O BNG pide na Fiscalía investigar se o PP "comprou" os tránsfugas da moción de censura en Castrelo de Miño

Esteban Suárez, alcalde de Castrelo, amosa o escrito entregado á Fiscalía flanqueado pola deputada Noa Presas (esquerda) e a representante legal do BNG, Esther Vázquez CC-BY-NC-SA BNG

O vindeiro 11 de agosto, ás doce da mañá, o popular Avelino Pazos converterase en alcalde de Castrelo de Miño cos 3 votos do PP na corporación municipal que, sumados aos de dous tránsfugas ata agora edís do PSdeG, desbancarán do goberno municipal a Esteban Suárez, do BNG. En vésperas do debate da moción de censura, o Bloque trasladou á Fiscalía de Ourense que está a acontecer na vila para pedir que o Ministerio Público investigue o que cualifican como "compra" de edís socialistas por parte dos populares.

O Bloque entrega á Fiscalía a transcrición da intervención na que a voceira do PSdeG en Castrelo asegura que lle "ofreceron 42.000 euros" e lle falaron "dun posto na Deputación" de Ourense a cambio de desbancar o BNG do goberno municipal

No escrito rexistrado pola súa representación legal, a formación nacionalista basea as súas sospeitas nas palabras que a voceira do PSdeG en Castrelo, única edil socialista da corporación tras o transfuguismo dos outros dous concelleiros electos polo partido, pronunciou no pleno do pasado 30 de xullo. Nesas sesión, transcriben, Catalina González, indicou que "a única persoa que quedou no Grupo Socialista fun eu" porque "nin vostede -en referencia ao previsible novo alcalde do PP- nin José Manuel Baltar conseguiron comprarme".

"Iso é o que tentaron por todos os medios", continuou afirmando Catalina González nunha intervención que ficou gravada en vídeo. "Ofrecéronme 42.000 euros", "faloume dun posto na Deputación", destaca o BNG das palabras da concelleira do PSdeG, quen o pasado 28 de xullo atribuíu en rolda de prensa a moción de censura ao éxito dunha operación de "compra de vontades". "Vanse facer cunha alcaldía a base de prebendas", acusou.

Esteban Suárez, alcalde de Castrelo de Miño polo BNG, nun mitin previo ás municipais de 2019 CC-BY-NC-SA BNG

Ante os xulgados de Ourense, o aínda alcalde de Castrelo de Miño explicou os motivos da denuncia na Fiscalía xunto á representante legal do Bloque, Esther Vázquez, e mais a deputada Noa Presas. "Estes feitos denunciados e informados no pleno son de extrema gravidade, estariamos a falar dun delito de suborno, tipificado no Código Penal", afirma Presas, para quen as palabras da concelleira socialista evidencian que a moción "non é lexítima" e non só porque "contradí o resultado escollido polo electorado".

"Hai unha man negra por tras da moción de censura, hai unha compra que en dous destes concelleiros socialistas tivo éxito", afirma a deputada Noa Presas

"Hai unha man negra por tras da moción de censura, hai unha compra que en dous destes concelleiros socialistas tivo éxito", acusa a parlamentaria do Bloque, para quen o escrito ante a Fiscalía supón "un exercicio de responsabilidade". "Basta xa -sinala- de que Ourense sexa sempre protagonista de corruptelas; se hai feitos, a Fiscalía tería que investigalos" e ser "exemplarizante" para que "isto non volva acontecer". 

Neste contexto, o aínda rexedor lamenta tamén que o PSdeG aínda non rexistrase no Concello "a solicitude de expulsión" dos dous tránsfugas do Grupo Municipal Socialistas. "Parécenos indignante, dadas as declaracións que fixo o secretario provincial socialista", di en referencia a Rafael Rodríguez Villarino, que anunciou a expulsión de ambos tránsfugas como militantes do PSdeG.

O PP, pola súa banda, continúa a defender a moción de censura con Baltar á fronte. Segundo os populares, a única intención da moción de censura é "devolver o concello á normalidade democrática e institucional" e os dous tránsfugas, Francisco Pérez e Jaime Fontanes, non teñen máis ca "vontade de traballo" a prol da veciñanza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.