O último informe anual da Valedora constata incumprimentos reiterados, que o persoal de Educación segue sen contar cun protocolo contra o acoso laboral e que Sanidade négase a que o seu sexa de aplicación tamén nos centros concertados
Hai un ano o informe anual da Valedora do Pobo salientaba o "lamentablemente recorrente" problema do acoso laboral na Xunta, do que xa se viña facendo eco en informes anteriores, e aventuraba que as analizadas daquela "non serán as últimas queixas presentadas". Un ano máis tarde o último informe anual da Valedora, feito público hai unhas semanas, corrobora aquel prognóstico e volve evidenciar que os protocolos da Xunta para facer fronte a ese problema non están a funcionar ou non están a aplicarse correctamente.
"Desde esta institución temos insistido en varias ocasións na necesidade de actuar con celeridade diante das denuncias de situacións compatibles con acoso laboral", di a Valedora no seu último informe anual, no que salienta que "o feito de demorar durante meses -ou anos- os procedementos non só afecta ás persoas directamente implicadas senón que contribúe á degradación do ambiente laboral e, en moitas ocasións, deriva en situacións imposibles de reverter". Un informe no que constata incumprimentos reiterados, que o persoal de Educación segue sen contar cun protocolo contra o acoso laboral e que Sanidade négase a que o seu protocolo sexa de aplicación tamén nos centros concertados.
Como vén contando Praza.gal desde hai anos, a Xunta non se dotou do seu primeiro protocolo de loita contra o acoso laboral ata 2016, pero restrinxiuno á administración xeral, deixando fóra entre outros o persoal de educación ou da xustiza, este último cun procedemento específico só desde o pasado abril. Na sanidade hai diversos protocolos, plans de acción e documentos contra a violencia laboral de todo tipo, pero en maio unha sentenza deixou en evidencia as súas eivas cun caso de acoso constatado pola xustiza no que nin sequera se puxera en marcha o procedemento administrativo.
E no que respecta ao protocolo na administración xeral, tras a súa aprobación en 2016 un par de anos despois mudou os seus prazos de actuación ampliando de un a seis meses o tempo das investigacións ante a falta de recursos para poder cumprilo. Unha demora nas súas actuacións que xa foi condenada pola xustiza nun caso no que a Xunta tardou dous anos en resolver o acoso laboral que sufriu un traballador. Demoras que tamén puido constatar este diario noutro caso no que a Xunta tamén empregou dous anos en ditar medidas correctoras tras unha denuncia.
"O feito de demorar durante meses -ou anos- os procedementos non só afecta ás persoas implicadas senón que contribúe á degradación do ambiente laboral e, en moitas ocasións, deriva en situacións imposibles de reverter", di a Valedora
Ante a incapacidade existente en moitos casos de probar unha situación de acoso laboral, a Valedora ademais de pedirlle á Xunta de xeito recorrente máis celeridade, vén apostando por recomendarlle que valore a creación da “figura dun asesor confidencial, que faga posible resolver os conflitos dun xeito áxil e informal, facendo así efectiva a prevención primaria e a prevención secundaria, evitando a consolidación da situación de acoso antes da formalización da súa realidade nun procedemento formal”. Porque en moitos casos, segundo constatan os expertos, o propio feito de existir un protocolo de actuación ou que se inicien actuacións administrativas tras unha denuncia reduce os casos ou a súa gravidade. “Nalgúns casos o acoso para só con que o acosador saiba que se está a investigar”, relataron no seu momento os sindicatos a este diario.
Porén, os casos que a Valedora inclúe no seu último informe anual "sete queixas, máis do dobre das informadas o ano pasado, dirixidas ás consellerías de Xustiza, Educación, Sanidade e Presidencia", deixan en evidencia todo tipo de eivas na tramitación tras as denuncias das persoas que din sufrir acoso. Son "tramitacións moi demoradas no tempo, a miúdo falta de información á persoa denunciante e nalgúns casos sinálase que non se fixeron as averiguacións solicitadas".
