O vindeiro 10 de decembro o líder do PP de Mugardos, Juan Domingo de Deus, converterase con toda probabilidade no novo alcalde da vila. Erguerá o bastón de mando cos votos dos 5 edís populares e mais dos 3 socialistas, todos eles asinantes da moción de censura rexistrada o pasado luns no consistorio contra a alcaldesa da vila, Pilar Díaz (Esquerda Unida), sen o aval da dirección do PSdeG, que non obstante circunscribe o acontecido ao eido estritamente local.
A convulsión política no Concello de Mugardos remóntase a moito antes das últimas eleccións municipais. No anterior mandato municipal Pilar Díaz chegou ao poder en 2016 grazas a unha moción de censura que remataba co breve período de goberno da dereita nun municipio historicamente gobernado pola esquerda -dende o Partido Comunista de Galicia ata o PSdeG e o BNG-. Aquela moción fora pactada por EU con Iniciativa Cidadá de Mugardos e o BNG, formacións que abandonaran o goberno local apenas un ano despois censurando maneiras "unilaterais" da rexedora na toma de decisións.
A moción de censura chega despois da ruptura do pacto de goberno entre EU e PSdeG, episodio semellante ao acontecido no pasado mandato con ICM e BNG
Tras as municipais do pasado maio, a suma de EU e o ascendente PSdeG local chegou aos 7 edís da maioría absoluta e ambas formacións pactaron in extremis un goberno de coalición que rachou o pasado outubro, apenas catro meses despois de se formar. A alcaldesa decidiu retirarlle competencias á tenencia de Alcaldía do socialista José Ángel Martínez Berdanca e os socialistas retrucaban denunciando decisións "unilaterais" de Díaz, que á súa vez atribuía ao PSdeG local o atasco de diversos asuntos municipais. O pacto acabou rompendo nun contexto no que medraban as críticas ao consistorio por cuestións como a condena por impedir facer folga o 8M a dúas traballadoras.
A moción sinala como motivos a "falta de diálogo" da alcaldesa e desequilibrios nas contas do Concello, entre outros
Este é o contexto no que comezaron os contactos entre PP -primeira forza da corporación, con 5 edís- e os socialistas mugardeses. As conversas frutificaron nunha moción de censura cuxo texto atribúe ao goberno local -actualmente con 4 de 13 edís da corporación- "falta de diálogo", "imposibilidade de dar estabilidade ao Concello por romper todos aqueles partidos cos que realizou pactos de goberno", "incapacidade de xestión" ou un desequilibrio de 600.000 euros nos orzamentos municipais, segundo o texto rexistrado. O PSdeG da vila prevé investir o popular De Deus como alcalde pero non entrar no seu goberno, senón manterse na oposición e "consensuar" os orzamentos anuais e outras medidas concretas, di o texto da moción.
A derivada galega
Malia que as dúas forzas asinantes da moción de censura circunscriben o acontecido ao eido local, a decisión tivo unha inevitable lectura galega, máis aínda por chegar a menos dun ano das eleccións ao Parlamento e xusto cando PSOE e Unidas Podemos negocian unha coalición para o Goberno de España. Para a Executiva Nacional de Esquerda Unida esta moción de censura "é dunha gravidade extrema" porque "vai en contra do que se configura no Estado e da alternativa a Feijóo nas autonómicas".
A organización que encabeza a deputada Eva Solla optou por pedir explicacións á Executiva Nacional do PSdeG, toda vez que ven esta moción como "un grave retroceso" que "nin soluciona a vida dos mugardeses nin coloca as forzas progresistas nun escenario propicio para as tarefas futuras". Ademais, acusan, vén "culminar unha serie de bloqueos e tentativas de tombar o goberno municipal de Esquerda Unida".
Esquerda Unida ve "dunha gravidade extrema" a moción de censura por ir "contra a alternativa a Feijóo"; a dirección do PSdeG circunscribe o acontecido ao eido local e nega que aposte por "acordos co partido que pacta coa extrema dereita"
Na dirección do PSdeG, pola súa banda, optouse polo perfil baixo ante a moción, se ben subliñando que non conta co seu aval. Preguntado ao respecto, o secretario xeral do partido, Gonzalo Caballero, subliñaba este luns en rolda de prensa que o PSdeG non ten "acordos co PP" e parte da base de que "non podemos darlle ás ao partido que pacta coa extrema dereita", advertindo de que o que acontece en Mugardos non é extrapolable a ningún outro lugar.
Na contorna da Executiva Nacional dos socialistas galegos incomoda a situación de Mugardos e mesmo non cabe desbotar, segundo fontes consultadas por Praza.gal, que chegue a emprender medidas contra os concelleiros asinantes no caso de que o pacto acabe frutificando co PP na alcaldía da vila. Así e todo, as mesmas fontes socialistas especifican que o acontecido responde á dinámica interna do municipio, marcada pola mala relación entre a alcaldesa e o resto de grupos da esquerda local, e non responde a unha decisión do PSdeG para apoiar ao PP en detrimento de alianzas progresistas.