O PP apóiase nun grupo que estivo ligado ás mareas para outra moción de censura en Fene

Lobeira, xunto ao goberno de Fene, en rolda de prensa CC-BY-SA BNG

O PP continúa coa súa rolda de mocións de censura para recuperar alcaldías que perdeu tras as eleccións municipais de 2015. Apoiando como alcalde concelleiros de partidos con só dous edís -como en Tui-, rachando a súa doutrina de que goberne a lista máis votada ou recuperando o apoio de escindidos do seu partido, os populares van apañando alcaldías en polémicas operacións. A última en Fene, onde o PP presentou este pasado mércores unha moción de censura contra o alcalde do BNG, Juventino Trigo, apoiándose en dous edís de Somos Fene, formación que estivera ligada ás mareas e á propia En Marea e que foi desacreditada tanto polo espazo de confluencia como polas patas que o conforman. 

O BNG, con catro concelleiros, goberna xunto coa concelleira de EU e logo da expulsión do executivo local do PSOE e Somos Fene. Agora, e de confirmarse a moción o vindeiro 26 de outubro, o popular Gumersindo Galego asumiría á alcaldía co apoio do PP, afectado a través dalgún representante no Concello por unha investigación por presunta malversación de fondos públicos. 

O BNG advirte das investigacións xudiciais abertas contra edís do PP en Fene e do "ánimo de vinganza" dos populares contra "outras formas de política"

Neste venres, o aínda alcalde, Juventino Trigo, advertiu dos "intereses" do PP á hora de presentar a moción e aludiu ao intento de "agochar" as devanditas investigacións, así como o "ánimo de vinganza contra outras formas de facer política, dialogando e non caciqueando". O rexedor denunciou o que considera "un asalto á alcaldía por intereses persoais e partidarios" e cargou tamén contra Somos Fene. "Terán que darlles unha explicación a eses máis de 800 votantes traizoados que ven como aqueles que ían mudalo todo para facer unha nova política entréganlle o goberno de Fene á dereita e a este PP, o máis rancio e involutivo que se ten visto neste país", dixo, antes de culpar tamén o PSOE polo seu "apoio indirecto". 

Lobeira fai un "emprazamento" directo a Villares para que teña "unha actuación contundente" e impida "que se perpetre esta operación"

No mesmo sentido se expresou Bieito Lobeira, responsable da área de Organización do BNG, presente na rolda de prensa e que fixo un "emprazamento" directo ao voceiro de En Marea, Luís Villares, para que "tome nota e teña unha actuación contundente e coherente coa gravidade da situación". "Non é normal que xente que fixo bandeira da rexeneración democrática estea disposto a cambiar un alcalde do Bloque por un do PP", engadiu, ademais de advertir de que a peculiar organización interna da confluencia impide considerar tránsfugas os dous edís e vetar a súa participación na moción. "Politicamente e organicamente hai que facer todo o posible para que esta operación de poida perpetrar", rematou. 

Xa ao pouco de coñecerse a presentación da moción de censura o pasado mércores, En Marea, formación á que nun inicio estaba ligada Somos Fene, rexeitouna "categoricamente". Así, cualificaba de "tráfico político" unha manobra que comparaba coas apoiadas polo PP en concellos como o de Sanxenxo ou Tui. "Non recoñecemos Somos Fene como parte do noso espazo político", aclarou o seu portavoz, Luís Villares, que gabou o traballo municipal realizado por BNG e EU no goberno e "en favor das melloras sociais e da atención ás necesidades da veciñanza". 

En Marea rexeita "categoricamente" a moción e lembra que non recoñece a Somos Fene como parte de seu "espazo político"

Desde En Marea acusan o PP de "usar os orzamentos da Xunta para os seus intereses particulares" ao, segundo eles, prometer nalgúns concellos gobernados pola dereita as mesmas obras que logo se lles negan aos que non están dirixidos polo PP. Ademais, a formación cualifica de "irresponsable" o apoio de Somos Fene á moción de censura porque "só suporá un prexuízo para Fene e para a súa veciñanza" e por "supeditar o interese xeral e os investimentos para mover alcaldías". 