Unha das queixas, no eido da sanidade, cun caso de acoso laboral confirmado pola xustiza ordinaria nunha clínica privada concertada co Sergas, levou a Valedora a pedir á Xunta que valore "que as condenas xudiciais por acoso laboral sexan incluídas como causa de incumprimento de contrato coa administración". E incluír, entre os requisitos que debe cumprir calquera clínica privada para poder ser concertada co Sergas, que asuma os protocolos contra o acoso laboral do propio Sergas. Porén, o Goberno galego non aceptou a petición da valedora.
Os casos analizados pola Valedora no seu último informe anual recollen "tramitacións moi demoradas no tempo, a miúdo falta de información á persoa denunciante e nalgúns casos sinálase que non se fixeron as averiguacións solicitadas"
Noutro caso, ante unha denuncia dunha empregada pública formulada ao amparo do protocolo contra o acoso na administración xeral en febreiro de 2020, o comité de intervención non a estudou en pleno ata decembro de 2021, 22 meses despois. A decisión foi que non había probas de acoso laboral senón "unha evidente dificultade de adaptación ao traballo da denunciante". Pero non lle comunicou esa decisión ata outros sete meses máis tarde, cando a propia denunciante insistiu co seu caso.
Así que a Valedora non entra no fondo da cuestión ante a súa incapacidade de determinar se houbo ou non acoso pero si censura o desleixo da Xunta co procedemento. "Como resulta lóxico, manter informada á persoa que presentou a denuncia, dentro da requirida confidencialidade, é imprescindible", di e lembra que a celeridade ao xestionar as denuncias "é un requisito imprescindible á hora de resolver situacións que, de cronificarse, traen prexuízos individuais e colectivos". Porque a Valedora lembra que "a situación non afecta só á persoa que denuncia, senón á sinalada como posible responsable do acoso e a todo o conxunto de persoal do centro de traballo xerando un ambiente pouco favorable para a convivencia laboral".
Noutro caso outra denuncia formulada en setembro de 2019 non foi resolta ata xuño de 2021 e con eivas na información ás persoas implicadas. A Xunta escudouse para xustificar a lentitude do procedemento en que unha traballadora implicada estaba de baixa. Pero a Valedora afea esa demora e salienta que as causas da baixa "sen dúbida, teñen relación coa problemática laboral", polo que insiste en pedir celeridade á administración.
A Valedora pide que aínda que os casos denunciados non sexan acoso laboral ou este non se poida demostrar, a administración actúe para "evitar que a situación se agrave e non se poda xa poñer remedio á mesma"
Outro caso, no eido da sanidade, é o dunha traballadora dunha cociña dun centro sanitario que tras sufrir un accidente laboral viu afectadas as súas condicións físicas para realizar determinados traballos e que ao volver a traballar foi sancionada sen que os superiores xerárquicos respondesen a ningunha das súas peticións para adaptar as súas funcións, "situación vivenciada por ela como acoso laboral", di a Valedora.
Sen entrar a valorar se o é ou non, a Valedora constata que "ningunha destas peticións foi atendida nin respostada" malia que a afectada traballara máis de 20 anos no mesmo posto "sen que houbera ou se relate problemática laboral algunha". Así que sexa ou non un caso de acoso laboral, a Valedora pide á administración que aplique os protocolos para evitar a tempo un empeoramento. "A mediación non lugar de traballo pode ser unha estratexia útil de intervención nunha situación de conflito e de especial relevancia en casos nos que hai un claro desequilibrio de poder entre as persoas agresoras e a vítima", di, para "evitar que a situación se agrave e non se poda xa poñer remedio á mesma".
Por último, a Valedora analiza outros dous casos nos eidos da educación e a xustiza nos que constata que a Xunta carecía de protocolos específicos de actuación contra o acoso laboral -o da xustiza foi aprobado o pasado abril-. Nos dous casos a Valedora pide á Xunta que mentres non conte con protocolos específicos adapte os da administración xeral. E no caso denunciado no eido da educación, a Valedora salienta que sobre o mesmo centro xa recibira escritos previos de queixa doutras persoas, polo que novamente sen entrar en se hai ou non acoso laboral, constata algún tipo de problema laboral e pide á Xunta "valorar a posta en marcha de figuras de prevención secundaria, como a de asesoramento confidencial, que impidan a continuidade de situacións de tensión laboral que poidan derivar en irreversibles".