BNG, PSdeG e EU pactan unha moción de censura en Fene e o Bloque retornará á alcaldía

Juventino Trigo (centro) e membros do BNG de Fene, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA BNG

Continúa a axitación política en Ferrolterra, desta volta en Fene. Apenas dous meses despois da moción de censura coa que o PP logrou a alcaldía de Mugardos, será o Concello fenés o que vote unha moción de censura que, previsiblemente, mudará a cor na alcaldía pero xusto no sentido contrario, desaloxando o PP e devolvendo o bastón de mando a Juventino Trigo, que xa o ostentara de 2015 a 2018.

Os 6 edís do BNG asinan a moción de censura para volver situar na alcaldía de Fene a Juventino Trigo, que xa a ostentara de 2015 a 2018, con 3 dos 4 edís do PSdeG e a concelleira de Esquerda Unida 

Os 6 edís do BNG, segunda forza da corporación en votos e empatada en escanos co PP nas municipais de 2019, veñen de rexistrar a moción xunto a 3 dos 4 edís do PSdeG e mais coa concelleira de Esquerda Unida. Non a rubrica o edil do PSdeG Antón Noceda, antigo voceiro e número dous da formación nos comicios do pasado ano. As desavinzas con Noceda no seo da corporación foran, precisamente, apuntadas como principal causa de que na sesión de investidura o PSdeG local non votase por Trigo, propiciando así a alcaldía do PP por ser a forza máis votada en ausencia de candidato con maioría absoluta.

Pero esa maioría absoluta coa que Trigo non tivo na investidura de xuño si avala a moción de censura, que se debaterá o 7 de febreiro ás doce da mañá. Dez dos 17 membros da corporación apoian que Trigo sexa alcalde dun concello que, di o texto da moción, "parou en seco" dende que o PP comezou a gobernar en minoría. "Foi incapaz de impulsar actividades e proxectos máis alá do que se viña facendo por inercia" e "en só seis meses, conseguiron que toda a oposición lle esixise a dimisión", afirman.

Isto sucede, din, nun contexto no que as direccións locais de BNG, PSdeG e EU consideran que "o propio PP abandonou á súa sorte ao goberno local de Fene", máis aínda despois do que aínda alcalde, Gumersindo Galego, fose condenado a 8 meses sen carné por conducir triplicando a taxa de alcoholemia na noite das eleccións xerais do pasado novembro. Por mor desa condena deuse de baixa como militante do partido.

Gumersindo Galego, saudado por Feijóo nun mitin do PP © PP A Coruña

As tres formacións coidan que "o propio PP abandonou á súa sorte" ao goberno local en minoría de Gumersindo Galego e encadran o seu pacto como "un acordo natural dentro dos acordos das nosas organizacións"

Alén disto, os socios da moción de censura citan xestións concretas de Galego en materias como a xestión da Policía Local ou a "renuncia a seguir a investigación xudicial" dun caso de presunta venda ilegal de ferralla propiedade do Concello. O goberno do PP, conclúen, foi "incapaz de contratar conforme á lei, incapaz de negociar, incapaz de acordar co persoal municipal" e fixo gala dun "incumprimento flagrante de todo o que dixo que ía facer na campaña electoral", pero tamén antes da moción de censura de 2018, agregan.

"Fene -continúa o texto da moción de censura- debe ter un goberno digno e capaz, encabezado por un alcalde que non nos avergoñe". E para facelo, consideran, o pacto entre BNG, PSdeG e EU é "un acordo natural, enmarcado dentro dos acordos das nosas organizacións políticas" e que se propoñen, afirman, "desenvolver un programa de goberno" que suma "o 62,7%" dos votos nas municipais. A veciñanza, cren, "sabe perfectamente cales foron as propostas coas que nos presentamos ás eleccións" e, non obstante, trasladaranse a un único documento que será o guieiro do novo goberno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.