Educación arquivou unha denuncia de acoso laboral tras negalo unha xefa acusada pero sen escoitar á subordinada afectada nin a outro compañeiro que tamén denunciara
A Valedora do Pobo leva anos reclamando unha mellor atención aos casos de posible acoso laboral que se dan na Xunta, cuxos protocolos non sempre se están a cumprir adecuadamente ou coa axilidade que se require, segundo vén contando Praza.gal e reflicten sentenzas xudiciais. Así se pon en evidencia novamente nun caso que agora vén de facer público a Valedora no que unha denuncia de acoso laboral foi arquivada pola Consellería de Educación tras negalo unha xefa acusada pero sen escoitar á traballadora subordinada afectada nin a outro compañeiro que tamén denunciara. "Dáse a contradición de que unha das persoas cuxas condutas se sinalan como posible acoso sexa a que informa que non hai acoso", lamenta a Valedora, que lembra que "unha persoa non pode ser xuíz e parte nun mesmo procedemento".
O caso agora analizado pola Valedora, que pide á Xunta "unha nova avaliación do presente expediente", parte dunha denuncia de posible acoso laboral formulada por unha traballadora dun Equipo de Orientación Específica (EOE) educativa de ámbito provincial. O caso foi arquivado "por non atopar indicios de acoso laboral", pero o relato que fai a Valedora do expediente co que se chegou a dito arquivo revela diversas eivas.
"Dáse a contradición de que unha das persoas cuxas condutas se sinalaban como posible acoso sexa a que informa que non hai acoso comprometendo, así, a independencia do procedemento", di a Valedora
Segundo sinala a Valedora logo de examinar o expediente aberto tras a denuncia, o inspector xefe encargado de analizar o caso "non tivo contacto coa interesada" nin lle requiriu máis información, polo que o seu informe "baséase fundamentalmente na indagación de feitos tanxibles e informacións facilitadas pola inspectora coordinadora do Equipo de Orientación Específica (EOE)". Porén, a Valedora lembra que "esta persoa era a sinalada pola denunciante como unha das que a sometían a acoso laboral".
"Dáse a contradición de que unha das persoas cuxas condutas se sinalaban como posible acoso sexa a que informa que non hai acoso comprometendo, así, a independencia do procedemento e poñendo en cuestión a obxectividade do mesmo", censura a Valedora, que noutro punto da súa resolución lembra que a administración debera garantir "unha audiencia imparcial e un tratamento xusto para todas as persoas afectadas". "Destes principios dedúcese que unha persoa non pode ser xuíz e parte nun mesmo procedemento", conclúe a Valedora.
Por outra banda, o expediente arquivado por Educación sinala que "tampouco consta neste servizo que algún membro do Equipo de Orientación Específico, do que [a afectada] forma parte, puxera en coñecemento deste servizo ou doutros superiores xerárquicos algunha posible situación constitutiva de acoso laboral". Porén, a Valedora salienta que "non se reflicte no informe que se teña solicitado declaración algunha nin a outros membros do EOE" nin a unha persoa concreta compañeira da afectada "que se tiña dirixido á inspección denunciando o posible acoso" sobre ela.
A resolución da Valedora emite un "recordatorio de deberes legais" lembrando que as actuacións ante denuncias de acoso laboral deben garantir "na medida do posible" a obxectividade e independencia. Tamén pide a Educación "unha nova avaliación do presente expediente". Pero como vén facendo desde hai anos, vai máis alá e reclama á administración que sea proactiva e non permita que os conflitos laborais dexeneren en posibles situacións de acoso.
A Valedora do Pobo leva tempo pedindo a implantación de figuras "de confianza" que interveñan nos primeiros momentos dun conflito laboral evitando que deriven "nun dano ás persoas dificilmente reversible"
"O mantemento de situacións de tensión durante moito tempo non só afecta ás persoas directamente implicadas senón que contribúe á degradación do ambiente laboral e, en moitas ocasións, deriva en situacións imposibles de reverter", lembra a Valedora, que insiste na súa recomendación á Xunta de que implante figuras "de confianza" capaces de intervir nos primeiros momentos.
"En varias ocasións fixemos chegar á administración autonómica a necesidade de contar con figuras que atendan de maneira temperá as denuncias ou sirvan como figura de asesor/a confidencial, recoñecida polo conxunto do persoal, actuando desde a confidencialidade e coa celeridade precisa, fortalecendo a prevención secundaria", lembra a Valedora, que considera esta figura "esencial para impedir que unha situación derive nun conflito laboral e nun dano ás persoas dificilmente reversible".