A Xunta vulnerou o dereito a secundar a folga feminista do 8 de marzo de 2018 en varios departamentos que dependen dela. Así o sentenciou por tres veces o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O alto tribunal galego chegara a esta conclusión o pasado abril a instancias do sindicato CUT cinguíndose unicamente Televisión de Galicia. Volveuno facer en setembro atendendo senllos recursos da CIG e CC.OO. no referido á Presidencia da Xunta, o centro de emerxencias 112, o Parque das Illas Atlánticas e, novamente a CRTVG. E sentencia no mesmo sentido este outubro en referencia ao servizo de urxencias sanitarias do 061, outra volta tras recurso da CUT.
O TSXG anula a instancias da CUT os servizos mínimos do 100% na central telefónica do 061 por seren os mesmos que os que rexeron o 8M para o persoal médico ou de ambulancias sen "motivación"
A sección primeira da sala do Contencioso-Administrativo do TSXG considera, nunha sentenza ditada este 24 de outubro, que o Goberno galego pasou por riba do dereito a participar na folga do 8M. Nomeadamente, no caso do persoal da central telefónica do 061 que está contratado pola empresa Grupo Norte, adxudicataria do servizo e fonte de conflitos laborais por outras razóns nos últimos meses. Segundo a Sala, a orde coa que a Consellería de Sanidade fixou os servizos mínimos do 8M nos ámbitos da súa competencia adoeceu de "ausencia de motivación" neste servizo, xa que "non concreta de maneria expersa os servizos mínimos para o ámbito de actividade da atención telefónica". Así o "recoñeceu" a propia asesoría xurídica da Xunta durante o proceso, di a demanda.
Instalacións da central do 061 no seu novo emprazamento da Estrada / Xunta
A orde, explica o tribunal no seu ditame, "limitouse a fixar" uns servizos mínimos do 100% por "vinculación" do resto de persoal do 061. Para facelo non utilizou "nin razoamentos, nin xuízos de ponderación nin xustificación", agás a referencia a un "informe da Fundación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061" cuxo contido "non se reproduce nin sucintamente na orde impugnada nin supón maior concreción". Neste contexto, explica o tribunal, o sindicato recorrente "non discrepa nin do carácter esencial do servizo 061" nin de que os servizos mínimos tivesen que ser do 100% nalgunhas das súas áreas, como as do persoal estritamente sanitario ou do que conduce ambulancias e pilota helicópteros, senón de que as restricións ao dereito á folga destes traballadores se estendese a quen traballan na atención telefónica.
A sentenza lembra ao Goberno galego que a motivación dos servizos mínimos debe ser "especialmente rigorosa á hora de xustificar os recortes no dereito á folga" cando se trata de mobilizacións de "curta duración", como neste caso
Entre referencias a abondosa xurisprudencia ao respecto, o TSXG conclúe que debe anular a orde dos servizos mínimos para o persoal de atención telefónica do 061 dependente do Grupo Norte e inclúe unha advertencia. A motivación dos servizos mínimos debe ser "especialmente rigorosa á hora de xustificar os recortes no dereito á folga cando, como aquí acontece, a folga é dunha curta duración, 24 horas". O que está en xogo, lembra o ditame, é un dereito fundamental.
Esta nova condena á Xunta, que neste caso non inclúe pronunciamento sobre o pagamento de custas xudiciais e contra a que cabe recurso de casación, prodúcese nun contexto no que fontes xurídicas consultadas por Praza.gal constatan certo malestar no ámbito do Tribunal polos recorrentes quebrantamentos do dereito á folga por parte da Xunta. As mesmas fontes atribúen a ese descontento a que na devandita sentenza condenatoria do pasado setembro a mesma sección do TSXG lembrase que o Goberno galego estaba a incorrer nas "mesmas vulneracións" do dereito á folga que "repetira" en anteriores convocatorias e que xa foran condenadas pola Xustiza en diversas sentenzas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, restara importancia a estas condenas, reducíndoas a unha "mala dimensión" dos servizos mínimos nalgunhas áreas da Administración.