Sanidade oculta se tomou medidas tras dúas sentenzas por acoso laboral na súa fundación de investigación biomédica da Coruña e nun centro de saúde e rexeita esixir aos centros concertados que asuman o protocolo de prevención do Sergas
Este xoves Praza.gal revelou que a Fundación Profesor Novoa Santos, dependente da Xunta e responsable do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), que centraliza a investigación nesa área sanitaria, vén de ser condenada, xunto cun dos seus investigadores, por acoso laboral a unha trabaladora. Hai ano e medio era o propio Sergas o condenado por acoso laboral nun centro de saúde a un traballador de servizos non sanitarios. Nos dous casos a Consellería de Sanidade rexeitou ata o momento detallar que medidas tomou coas persoas directamente responsables do acoso e coas xefas dos dous centros laborais que eran coñecedoras das denuncias e non actuaron.
Sanidade tamén rexeita esixir aos centros concertados cos que subcontrata asistencias sanitarias que asuman o protocolo de prevención e loita contra o acoso laboral do propio Sergas, como lle reclama a Valedora do Pobo.
No caso de acoso laboral na Fundación Novoa Santos revelado este xoves por este diario a xustiza detalla que tanto a muller afectada como o comité de empresa puxeron os feitos en coñecemento da directora científica do Inibic, que despediu á afectada. Este diario preguntou a primeira hora deste xoves á Consellería de Sanidade que medidas tomou tanto co acosador directamente condenado como coa directora do centro, pero un día despois a Xunta aínda non deu resposta.
No caso de acoso laboral nun centro de saúde desvelado o pasado ano a xustiza sinalou que a xefatura do centro era "coñecedora" de diversos escritos que se lle trasladaran ao respecto sen "dúbida algunha", pero o Sergas non iniciou "ningún protocolo coa fin de pescudar e determinar a situación de acoso que foi oportunamente denunciada". Ao contrario, e ao igual que co último caso, a persoa afectada acabou despedida.
Tamén daquela este diario preguntou á Consellería de Sanidade por que non se actuara ante as denuncias e se o Sergas fixera algo co seu persoal acosador. Naquel caso as preguntas reiteráronse durante tres semanas antes de publicar a información pero Sanidade non informou da súa actuación nin despois de revelarse a sentenza.
Hai dous anos a Valedora pediu á Xunta que valorase "que as condenas por acoso laboral sexan incluídas como causa de incumprimento de contrato" por parte dos centros sanitarios concertados, pero Sanidade rexeitouno expresamente
Un ano antes, en 2022, a Valedora do Pobo, que vén demandando maior sensibilidade da Xunta ante as denuncias por acoso laboral, tamén deixara en evidencia a inacción do Goberno galego con este tipo de problemas na sanidade. Un caso de acoso laboral tamén confirmado pola xustiza nunha clínica privada concertada co Sergas levou a Valedora a pedir á Xunta que valorase "que as condenas xudiciais por acoso laboral sexan incluídas como causa de incumprimento de contrato coa administración". E incluír, entre os requisitos que debe cumprir calquera clínica privada para poder ser concertada co Sergas, que asuma os protocolos contra o acoso laboral do propio Sergas. Porén, o Goberno galego rexeitou expresamente a petición da Valedora.