Despois de ampliarse de un a seis meses o prazo para resolver os casos e constatar a Valedora do Pobo que realmente tardan máis dun ano en analizarse, agora evidéncianse novas eivas coa demora das medidas para evitar conflitos
Era necesario actuar, admite o Goberno galego, pero tardou máis de dous anos en facelo. En febreiro de 2019 unha persoa empregada pública formulou unha denuncia ao amparo do protocolo de loita contra o acoso laboral na Xunta. Este mes de marzo, máis de dous anos despois, vén de recibir a resolución coa que o departamento no que traballa adopta “medidas correctoras para evitar situacións de conflito laboral” entre a persoa denunciante e a denunciada. E a resolución só tardou dous anos grazas a que polo medio interveu a Valedora do Pobo.
A investigación concluíu que non hai acoso laboral, pero si “indicios dun grave problema disciplinario no centro de traballo”. Pero a Xunta non estableceu as medidas correctoras que si estima necesarias para o caso ata máis de dous anos despois. Unha demora que vén sumarse ás numerosas eivas de funcionamento da loita contra o acoso laboral na administración que fai que as vítimas, aínda que non o sexan, manteñan durante ese tempo a súa vitimización, como constatan certificados médicos e baixas que evidencian situacións laborais insostibles.
A Xunta non se dotou ata 2016 dun protocolo de loita contra o acoso laboral, que ademais é aplicable só ao persoal da administración xeral, non ao tamén dependente dela noutros eidos como a xustiza ou que traballa nas súas propias instalacións como as subcontratas. En 2019 mudáronse os prazos de actuación de dito protocolo e ampliouse de un a seis meses o prazo nel establecido para resolver sobre as denuncias que se formulasen ante a incapacidade de dotar o procedemento do persoal formado suficiente para poder aplicalo de xeito máis veloz. Pero nin así se cumpren os prazos.
En xaneiro deste ano a Valedora do Pobo constatou, como revelara meses antes Praza.gal, que non só hai atraso na resolución dos casos senón que en varias ocasións nin sequera se tomara a primeira declaración da persoa denunciante máis dun ano despois de que presentase a súa denuncia. Un atraso no comezo da investigación que impide que se poidan establecer medidas cautelares e obriga ao persoal que se sinte acosado a seguir no posto sen que se adopten medidas cautelares de separación entre as persoas implicadas.
Tras rematarse a investigación, a Xunta tardou máis dun ano en ditar unha resolución establecendo as "medidas correctoras" que considera necesarias e só o fixo despois de que intervise a Valedora e o urxise a persoa denunciante
Pero os atrasos continúan acumulándose mesmo cando se remata a investigación. Cando o comité de intervención que se encarga delas, conformado a medias por representantes da administración e dos sindicatos, remata a análise do caso, pode arquivalo, propoñer á Xunta que abra un expediente disciplinario ou propoñer “medidas preventivas ou correctoras necesarias para o caso de que non exista situación de acoso pero si poida haber situacións de conflito”.
O protocolo establece que a resolución que emita a Xunta con esas medidas "notificaráselles ás partes afectadas, ao Comité de Intervención e á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administacións Públicas e Xustiza, no caso de que a actuación non se producise nesta consellería”. “Notificaráselles”, di o texto, pero non se indica quen é o responsable desa notificación.
No caso agora resolto máis de dous anos despois, a persoa afectada tivo que recorrer á Valedora do Pobo ante o atraso en recibir resposta á súa denuncia. A Valedora constatou que o seu caso xa fora resolto, pero que ninguén lle comunicara o resultado, polo que a persoa afectada tivo que reclamar á Xunta que o fixese. Na súa resposta constátase que o departamento no que traballa a persoa denunciante recibira hai un ano o informe final do comité de intervención que investigara o caso, pero non adoptou ningunha decisión en función do que nel se indicaba senón que esperou máis de dous meses para consultar á consellería da que depende o que debía facer. Non tivo resposta, pero non a urxiu ata que a persoa afectada, tras intervir a Valedora, así o fixo.
Finalmente este marzo, máis de dous anos despois de formularse a denuncia e máis dun ano despois de que o comité de intervención resolvese sobre o caso, o departamento implicado emitiu unha resolución na que adopta “medidas correctoras para evitar situacións de conflito” establecendo, entre outras medidas de funcionamento interno, que as comunicacións e correos electrónicos entre as dúas persoas implicadas manteñan "o respecto e boas formas cara á persoa á que se dirixen, tratando de evitar impactos negativos na produtividade e saúde laboral, deles mesmos e do propio entorno de traballo".
O Goberno galego deita a metade da responsabilidade nos sindicatos e esixe "confidencialidade" ás persoas denunciantes de acoso
A Xunta vén deitando a metade da responsabilidade do que ocorre co protocolo de loita contra o acoso laboral nos sindicatos (CIG, CCOO, UGT e CSIF) que o aprobaron e modificaron con ela e que participan no comité de intervención. Ao tempo, e sen que así figure no protocolo, as citacións para declarar ante o comité que reciben as persoas denunciantes inclúen a advertencia directa e persoal de que non poden contar por outras vías o que lles sucede: “As persoas que interveñan no procedemento, incluída a declarante, teñen a obriga de gardar unha estrita confidencialidade e reserva e non deben transmitir nin divulgar información sobre o contido das denuncias presentadas ou en proceso de investigación”, din as citacións, limitándolles así ás persoas denunciantes a capacidade de loitar contra o presunto acoso a través doutras vías que non sexan a establecida no propio protocolo, como as denuncias públicas da súa situación.
Sexan ou non vítimas de acoso laboral, a vitimización das persoas afectadas, reflectida en moitos casos en certificados médicos e baixas que evidencian unha situación laboral insostible, mantense así no tempo polas diversas demoras que sofre o procedemento.