O Supremo confirma integramente a condena á TVG por vulnerar o dereito a folga na mobilización feminista do 8M de 2018. O alto tribunal, nunha sentenza emitida o pasado mes de xaneiro, confirma outra do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenou a CRTVG pola "esquirolaxe interna" que supuxera a substitución da presentadora do Galicia Noticias, que se adheriu á convocatoria de folga do sindicato CUT, polo editor do programa co obxectivo de minimizar o impacto daquela protesta.
O Supremo acusa a CRTVG de substituír a presentadora para "limitar o dereito de folga" e "neutralizar o efecto propio e esencial do exercicio dese dereito"
"É evidente que a demandada activou medidas co obxectivo de limitar o dereito de folga como foi a de substituír traballadores folguistas por outros traballadores de nivel superior, para neutralizar o efecto propio e esencial do exercicio daquel dereito fundamental como é a paralización da actividade", di o Supremo na sentenza á que tivo acceso Praza.gal, na que engade a relevancia desa paralización nunha empresa "onde a falta de emisión de programas televisivos preséntase tamén como medio de difusión do seguimento daquel exercicio e do cumprimento dos seus obxectivos".
O alto tribunal rexeita o recurso da CRTVG e asegura que non houbo causa ningunha que "xustificase" que o programa, que non estaba dentro dos servizos mínimos, fose "emitido malia estar en folga a traballadora que habitual e normalmente o presentaba". E advírtelle á Corporación polas súas argumentacións dicíndolle que a súa substitución non "potenciou máis o efecto da folga", como xustificou, porque iso "non se acada substitutíndo con outros traballadores ese posto ou todos os ocupados por traballadoras".
O Supremo lémbralle á corporación dos medios públicos que "precisamente o que non permite a lei é a substitución en caso de folga" e que no caso da presentadora, ao decidir exercer o seu dereito, a situación xa non é "a corrente ou ordinaria" nunha relación laboral, senón unha "propia e específica do dereito de folga, onde o conflito vén expresado mediante medidas de presión" das que dispón o persoal "na defensa dos seus intereses".
A presentadora habitual do 'Galicia Noticias' fora substituída polo seu xefe, unha conduta "encadrable dentro da esquirolaxe interna"
A alerta sindical naquela xornada saltara ás poucas horas do inicio da folga feminista. Dende o comité de empresa da CRTVG advertírase de que a compañía pública estaba a tentar "rebentar" a xornada de mobilización ao estar "chamando e convocando traballadores" para "substituír as mulleres que estaban exercendo o seu dereito" a participar na protesta, abeirada nunha convocatoria de folga xeral de 24 horas -da CUT- e de paros parciais -da CIG, CC.OO. e UGT-. O caso máis rechamante, avisaran, fora precisamente a substitución por un home da presentadora do Galicia Noticias, que fora á folga.
Aquela remuda deu lugar a unha sentenza do TSXG en abril de 2018 que acreditou que, efectivamente, a presentadora habitual deste informativo non acudira a traballar e as súas funcións foron exercidas nesa xornada polo editor do espazo, o seu "xefe". Neste sentido, o TSXG retrucou aos argumentos da empresa pública que "a cuestión non é" se este "superior" xerárquico da xornalista "pode realizar dentro do programa" a "función de presentar", senón "se tal función é a que realiza de forma habitual" a traballadora que nesa xornada foi á folga. O xulgado dá por por probado que isto sucedeu e que se trata "dunha conduta encadrable dentro da esquirolaxe interna".
Aquela "actuación", indicaba o ditame xudicial, "tivo a súa orixe nun mandato empresarial", xa que "foi a CRTVG quen substituíu" á presentadora por outra persoa "ante a ausencia (...) por exercicio do dereito á folga". A representación da canle pública argumentou durante o proceso que propiciara a remuda con ánimo "conciliador", precisamente para aceptar a demanda sindical de que "non houbese ningunha muller en pantalla ese día". No entanto, "esa afirmación non se ve corroborada polas probas", toda vez que, entre outros aspectos, a compañía "incluíu tanto homes como mulleres" na "relación nominal de traballadores para cubrir os servizos mínimos", entre os que non estaba o Galicia Noticias.
A Corporación debe abonarlle ao sindicato CUT unha indemnización de máis de 15.600 euros
Máis adiante, hai agora un ano, o comité intercentros da CRTVG denunciara o que consideraba un "grave caso de grave represalia" contra esta mesma traballadora pola súa “participación activa nos venres negros e a súa significación pública na defensa da independencia dos medios públicos e a defensa da lingua”, así como por ser quen sufriu o boicot exercido pola TVG á folga feminista do 8-M e que lle valera a devandita condena xudicial á televisión pública.
Agora, o Tribunal Supremo confirma que a CRTVG debe abonarlle á CUT unha indemnización por danos e prexuízos na contía de 15.625,50 euros, engadindo a obriga do pagamento das custas procesuais, e a perda dos depósitos, un gasto público que o sindicato considera "innecesario e arbitrario pola claridade dos feitos que lle mereceron o reproche dos tribunais: agochar deliberadamente os efectos da folga de mulleres".
Varias condenas nos últimos meses contra a CRTVG
Este ditame xudicial é un máis dos varios que nos últimos meses foron emitidos contra a CRTVG. De feito, respecto dun paro o 19 de decembro de 2009, o TSXG condenara a Corporación por vulnerar o dereito de folga tras sentenciar que incorrera tamén en “esquirolaxe interna” ao encomendar a unha traballadora “non folguista” a presentación dun programa non incluído nos servizos mínimos que correspondería conducir a “traballadores que seguían a folga”.
En setembro de 2018, a Xustiza condenara a Xunta por uns servizos mínimos “maliciosos” e vulnerar así o dereito á folga feminista no 8M, tamén na CRTVG. No mesmo mes, pero do ano pasado, o TSXG anulou os servizos mínimos impostos pola Corporación para a folga do 19 de decembro e o paro parcial do 22 por ser contrarios ao ordenamento xurídico.