O BNG é primeira forza nas eleccións municipais no pequeno concello ourensán de Castrelo de Miño -1.349 habiantes- dende os comicios de 2011. O PP non ostenta esta condición no municipio dende o ano 2007. Nas últimas eleccións locais, as de 2019, o BNG perdeu mantívose como primeira forza pero perdendo dous edís -pasou de 5 a 3- que gañou o PSdeG local, tras aumentar case dez puntos en porcentaxe de votos, pasando de 1 a 3. O PP, mentres, avanzara pouco máis dun punto e mantivérase en 3 concelleiros.
Así, con tres grupos de 3 edís cada un, botou a andar unha corporación na que BNG e PSdeG conformaban unha ampla maioría -6 de 9- e o nacionalista Esteban Suárez recolleu o bastón de mando do histórico Xurxo Rodríguez, a quen remudara como cabeza de cartel do Bloque. Suárez, que goberna en minoría en ausencia dun pacto co PSdeG, vive nestes días as que previsiblemente serán as súas últimas xornadas na alcaldía. O PP local vén de activar unha moción de censura para chegar ao goberno da man de dous tránsfugas do PSdeG local, xa "expulsados" do partido, segundo confirma a dirección provincial dos socialistas.
O PP apela á "normalidade democrática" para desaloxar da alcaldía o BNG, primeira forza nas eleccións municipais en Castrelo de Miño dende 2011
Co aval explícito do presidente da Deputación e do PP na provincia, José Manuel Baltar, os conservadores aseguran que activan esta operación para "devolver o concello á normalidade democrática e institucional" e non aforran eloxios cara aos dous tránsfugas, Francisco Pérez e Jaime Fontanes, que anunciaron que se desligaban do PSdeG en vésperas das eleccións galegas. Os dous edís ex-socialistas non teñen máis ca "vontade de traballo", eloxia o previsible novo alcalde, Avelino Pazos, líder do PP local.
A dirección do BNG ve de "enorme gravidade" o que acontece en Castrelo, advirte dunha operación semellante en Viana do Bolo e reclama a intervención das direccións de PP e PSdeG
Para a Executiva Nacional do BNG, o que está a suceder en Castrelo é de "enorme gravidade" por ser o que consideran "unha pinza PP-PSOE para arrebatar alcaldías ao BNG na provincia de Ourense coas peores mañas do transfuguismo". Non en van, advirten, está a prepararse unha operación semellante en Viana do Bolo.
As direccións de PP e PSdeG deben "tomar cartas no asunto" ante unha moción de censura que, censuran os nacionalistas, foi "planificada con nocturnidade", pero agardando a que pasasen as eleccións galegas para "enganar a veciñanza, evitando que expresase nas urnas a súa opinión sobre esta manobra".
O PSdeG de Ourense afirma que non pode "facer outra cousa que expulsalos, por traizón e deslealdade" ao participar nunha "compra de vontades" que atribúen a Baltar
Dende a dirección provincial do PSdeG en Ourense aseguran rexeitar o acontecido, que cualifican de "traizón ao partido e aos votantes" por parte duns edís que "por dignidade", deben "entregar as súas actas". "Dous concelleiros conspiraron co PP para levar a cabo unha moción de censura" que a dirección do partido "non avala", afirma o secretario de organización provincial dos socialistas, Juan Carlos Francisco. "Non podemos facer outra cousa que expulsalos, por traizón e deslealdade".
Os socialistas reclaman tamén a intervención directa de Alberto Núñez Feijóo na súa calidade de presidente do PP en Galicia. O que está a acontecer, asegura a voceira do PSdeG en Castrelo, Catalina González, é unha "compra de vontades" nun acto "totalmente ilexítimo". "Dúas persoas botan por terra o traballo de moitos anos dos socialistas de Castrelo para secuestrar a vontade popular" e situar o PP na alcaldía "contra o decidido democraticamente", lamenta.
"Sempre falamos dos corrompidos", agregan os socialistas por boca do seu secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, pero "tamén hai que falar do corruptor" quen, ao seu xuízo, non é outro ca Baltar. "Hai un grupo de intereses económicos que se dedica a expandir os seus tentáculos para facerse co control político e social da provincia e degradala aínda máis do que a levan degradando nestes 34 anos", lamenta.