A política en xeral e a municipal en particular sempre ten un lugar para o imprevisible. Máis aínda cando se trata da elección das alcaldías, cando as razóns partidarias e ideolóxicas se combinan coas locais e, en ocasións, mesmo coas persoais. Algunhas ou mesmo todas estas variables estiveron sobre a mesa nas sesións constitutivas de, cando menos, tres concellos. En Mondariz, Catoira e Fene non operaron as lóxicas de bloques e nin sequera as directrices xerais das direccións de cada partido.
Nos dous primeiros destes concellos os votos do PP foron cruciais para elixir a alcaldía pero non para un aspirante popular, senón para os cabezas de lista do BNG. En Mondariz o novo alcalde é Emilio Barros, do Bloque, que con 3 edís foi segunda forza da corporación liderada pola formación Alternativa por Mondariz, con 4. Os 3 votos dos nacionalistas, os 2 do PP e o único do PSdeG déronlle a maioría absoluta a Barros, que negou negociación ningunha cos populares e que, en declaracións aos medios, asegurou que a súa intención é buscar apoios "progresistas" para gobernar.
Pontón xa avanzou medidas contra o candidato do Bloque en Catoira
Os votos dos populares tamén foron clave para que erguese o bastón de mando o candidato do BNG en Catoira, Xoán Castaño, que foi segunda forza con 3 edís, por tras dos 5 do PSdeG, que gobernaba a vila dende había tres décadas da man de Alberto García. Os 3 concelleiros do PP votaron a candidatura de Castaño e converteuse en rexedor, se ben pouco despois a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, anunciaba que a Executiva Nacional prevé tomar "medidas" contra Castaño, toda vez que o "criterio" xeral pasaba por "facilitar gobernos alternativos ao PP apoiando á forza nacionalista ou de esquerda que recibise máis apoio nas urnas", neste caso os socialistas.
En Fene os socialistas votáronse a si mesmos e propiciaron que a alcaldía fose para o PP e non para o BNG
Mentres, en Fene, o prexudicado foi precisamente o BNG. Tras un mandato marcado pola moción de censura que desaloxara o nacionalista Juventino Trigo da alcaldía, os números apuntaban cara a unha maioría de esquerdas: 6 edís do BNG, 4 do PP e 1 de EU fronte a 6 do PP, primeira forza. Pero, como informa Ferrol 360, tras dúas semanas de tensión e tirapuxas que apuntan tamén cara ao persoal, os socialistas optaron por votárense a si mesmos e non a Trigo, alcaldable do BNG. E, deste xeito, o popular Gumersindo Galego volveu recoller o bastón de mando por ser a forza máis votada entre sonoras protestas contra a decisión do grupo socialista.
En Ribadavia a alcaldía recaeu no PP ao votar a súa propia candidatura e non a do PSdeG os edís de Ribeiro en Común
Onde tampouco haberá goberno de esquerda malia existir números para a súa conformación é en Ribadavia. Alí o popular César Fernández Gil substitúe dende este sábado na alcaldía ao socialista Ignacio Gómez. Aínda que os socialistas (4 edís), Ribeiro en Común (3) e o BNG (1) suman maioría absoluta, superando os 5 edís do PP, o descarrilamento das negociacións dá a alcaldía ao PP.
A confluencia da vila reclamaba, entre outros aspectos, que Gómez se retirase e deixase paso a outro candidato socialista. Finalmente Ribeiro en Común votou polo seu propio candidato, Brais Fidalgo, e o aspirante do PP logrou o bastón de mando como primeira forza.