Ourense foi a única provincia na que o PP cedeu un escano nas eleccións galegas, nas que sumou no resto de circunscricións, pero desde hai mes e medio os populares están a acrecentar aínda máis o seu poder municipal a costa doutras formacións
O 9 de xullo, tres días antes das eleccións, o presidente do PP ourensán, José Manuel Baltar, aseguraba que a formación tería na provincia “de novo un papel decisivo” para dar a presidencia da Xunta a Feijóo. Non foi así e o PP baixou en Ourense de 9 a 8 escanos fronte aos aumentos dun escano para os populares en cada unha das outras tres provincias. Porén, desde aquel 12X o PP ourensán non fai máis que reforzarse, sumando neste tempo catro novas alcaldías, ata un total de 60 das 92 existentes na provincia, e vendo agora como o seu principal punto feble, a Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome coa que tivo que pactar hai un ano para manter a presidencia da Deputación, amosa divisións internas.
Tránsfugas do PSdeG danlle aos populares as alcaldías de Castrelo de Miño e Viana do Bolo, e un ex do BNG a de San Xoán de Río
Foi menos de dúas semanas despois do 12X cando, o 24 de xullo, o PP de Ourense gañaba unha nova alcaldía, a de Laza, ao dimitir o anterior rexedor, o socialista Jesús Blanco, tras romperse o pacto coa marea local que lle era o posto logo das municipais de maio do pasado ano. Tras a dimisión do socialista, no pleno de investidura dun novo rexedor a falta de acordo entre outras forzas fixo alcalde ao cabeza da lista máis votada nas eleccións, o popular José Ramón Barreal.
O 11 de agosto era unha moción de censura a que lle daba ao PP a alcaldía de Castrelo de Miño, ata ese momento en mans de Esteban Suárez, do BNG. O popular Avelino Pazos convertíase en rexedor ese día grazas ao voto de dous tránsfugas que deixaron o PSdeG.
Menos dunha semana despois anunciábase outra moción de censura, aínda pendente de votarse, para levar o PP á alcaldía de Viana do Bolo igualmente co apoio de dous tránsfugas do PSdeG. Neste caso o nacionalista Secundino Fernández terá que deixar o bastón de mando a un dos tránsfugas, que se repartirá o que resta de mandato municipal co popular Andrés Montesinos, ao que acordou cederlle a alcaldía dentro de ano e medio.
E este mércores a operación que se concretaba era a fichaxe como afiliado do PP do alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, que se presentara ás eleccións de hai un ano encabezando unha agrupación de electores independente despois de que el mesmo fose concelleiro polo BNG entre 2007 e 2011 e estivese posteriormente ligado a Anova.
A esta colleita de novas alcaldías, tras a que socialistas e nacionalistas ven a man do propio Baltar, con acusacións mesmo de compra de vontades, hai que engadir o rebumbio de declaracións arredor dunha posible crise interna en Democracia Ourensana (DO) que está a debilitar a posición política da formación á que os populares entregaron a alcaldía da capital a cambio de conservar a presidencia da Deputación. O propio líder de DO, Gonzalo Pérez Jácome, contribuíu esta semana a acrecentar os rumores ao publicar nas redes sociais que “estaba no aire que pasadas as eleccións autonómicas de xullo 2020 empezarían movementos”, que non describe pero que atribúe a “intereses económicos espurios que sempre gobernaron esta cidade”. “A man que mexe os cartos, é a man que domina o mundo”, sentenciaba.
Despois de que varios medios publicasen que a división interna en DO tería a súa orixe en discrepancias sobre as achegas económicas ao partido por parte dos seus cargos electos, este xoves Jácome respondeu ás acusacións asegurando que a súa formación ten ese tipo de doazóns nun nivel máis baixo que o resto de formacións, no 15% do salario anual.