"Inútil", "parva", "vouche estampar a cabeza na parede": acoso laboral nunha fundación da Xunta e a Universidade da Coruña

Condena por acoso laboral na Fundación Novoa Santos, dependente da Xunta CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O TSXG ratifica o maltrato dun xefe a unha traballadora da Fundación Profesor Novoa Santos, encargada da investigación biomédica nas áreas da Coruña e Ferrol, e condena tamén á entidade por coñecer os feitos e despedila a ela

"Es parva? Es unha inútil?", "vouche coller a cabeza e estampala contra a parede". Son algunhas das expresións que a xustiza considera feitos probados e que recibiu unha subordinada por parte dun xefe no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), da Fundación Profesor Novoa Santos, a entidade pública do Sergas que centraliza a investigación nas áreas sanitarias da Coruña e Ferrol en colaboración coa Universidade da Coruña. Un acoso laboral polo que veñen de ser condenados tanto a persoa directamente responsable do mesmo como a fundación pública, que coñecía os feitos e decidiu despedir a vítima.

CHUAC da Coruña © CIG-Saúde

A Fundación Novoa Santos é unha das tres existentes en Galicia, dependentes das áreas sanitarias, para a centralización e coordinación da investigación entre o Sergas e as universidades. Para ela comezou a traballar a finais de 2022 a denunciante deste caso, como persoal de apoio á investigación e cun contrato temporal cun período de proba de seis meses. Unha contratación durante a cal a muller desenvolveu a súa tese doutoral, sendo titora a directora científica do Inibic e codirector da tese, supervisor e formador o home condenado. 

Durante ese tempo o condenado dirixiu á vítima as anteriores expresións e outras vexatorias como dicir "diante dun grupo de persoas numeroso que a causa dunha lesión que a denunciante tiña nun dedo era a masturbación". Comentarios que ían unidos a espaventos e correccións en voz alta. 

A afectada puxo os feitos en coñecemento do comité de empresa e tanto este como ela mesma comunicáronos á directora científica do Inibic. Esta decidiu que a muller fixese unha presentación do seu traballo e a continuación, un día antes de que rematase o seu período de proba de seis meses, considerou que non superara o mesmo e deu orde de que se suspendese a súa contratación.

A muller presentou unha demanda e un xulgado do Social da Coruña deulle a razón o pasado decembro. Pero fundación e acosador recorreron e agora o TSXG, nunha sentenza do pasado 23 de xullo feita pública hai uns días, ratifica a condena. 

Sentenza que condena o acoso na Fundación Profesor Novoa Santos CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal censura que "sendo coñecedora a entidade demandada destes extremos non iniciou procedemento algún para corrixir dita actuación"

O TSXG salienta que a condena en primeira instancia baseouse tamén en que outros traballadores do Inibic confirmaron o "mal trato verbal" así como en que se presentara unha denuncia ante a comisión asesora para a aplicación do protocolo ante situacións de acoso da Universidade da Coruña, que mes e medio despois do despido da muller emitiu informe constatando "que o denunciado tivo comportamentos e fixo comentarios inapropiados e humillantes en público referidos á persoa denunciante". Esa comisión contra o acoso concluíu pedindo que a denunciante fose "restaurada, na medida do posible, na situación anterior á produción da situación de acoso, nomeándolle outros directores de tese cos que poida desenvolver a súa investigación fóra do espazo físico do Inibic", cuestións que non se chegaron a producir.

O TSXG censura que "sendo coñecedora a entidade demandada destes extremos", a directora científica do Inibic "abstense de toda actuación ao respecto, tendo que ser a propia [vítima] a que denuncie os feitos ante a mencionada comisión". "Así pois, debe entenderse, como tamén o concluíu a xuíza [do Social], que concorre o acoso moral denunciado", di o tribunal, que fai responsables tanto ao acosador como á fundación porque "non iniciou procedemento algún para corrixir dita actuación". E conclúe igualmente que "o motivo do cese" da vítima "non é a non superación do período de proba, senón a situación xerada como consecuencia do acoso sufrido".

Acto de sinatura en 2021 do convenio colectivo das fundacións de investigación sanitaria, co daquela conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña © Conchi Paz / Xunta de Galicia

A muller debe ser readmitida e ten dereito a cobrar o soldo desde que foi despedida e a recibir unha indemnización por "danos e prexuízos"

Así que o TSXG ratifica que a muller ten que ser readmitida de xeito inmediato no seu posto de traballo, ten dereito a cobrar o salario que deixou de recibir desde o seu despido ata a súa readmisión e tanto o acosador como a Fundación Novoa Santos son condenados "a abonar solidariamente á actora unha indemnización na contía de 15.000 euros, en concepto de danos e prexuízos".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.