A Xunta ten que indemnizar unha profesora por tardar máis de oito meses en activar o protocolo de acoso laboral tras unha denuncia, logo de que en agosto fose condenada por arquivar outro caso incumprindo tamén ese protocolo
A Consellería de Educación non está a actuar de xeito dilixente ante denuncias de acoso escolar ou laboral. Non é que non estableza medidas correctoras axeitadas, que tampoco, senón que nalgúns casos nin sequera investiga as denuncias como está obrigada. Así o veñen dicindo tanto a Valedora do Pobo como a xustiza, que agora emite outra sentenza que condena á Xunta a indemnizar unha profesora por tardar máis de oito meses en activar o protocolo de acoso laboral tras unha denuncia. Educación xa fora condenada en agosto noutro caso que arquivou incumprindo tamén o protocolo contra o acoso.
A sentenza agora feita pública polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) non entra a analizar o fondo da cuestión, se a profesora denunciante sufría ou non acoso laboral. Pronúnciase sobre o procedemento seguido por Educación cando así o denunciou, e a conclusión xudicial é que a Xunta vulnerou a normativa de prevención de riscos laborais cunha falta moi grave pola que debe indemnizar á docente con 7.501 euros.
Segundo a sentenza, a profesora presentou o 5 de outubro de 2022 ante a Xunta un escrito solicitando a activación do protocolo contra o acoso laboral. Porén, a primeira resposta que recibiu foi que ao ser unha docente non se podía considerar protexida polo protocolo contra o acoso da Xunta, que ao seu xuízo só protexería ao funcionariado da administración xeral.
Como vén contando Praza.gal desde hai anos, a Xunta non se dotou do seu primeiro protocolo de loita contra o acoso laboral ata 2016, pero restrinxiuno á administración xeral, deixando fóra entre outros o persoal de Educación ou o de Xustiza, este último cun procedemento específico só desde abril de 2023. En Sanidade hai diversos protocolos, plans de acción e documentos contra a violencia laboral de todo tipo, pero a xustiza tamén deixou en evidencia as súas eivas nun caso de acoso así probado no que nin sequera se puxera en marcha o procedemento administrativo.
O TSXG censura que Educación só actuou cando a denunciante presentou unha demanda xudicial, demora que a Valedora do Pobo vén criticando en moitos outros casos
No caso agora analizado en Educación, a Xunta respondeu á afectada o 19 de outubro de 2022 que o asunto non entraría dentro do ámbito do protocolo xeral contra o acoso, e díxolle que o remitía á Consellería de Educación, quedando en mans da Inspección Educativa. A muller volveu pedir novamente unha actuación o 1 de marzo de 2023, e acabou presentando unha demanda xudicial o 20 de xuño dese ano. Para daquela, oito meses despois da súa primeira denuncia ante a Xunta, "aínda non se activara o protocolo", segundo o TSXG.
Só "a raíz da demanda interposta" é cando Inspección acaba emitindo un informe en xaneiro de 2024 concluíndo que non había acoso. Porén, sen entrar nesa cuestión, o TSXG considera que "o retardo na activación do protocolo de acoso por parte da Xunta de Galicia constitúe unha actuación que contravén a normativa de prevención de riscos laborais".
En agosto outra sentenza dun xulgado de Vigo pronunciouse sobre outra denuncia de acoso laboral na mesma Consellería de Educación e desbotou xa o intento a Xunta de restrinxir o seu protocolo contra o acoso só ao persoal da administración xeral. O xuíz dicía que lle "chamou a atención" que "de existir un protocolo de actuación o seu ámbito de aplicación exclúa á maior parte do sector público autonómico", e negou esa posibilidade dicindo que o protocolo xeral contra o acoso laboral "comprende todos os empregados públicos da administración autonómica".
Os expertos sinalan que en moitos casos o feito de que a administración inicie algún tipo de actuación ante unha denuncia, aínda que non se poida acabar confirmando unha situación de acoso, supón que o ambiente laboral mellore
Naquel caso Educación fixera investigacións pero rematara arquivando a denuncia sen convocar o comité de intervención previsto no protocolo e que a sentenza considerou "indispensable". De feito, os expertos e a Valedora do Pobo veñen reiterando que en moitos casos o feito de que a administración inicie algún tipo de actuación ante unha denuncia, aínda que non se poida acabar confirmando unha situación de acoso, supón que o ambiente laboral mellore.
Porén, son reiterados os casos en que Educación -e a Xunta en xeral- demora "meses ou anos" as súas actuacións fronte ao acoso laboral ou cando as inicia non aplica como debe os procedementos normativos. Unha situación que se reproduce tamén no acoso escolar, como vén de salientar o último informe anual da Valedora do Pobo. [Sen confidencialidade, sen falar coa vítima e obviando médicos: eivas na loita contra o acoso escolar].