O xulgado do Social número 2 Ferrol condenou o Concello de Mugardos por vulnerar o dereito á folga de dúas traballadoras municipais durante o pasado 8 de marzo. A sentenza considera probado que o Goberno local obrigou as dúas empregadas a acudir ao seu posto de traballo, a pesar de non estar incluídas nos servizos mínimos fixados previamente. O Concello deberá indemnizalas con 1000 euros a cada unha.
A CIG celebra que "se recoñeza que houbo unha violación do dereito fundamental á folga e que, por capricho da alcaldesa, se ignoraron os servizos mínimos"
O ditame subliña, ademais, que se tratou dun acto arbitrario, xa que, ademais de saltarse o acordo de servizos mínimos pactado co comité, o traballo das dúas empregadas non afectaba a servizos esenciais.
A decisión xudicial foi celebrada por CIG e CC.OO., que denunciaron a situación no seu momento, e que levan dende entón mobilizándose por esta cuestión. Carmem Viso (CIG) salienta a importancia de que "se recoñeza que houbo unha violación do dereito fundamental á folga destas compañeiras e que, por capricho da alcaldesa, se ignoraron os servizos mínimos negociados coa representación social para obrigalas a acudir aos seus postos".
CC.OO. ten aínda presentada unha demanda no Xulgado do Contencioso-Administrativo por este mesmo asunto
A CIG pedía tamén que o Concello fose condenado por vulnerar o dereito da central sindical como entidade xurídica convocante da folga de mulleres de 24 horas do 8 de Marzo, algo que a sentenza finalmente non recoñeceu. De igual xeito, a central lamenta que non se condene de maneira subsidiaria a Pilar Díaz (alcaldesa de Mugardos) ao tratarse "dunha decisión propia que a rexedora converteu en algo persoal".
Pola súa banda, CC.OO. ten aínda presentada unha demanda no Xulgado do Contencioso-Administrativo por este mesmo asunto, sinalando a central que espera que se resolva "nos mesmos termos". O sindicato critica que no transcurso das relacións laborais no Concello de Mugardos "se tomen decisións unilaterais e arbitrarias que cheguen ata límites que vulneran os dereitos laborais e fundamentais".
O Concello de Mugardos está gobernado por Pilar Díaz (Esquerda Unida) dende o ano 2016, momento en que triunfou unha moción de censura apoiada por EU, Iniciativa Cidadá de Mugardos e o BNG contra o anterior rexedor (Juan Domingo de Deus, PP). Nos comicios do 26M Esquerda Unida pasou de 3 a 4 concelleiros e volveu ser a primeira forza da esquerda, necesitando o apoio de PSdeG-PSOE e BNG para revalidar a alcaldía e evitar un Goberno do Partido Popular.