O PP faise coa alcaldía de Castrelo de Miño mediante o voto de dous tránsfugas

Un intre do pleno de Castrelo de Miño no que saíu adiante a moción de censura do PP xunto a dous edís tránsfugas CC-BY-NC-SA Praza Pública / Cedida

Trece anos despois, o PP volve gobernar no concello ourensán de Castrelo de Miño. A formación conservadora, segunda en votos nas eleccións municipais de 2019 e empatada a 3 escanos co grupo máis votado, o BNG, e máis coa terceira formación da corporación, o PSdeG, ergue o bastón de mando na vila dende este 11 de xullo grazas ao triunfo da moción de censura que impulsou da man de dous tránsfugas electos polo PSdeG, Francisco Pérez e Jaime Fontanes.

O novo rexedor, o popular Avelino Pazos, chega á alcaldía tras un axitado pleno, marcado polas protestas de militantes e simpatizantes do BNG, que acudiron á casa do Concello na defensa de quen foi alcalde ata este martes, Esteban Suárez. A xuízo de Suárez, a moción de censura que vén de triunfar ten dúas causas: "as ansias de poder do PP de Ourense", pero tamén "as ansias de cartos dos dous concelleiros tránsfugas", acusou. Para Pazos, "aquí fíxose democracia" e o PP chega para "acabar co caciquismo".

Carteis contra a moción de censura, este 11 de agosto en Castrelo de Miño CC-BY-NC-SA Praza Pública / Cedida

O xa ex-alcalde, Esteban Suárez (BNG), atribúe a moción de censura ás "ansias de poder do PP de Ourense" e "ás ansias de cartos dos dous concelleiros tránsfugas"

Despois de que o propio Bloque denunciase ante a Fiscalía provincial de Ourense o que considera unha operación de "suborno" por tras da moción de censura, o xa ex-rexedor advirte de que o Bloque disponse a traballar dende a oposición "a este goberno ilexítimo" e fronte aos "tentáculos dos Baltar" que, advirte, agora pasan a erguer o bastón de mando.

"Lembrádeo ben cando teñades que escoller unha papeleta en 2023, o BNG non se vende a ninguén", advertiu Suárez. "Dentro de tres anos, volveremos gobernar Castrelo de Miño", augura o nacionalista, a cuxo xuízo vén de quedar demostrado que o Bloque é "a única alternativa que non se vende".

O PP de Ourense ameaza cunha denuncia á agora única concelleira do PSdeG en Castrelo por afirmar que lle "ofreceran" cartos a cambio de apoiar a moción de censura

Mentres, o PP ourensán celebra que suma outra alcaldía tras unha moción de censura abertamente avalada polo tamén presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e que os conservadores atribuíron a unha intención de procurar a "normalidade democrática" en Castrelo de Miño. Fano tamén despois de ameazar con levar aos tribunais á que agora é a única concelleira do PSdeG na vila, Catalina González, quen mantivo que "ofreceran 42.000 euros" e lle "falaran dun posto na Deputación" a cambio de sumarse tamén á moción.

O PP de Ourense asegura non estar disposto a "tolerar" que "se recorra á falsidade" para "atentar" contra o partido. "Calquera actuación deste tipo terá as súas consecuencias xudiciais", ameazan os conservadores, quen nos días previos ao debate da moción de censura en Castrelo asegurou estar "a analizar as declaracións" da edil socialista para "presentar unha denuncia, como mínimo, por un delito de calumnias".

Tras o pleno en que ficou consumada a moción de censura, José Manuel Baltar volveu aplaudir o acontecido. Dende as súas redes sociais, o líder popular asegurou que se dispón a inaugurar unha "etapa de máxima cooperación" da Deputación co Concello de Castrelo de Miño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.