Segunda moción de censura tras o 12X impulsada polo PP de Ourense e tránsfugas, agora en Viana do Bolo

Casa do Concello de Viana do Bolo CC-BY-SA La fábrica de nubes

Os populares acordan con ex-concelleiros do PSdeG, condenados “contundentemente” polos socialistas, arrebatarlle outra alcaldía ao BNG unha semana despois de facer o mesmo en Castrelo de Miño

Tiveron que pasar as eleccións galegas do 12 de xullo para que se puxera en marcha a maquinaria das mocións de censura contra as alcaldías electas tras as municipais de hai un ano. Se o martes da pasada semana se concretaba a operación coa que o PP de Ourense, liderado por Manuel Baltar, se facía apoiándose en tránsfugas do PSdeG coa alcaldía de Castrelo de Miño, ata ese momento en mans do BNG, este martes anunciábase unha operación similar en Viana do Bolo. Alí o ata agora alcalde desde 2015, o nacionalista Secundino Fernández, será apartado do posto tras un acordo entre o PP e dous dos tres concelleiros do PSdeG, que deixaron ese grupo a finais de xullo. 

Este martes o PSdeG de Ourense condenou “contundentemente” a operación, que atribuíron directamente, como hai unha semana en Castrelo de Miño, a Baltar, a quen acusan de tratar de “conseguir a través de tránsfugas o que non acadaron nas urnas cos votos da veciñanza”. Os socialistas ourensáns acusan aos seus dous ex-concelleiros, Abelardo Carballo e Santiago Barja, de “boicotear” o intento de PSdeG e BNG de chegar a un acordo de gobernabilidade para o concello despois de que hai un ano os tres concelleiros socialistas desen a alcaldía aos nacionalistas, empatados a catro concelleiros cos populares, formación máis votada.

Carteis contra a moción de censura do pasado martes 11 de agosto en Castrelo de Miño CC-BY-NC-SA Praza Pública / Cedida

Os socialistas ourensáns atribuíron a operación á necesidade do PP de garantirse o control do partido xudicial ante o risco de perder a Deputación tras as próximas municipais, despois de que tras as do pasado ano xa tivesen que recorrer a un pacto con Democracia Ourensana ante a perda da súa maioría absoluta no pleno provincial.

A diferencia da operación de Castrelo de Miño, que supuxo a alcaldía para o PP, en Viana do Bolo a alcaldía irá a parar inicialmente para un dos tránsfugas, Carballo, e dentro dun ano e medio pasaralla ao popular Andrés Montesinos. 

O PP defende a operación como necesaria para a "rexeneración política e social" da vila

Tras anunciarse a moción de censura, o BNG tamén condenou a operación e amosou o seu apoio aos seus concelleiros, mentres que o PP de Ourense defendeu o acordo como necesario para a “rexeneración política e social” da vila.

A comezos do anterior mandato a xustiza xa anulara un acordo plenario que decretara deixar vacante a acta de concelleiro Secundino Fernández, xa alcalde, por unha suposta incompatibilidade para ocupar o cargo. O acordo plenario, aprobado a iniciativa do PP e grazas á abstención do daquela único edil do PSOE e dun dos concelleiros do BNG, supuña que Fernández debía deixar a alcaldía, pero este denunciou ante a xustiza a vulneración dos seus dereitos fundamentais e obtivo a razón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.