Logo de aprobar en 2016 o procedemento contra o acoso na administración xeral e de reiteradas peticións da Valedora, o Goberno galego estende agora esas garantías tamén ao persoal dos xulgados
O Consello da Xunta da pasada semana aprobou o primeiro protocolo para a loita contra o acoso laboral na administración de xustiza, cuxo persoal depende das comunidades autónomas. O procedemento chega con cando menos sete anos de atraso, despois de que a Xunta conte con protocolo contra o acoso laboral na administración xeral desde 2016, e malia que neste tempo recibiu denuncias de posibles casos de acoso tamén na administración de xustiza que quedaron desamparadas na vía administativa.
Ademais, nos últimos anos a Valedora do Pobo vén pedindo reiteradamente un maior esforzo na loita contra o acoso na administración e en concreto chegou a reclamar hai un ano que a Xunta estendese a aplicación do seu protocolo xeral á administración de xustiza mentres non aprobase un documento específico para ese eido, como xa se fixo na sanidade.
Como vén contando Praza.gal desde hai anos, a Xunta non se dotou do seu primeiro protocolo de loita contra o acoso laboral ata 2016, pero restrinxiuno á administración xeral, deixando fóra entre outros o persoal da xustiza. E un par de anos despois mudou os seus prazos de actuación ampliando de un a seis meses o tempo das investigacións ante a falta de recursos para poder cumprilo. Unha demora nas súas actuacións que hai un ano foi condenada pola xustiza nun caso no que tardou dous anos en resolver o acoso laboral que sufriu un traballador. Demoras que tamén puido constatar este diario noutro caso no que a Xunta tamén empregou dous anos en ditar medidas correctoras tras unha denuncia.
Na administración de Xustiza a Xunta tamén recibiu denuncias de posibles casos de acoso laboral. Pero a resposta oficial que deu cando menos a un deses casos o daquela director xeral de Xustiza, o veterano Juan José Martín, que deixou o cargo hai un ano, foi que nese eido non había aínda un protocolo aprobado, polo que nada podía facer, desviando o problema a que as persoas afectadas iniciasen un proceso xudicial.
Sindicatos e persoas afectadas por posibles casos de acoso laboral na administración veñen salientando que a lentitude ou o silencio da administración contribúe á vitimización. En moitos casos, sexan ou non vítimas de acoso laboral real, certificados médicos e baixas evidencian que as persoas afectadas viven cando menos unha situación laboral insostible para a que non obteñen resposta.
Expertos e persoas afectadas coinciden en que, malia a dificultade de probar o acoso, en ocasións o propio feito de existir un protocolo reduce os casos ou a súa gravidade: "Nalgúns casos o acoso para só con que o acosador saiba que se investiga"
Ante a incapacidade existente en moitos casos de probar unha situación de acoso laboral, a Valedora ademais de pedirlle á Xunta de xeito recorrente máis celeridade, vén apostando por recomendarlle que valore a creación da “figura dun asesor confidencial, que faga posible resolver os conflitos dun xeito áxil e informal, facendo así efectiva a prevención primaria e a prevención secundaria, evitando a consolidación da situación de acoso antes da formalización da súa realidade nun procedemento formal”.
Porque en moitos casos, segundo constatan os expertos, o propio feito de existir un protocolo de actuación reduce os casos ou a súa gravidade. “Nalgúns casos o acoso para só con que o acosador saiba que se está a investigar”, relataron no seu momento os sindicatos a este diario.
O protocolo agora aprobado para a administración de xustiza, di o propio Goberno galego, vai dirixido aos corpos de médicos forenses, xestión procesual, tramitación administrativa e auxilio xudicial. E segundo a Xunta “recolle a aplicación das medidas de prevención e correctoras e outros recursos necesarios para a resolución temperá dos casos de acoso laboral e outras discriminacións, o que dá lugar a circuítos áxiles de intervención”.