalde na Fiscalía acusándoo de irregularidades financeiras, Mario González, renunciou á súa acta- non estarían a estes efectos a tres escanos da maioría absoluta. A participación deses 4 edís nunha moción de censura elevaría o limiar ata 18, polo que lles faltarían 7.
Nin sequera no hipotético caso de que o novo concelleiro de DO -o que substitúa o dimisionario, que segundo a lista tería que ser Telmo Ucha, a priori afín a Jácome- participase nesa operación e o PP lograse atraer a Ciudadanos: sumarían 14 escanos (7+5+2), maioría absoluta da corporación en condicións ordinarias. Pero con 5 edís do grupo do alcalde, o limiar pasaría a estar en 19, faltarían 5. Tamén se os díscolos pasasen previamente ao grupo de non adscritos. Daquela, o que o rexedor denominou como "golpe de estado" do PP e dos "traidores" de DO non tería efectivos dabondo para levar a cabo a súa declarada intención de derrubalo.
Deste xeito, calquera moción de censura faría imprescindibles as sinaturas do grupo do PP e, cando menos, tamén as dos representantes da que foi a primeira forza nas eleccións, o PSdeG. Xuntos sumarían 16 sinaturas, suficientes para impulsar unha moción de censura que aínda tería máis marxe se a rubricase tamén o Bloque (2 edís), chegando a 18 e á vintena se fose secundada por Cs.
Sen a participación do PP, Jácome podería seguir adiante co seu propósito de reter o goberno xunto a dous edís de DO
Un acordo multicor de tan amplo espectro (PSdeG+PP+BNG+C's) tamén sería viable para a moción de censura mesmo coa participación dos catro edís díscolos de DO que permanecen na corporación municipal. Neste caso, o limiar da moción de censura estaría en 18 edís e a alianza chegaría aos 24, os mesmo que no último pleno municipal votaron a prol da moción na que o Bloque reclamaba a dimisión de Jácome.
Se ningunha destas fórmulas prosperase, Jácome podería seguir adiante co seu propósito de reter o goberno xunto a dous edís (Armando Ojea e Ucha). Serían tres concelleiros de 27 que, proponse o actual rexedor, tentarían chegar a acordos "puntuais" co resto da corporación e gobernar o día a día empregando recursos legais como o nomeamento de edís non electos.
O PP non acode á xuntanza para explorar un posible cambio
Ao resultado desa votación no último pleno remitíase esta semana o propio BNG para instar "facer algo xa" porque "non se pode seguir coma se nada pasase no medio dunha pandemia que require que esta cidade teña un goberno que colla as rendas", afirmou a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, nunha visita á cidade xunto ao voceiro municipal, Luís Seara, a deputada ourensá Noa Presas e outros membros da formación. "Hai que facer efectiva a dimisión" reclamada na devandita iniciativa e iso é posible, resaltou, mediante unha moción de censura asinada polos mesmos edís que a votaron.
PSdeG e C's acudiron á xuntanza promovida polo BNG para negociar unha eventual moción de censura, que o PP desdeñou cualificándoa de "cortina de fume"
A proposta do Bloque pasa por que esa moción de censura, que legalmente debe incluír un nome para ocupar a alcaldía, "permita que goberne a lista máis votada", neste caso o PSdeG, como "solución máis acaída para desbloquear unha situación que non pode prolongarse máis". "Quen paga a incompetencia, as liortas e os pactos escuros do PP é a veciñanza de Ourense no medio dunha pandemia" e por iso, retou, os populares deben implicarse na solución. "Se fomos capaces de poñernos de acordo para pedir a dimisión de Jácome, temos que ser capaces de poñernos de acordo para desaloxalo da alcaldía", resume.
Con estas premisas sobre a mesa, o Bloque convidou o resto de grupos municipais a unha xuntanza para este xoves, día 17, no Liceo de Ourense. Responderon á convocatoria o voceiro municipal do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino, e mais o voceiro de Ciudadanos, José Araujo, antigo edil do PP. O PP, pola súa banda, decidiu non acudir.
PSdeG e BNG lamentan que o PP se "desentenda" da situación "insostible" propiciada tras a ruptura do seu bipartito con DO: "Déronlle a alcaldía a quen cualificaban de letal e agora abandonan o barco en plena tempestade"
"Isto é o que realmente lle importa Ourense ao PP? Hai pouco máis dun ano, dábanlle a alcaldía a unha persoa á que cualificaban de letal e agora, abandonan o barco en plena tempestade", lamentou Seara. O PP, pola súa banda, reduciu a xuntanza a unha "cortina de fume" na que decidiron non participar porque, esgrimiu o ex-alcalde e ex-conselleiro Jesús Vázquez, as conservadores non lles "marca a axenda un grupo minoritario", recolle La Región.
O líder local do PSdeG e potencial alcaldable nunha eventual moción de censura, Rodríguez Villarino, reiterou tras a xuntanza a súa disposición a "un cambio" que, ratifica, "tería o apoio dos tres grupos" que acudiron ao encontro. "Estamos abertos ao diálogo que xa fixemos cando gañamos as eleccións" e ante o que o PP, advirte, non pode "desentenderse" tras "botarse fóra do goberno" que formou con DO "para que Baltar tivese o goberno da Deputación". A cidade, resalta Villarino, non pode estar sumida nunha "situación insostible" da que fai responsables tanto a José Manuel Baltar como a Alberto Núñez Feijóo.