O TSXG obriga a recoñecer a experiencia dunha enfermeira nunha fundación da Xunta logo de que esta argumentase para non facelo que fora contratada discrecionalmente
Non só no propio Sergas está haber desleixo da Xunta na xestión do persoal de enfermaría, con precariedade, temporalidade e irregularidades na xestión das listas de contratación. Unha sentenza agora emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deita luz sobre a situación nas fundacións da Xunta logo de que o Goberno galego se negase a recoñecer a experiencia dunha enfermeira nunha delas co argumento de que fora contratada de xeito discrecional, admitindo así a súa falta de control sobre entidades que forman parte do sector público autonómico.
O caso agora resolto polo TSXG é o dunha enfermeira que pediu que lle fosen computados como experiencia para as listas de contratación do Sergas os dous anos que traballou para a Fundación Biomédica Galicia Sur, unha das varias fundacións impulsadas pola Xunta ligadas ás áreas sanitarias para xestionar a investigación no seus ámbitos de actuación. Neste caso a enfermeira prestou os seus servizo ligada a unha investigación do servizo de Dermatoloxía de Pontevedra.
O Sergas rexeitou contabilizarlle eses dous anos como experiencia para as súas listas de contratación de enfermeiras con varios argumentos, como que o seu traballo non fora de enfermeira senón de técnica de investigación, que a fundación era privada e que non accedera ao traballo cun proceso selectivo que garantise os principios de igualdade, mérito e capacidade que deben acreditarse para obter un emprego público. O Goberno galego argumentou que as listas de contratación deben rexerse por eses principios de acceso ao emprego público e polo tanto a afectada non podía obter puntos por un emprego previo no que non se garantiran.
A enfermeira tivo que recorrer á xustiza ordinaria, que a través dunha sentenza dun xulgado de Vigo lle deu a razón. Pero a Xunta recorreu insistindo nos seus argumentos e o TSXG desbota agora todos eles.
A xustiza considera probado que máis alá do motivo do contrato "os servizos efectivamente prestados" pola muller foron tamén os propios dunha enfermeira, con extracción de mostras biolóxicas, supervisión de doentes, toma de constantes vitais ou administración de fármacos, como certificou a propia directora da fundación. E atendendo a ese traballo real realizado, o TSXG lembra que a xurisprudencia establece que iso é o que se debe valorar para ter en conta os criterios de mérito e capacidade que se esixen no acceso a un emprego público.
A Xunta chegou a argumentar que se a muller "realizou tarefas sanitarias asistenciais o foi de forma voluntaria, á marxe de dito contrato". Pero o TSXG desbota os seus argumentos e di que "a asunción e realización de tarefas asistenciais non foi á marxe do contrato".
O TSXG reitera que as fundacións sanitarias son públicas e non privadas como pretendía o Goberno galego, que admite implicitamente que non controla a aplicación nelas dos principios de igualdade, mérito e capacidade que rexen a función pública
A Xunta tamén argumentou que a Fundación Biomédica Galicia Sur "nin é unha institución sanitaria, nin ten por obxecto a actividade asistencial sanitaria", polo que non se podería contar a experiencia nela para que teña efectos sobre as listas de contratación do Sergas. Pero o TSXG lembra "xurisprudencia reiterada deste tribunal na materia", amparada tamén en informes do Consello de Contas, que di que as fundacións biomédicas non poden considerarse privadas por moito que a Xunta así as cualifique senón que pertencen realmente ao sector público. E como institucións sanitarias do sistema nacional de saúde, a experiencia nelas como enfermeira debe computarse nas listas de contratación de enfermeiras do Sergas.
A sentenza, polo tanto, confirma o dereito da muller a que lle computen nas listas de contratación do Sergas a súa experiencia previa de dous anos como enfermeira na fundación da Xunta. E constata ao tempo que esas fundacións son públicas, deixando en evidencia a argumentación da Xunta de que para acceder a elas non se requiriron os principios de igualdade, mérito e capacidade.