Non só En Marea censurou con claridade a moción, senón tamén varias das patas que a compoñen. Desde Anova din lamentar o acontecido e cualifican de "indecente" o feito de que "algúns abran  a porta ao PP ao tempo que desaloxan un goberno progresista". "Fene é o último exemplo da estratexia do PP recuperar alcaldías a calquera prezo; uen facilita esta operación actúa como un peón da dereita", expresou a formación nacionalista, que consdera a operación "unha fraude á veciñanza" e a volta das "formas caciquís, o clientelismo e a política sen ética". 

Anova e EU consideran "indecente, inadmisible e inxustificable" a moción de censura apoiada por Somos Fene

Tamén EU, cuxa única representante uniuse ao BNG no goberno ao marcharen Somos Fene e PSOE, amosou o seu "total rexeitamento" á moción de censura que, segundo aclara, "non responde a unha cuestión política". "É inadmisible e inxustificable presentar unha moción de censura que entrega o goberno a un partido que practica políticas antisociais e duros recortes contra os dereitos da cidadanía", di Esquerda Unida, que considera"esta actuación irresponsable por parte de Somos Fene" como "consecuencia de intereses partidistas que se antepoñen aos intereses das veciñas e veciños".

Mesmo Ferrol en Común, formación que goberna a cidade e capital comarcal, amosouse "contra a coalición entre as dereitas do PP e Somos Fene para tombar o municipalismo dos comúns". Pola contra, no PPdeG, o seu secretario xeral, Miguel Tellado, non cre que o seu partido traspasase ningunha liña vermella por pactar cunha formación que fora afín ás mareas. "Os veciños de Fene están descontentos cun goberno que non foi quen de dar estabilidade", asegurou. 

Tellado (PP) xustifica o pacto con Somos Fene para dar "estabilidade" ao Concello de Fene

O debate desta moción de censura será, previsiblemente, o próximo 26 de outubro, cando se cumpren os dez días hábiles desde a súa presentación. A tal hora á fronte do goberno municipal de Fene está Juventino Trigo (BNG), mentres que na oposición están o PP, con sete edís, o PSOE, con dous concelleiros, e Somos Fene, con idéntico número de representantes que este último partido. Os dous grupos que aspiran a derrocar o rexedor nacionalista suman nove concelleiros de 17. Segundo destacou o aínda rexedor, a moción presentada agora leva impresa a mesma data da fracasada no pasado mes de xuño e entre os argumentos inclúe obras rematadas que daquela non o estaban. 

 

O PP suma mocións de censura

Para poder presentar esta moción de censura, Somos Fene tivo que agardar a recibir unha resolución xudicial do xulgado do Contencioso Administrativo de Ferrol. A formación utilizara nas emunicipais de maio de 2015 un partido instrumental, Participación Democrática Directa de Galicia (PDDdG), para presentar a súa candidatura, pero posteriormente, ao sospeitar os seus representantes da posible participación dos edís na presentación dunha moción de censura en coalición co PP, decidiron a súa expulsión. Aquilo frustrou a tentativa de moción de censura do pasado xuño. 

Ante esta decisión, os seus dous edís, Xoán Manuel Rodríguez Bastida e César Castro, presentaron unha reclamación ante o xulgado do Contencioso Administrativo de Ferrol, onde o xuíz decidiu "deixar en suspenso o acordo plenario conforme a que estes edís se lles pasaba a non adscritos" e con iso repúxolles todos os seus dereitos. Isto posibilitoulles aos dous concelleiros continuar á fronte do grupo municipal de Somos Fene.

O PP fixo alcalde de Tui a Vázquez Padín con só dous edís e volveu colocar a Telmo Martín na alcaldía de Sanxenxo

A presentación da moción de censura en Fene chega tan só dez días despois de coñecer que Carlos Vázquez Padín será o novo alcalde de Tui por decisión do PP, malia que só conta con dous concelleiros. Os populares, con catro edís na corporación máis fragmentada de Galicia, uníronse a outras pequenas formacións locais de centro-dereita para asinar e rexistrar o día 2 de outubro unha moción de censura contra o goberno local encabezado ata o de agora polo PSdeG.

A de Tui forma parte dunha estratexia global do PP de Pontevedra por reunificar o partido alí onde houbo escisións que contribuíron á súa vez á perda da Deputación. Nesa liña, o pasado 30 de maio Telmo Martín volvía á alcaldía de Sanxenxo tras entregarlla o anterior rexedor, Gonzalo Pita, escindido anteriormente do PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.