Gonzalo Pérez Jácome pasa á resistencia. Tras a marcha en bloque de todos os representantes do PP no bipartito que goberna o Concello de Ourense dende xuño de 2019, alargando a crise aberta por cinco concelleiros de Democracia Ourensana que acusan o rexedor de irregularidades na xestión económica do partido, Jácome advirte que a súa intención non é dimitir, como pretenden ambos grupos. Vai seguir adiante, afirma, fronte ao "golpe de Estado" urdido pola "trama" que, acusa, quere deixalo sen bastón de mando, contentando así á "xente espuria desta cidade".
Jácome di ser vítima dunha "trama" para forzalo a dimitir que comezou procurando meterlle "medo" cunha inminente detención "por corrupción" e asegura estar disposto a seguir adiante cun só concelleiro afín
Nunha comparecencia retransmitida a través da canle do consistorio en YouTube -que chegou a acadar algo máis de mil espectadores, cifra da que o alcalde se congratulou en varias ocasións-, Pérez Jácome debullou o que considera "unha das traizóns máis épicas da política municipal", unha desas traizóns que, di, adoitan sufrir as persoas que pretenden "cambiar o mundo". A "trama" ten como finalidade forzalo á dimisión, "chimpar o inimigo". Pero "eu non podo ceder á chantaxe" e por iso, mantén, a súa intención é seguir adiante malia contar na actualidade cun único concelleiro no goberno ademais de si mesmo, o edil Armando Ojea (DO).
Sempre segundo o relatado por Jácome, a "primeira fase" da "traizón" foi "a do medo" e comezou o pasado agosto, cando membros do grupo de edís díscolos de DO e tamén do PP "empezaron a dicir que me ían deter por corrupción, por un tema de facturas" e o instaron a dimitir antes de que se producise ese prendemento. Como esa dimisión non se produciu, indica, os devanditos cinco edís denunciárono á Fiscalía e, acto seguido, chegou "a fase do afogamento", coas dimisións en bloque.
Segundo Jácome, por tras da operación está a dirección do PP de Ourense avalada pola do PP de Galicia. José Manuel Baltar está "no allo", ilustrou, e ten como aliado en DO a Miguel Caride, concelleiro, deputado provincial e "avogado fiel" do propio alcalde "nos últimos dez anos". Caride, mantén, foi sinalado por "un emisario do PP de Santiago" -en referencia á dirección galega do partido" como clave para "garantir a estabilidade na Deputación", en referencia á maioría absoluta de Baltar. "Aí está, compraron a Caride", sinala.
"Estiveron comprando alcaldías e fixeron o mesmo cazando unha persoa de Democracia Ourensana da miña máxima confianza", di Jácome sobre o edil Miguel Caride, un dos que o denunciou ante a Fiscalía
A xuízo do rexedor ourensán, igual que o pasado verán os de Baltar "estiveron comprando alcaldías" pola provincia de Ourense -en referencia aos concellos nos que o PP accedeu ao poder nas últimas semanas apoiándose en tránsfugas-, "fixeron o mesmo na Deputación: cazaron unha persoa de Democracia Ourensana da miña máxima confianza". Do seu punto de vista, a secuencia é clara: "Primeiro gañan a Xunta, despois amarran a Deputación con Miguel Caride e despois, imos tentar conseguir o Concello de Ourense facendo que o alcalde dimita e senón, que lle dean polo cu a Ourense", dixo.
O rexedor ourensán atribúe ao PP e aos edís díscolos a intención de afastalo da xestión duns "1.000 millóns de euros" e di ter a intención de pactar cos diversos grupos municipais cada "proxecto" que queira sacar adiante
Pero, cal é a intención desta "trama"? Para Jácome, non é outra que evitar que el siga ao "temón" mentres o Concello ten que asignar "1.000 millóns de euros" en diferentes operacións, dende as derivadas do aínda pendente Plan Xeral de Ordenación Municipal ata grandes concesións como as do servizo de augas ou lixo.
Outra das causas, mantén, é que "non accedín á chantaxe dos medios de comunicación" e nomeadamente, acusa, á do xornal local La Región, con cuxa empresa editora mantén un agre enfrontamento, especialmente dende que DO levou á xustiza o pagamento de 2,7 millóns de euros por parte da Deputación para a compra do arquivo do diario, operación anulada polos tribunais.
Neste escenario, cando menos de momento o consistorio ourensán ten á súa fronte un goberno de dous membros e con outros 25 edís fóra del. Entre eles están os 7 concelleiros do PP e catro dos cinco díscolos de DO -un xa dimitiu- á espera de saber a posición que adoptará o seguinte membro de DO que acceda á corporación. A intención de Jácome, asegura, é tentar pactar cada "proxecto" que queira sacar adiante. Mentres, PSdeG (9 edís, primeira forza da corporación) e BNG (2 edís) instan a DO e aos populares a deixar paso a un goberno alternativo.