0 Gardados para despois

O comité acusa a TVG de "rebentar" a folga substituíndo postos de mulleres en folga con homes

Redacción | @prazapublica

O comité de empresa da CRTVG acusa a dirección da compañía de "rebentar" a folga feminista deste xoves ao estar chamando e convocando traballadores dispoñibles "para substituír as mulleres que están exercendo o seu dereito" ao paro na televisión pública. O caso máis chamativo, e que impediu unha maior visibilización da xornada reivindicativa, foi o da presentadora do informativo Galicia Noticias, que decidiu facer folga e non acudiu ao traballo. Malia que, segundo a lexislación, o posto dunha folguista non pode ser ocupado por outra persoa, un compañeiro foi requirido e acabou presentando o programa. 

O posto da presentadora do 'Galicia Noticias' en folga foi ocupado por un compañeiro home

"Os postos de traballo das folguistas non poden ser ocupados", lembran desde o comité, que advirte de que noutras seccións como na de grafismo "se están a mover os homes que viñeron traballar para que ocupen os postos das mulleres que faltan". Ademais, amosan a súa "indignación" pola postura da dirección da CRTVG por "facer moi difícil visibilizar o paro nuns medios públicos onde os servizos mínimos xa son abusivos". "Están repoñendo programas e  empregando emisións gravadas, rebentando as posibilidades de folga", insisten. 

Algunhas das persoas chamadas para realizar esta substitución foron dispensadas de seguir traballando tras coñecerse a denuncia do comité

Así, desde o comité aseguran que denunciarán a situación ante a actitude dunha dirección que, segundo lles manifesta, entende que a lexislación "é interpretable" nestes casos e que están no seu dereito de substituír os postos que non son ocupados. Ademais, lamentan que mentres en televisións privadas "están a caer emisións" pola incidencia da folga, a TVG mantena "emitindo programas gravados e informativos con novas que nin tan sequera cumpren o papel de esenciais ou de seren incluídas entre os servizos mínimos". 

Apenas dúas horas despois de que transcendese a denuncia pública do comité, algunhas das persoas chamadas para realizar esta substitución foron dispensadas de seguir traballando, segundo afirman fontes da compañía consultadas por Praza.gal

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.