A Xunta é condenada por excluír unha sanitaria das súas listas de emprego cun triplo erro que a deixou indefensa

Mobilización de enfermeiras eventuais nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Eventuais en Loita

Nas listas provisionais non foi citada nin como admitida nin como excluída, o que lle impediu coñecer a causa, que era que non constaba que tivese título de lingua galega, malia que si o tiña, e cando soubo o motivo e recorreu denegáronllo dicindo que era tarde

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que condena á Xunta a reintegrar nas súas listas de contratación temporal no lugar no que lle correspondería a unha profesional sanitaria á que excluíu das mesmas tras cometer a administración tres erros consecutivos que a deixaron indefensa. Cando publicou as listas provisionais a muller non aparecía nin entre o persoal incluído nin entre o excluído, o que lle impediu coñecer a causa, que despois soubo que era que supostamente non contaba con título de lingua galega, malia que si o tiña. E cando recorreu contra eses erros a Xunta díxolle que xa era tarde, malia que antes non puidese facelo por descoñecer o motivo.

A muller logrou que un xulgado lle dese a razón, pero a Xunta recorreu ao TSXG e este insiste en que a actuación incorrecta foi a súa, poñendo así en evidencia novas eivas na xestión das listas de emprego temporal da administración galega.

Enfermeiras en loita © Enfermeiras en loita

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza agora emitida polo TSXG, con data do 4 de outubro, a muller presentou en abril de 2021 a súa solicitude de inclusión nas listas de contratación temporal de persoal laboral da Xunta na categoría de ATS/DUE. Non achegou documentación coa súa solicitude senón que autorizou á administración a consultar os seus datos, como contempla o procedemento.

Pero cando se publicaron as listas provisionais a muller "non aparece nin no apartado de admitidos nin no de excluídos". "No prazo establecido legalmente a recorrente adxuntou o xustificante de ter abonado a taxa correspondente", prosegue a sentenza, pero "cando se publican as listas definitivas", en xullo de 2021, "figuraba no apartado de excluídos por non presentar o título de galego, Celga 4 ou equivalente".

A muller recorreu esa decisión ante a Xunta cunha copia compulsada do título de galego, "no seu caso convalidado polos seus estudos de BUP" nun instituto público galego. Pero en decembro de 2021 a Xunta desestimou o seu recurso e obrigouna a recorrer á vía xudicial. Nela en xuño de 2022 un xulgado do Contencioso-Administrativo deulle a razón. Pero o Goberno galego teimou na súa postura e, argumentando que a muller xa non podía presentar o título de galego cando o fixo senón que o tiña que facer antes, recorreu ao TSXG, que agora ratifica a primeira resolución xudicial e dá a razón á muller, máis de dous anos despois do inicio do seu periplo administrativo e xudicial.

Sentenza que condena a Xunta por un triplo erro que deixou unha enfermeira fóra das listas de emprego CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal di que a actuación da Xunta foi "a todas luces incomprensible" e "dun rigor formal extremo"

O TSXG constata en primeiro lugar o "erro da Administración" por non incluír a muller "nin na lista de admitidos nin na de excluídos", de xeito que se nese momento aparecese na segunda "figuraría tamén a causa de exclusión", co que ela "podería arranxar o defecto" xa daquela. 

Pero a xustiza revela un segundo erro da administración, xa que nun segundo paso, antes da publicación das listas definitivas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística informou de que "non había datos da recorrente en relación á acreditación do idioma galego". Porén, "resulta que a posesión da esixencia lingüística pola interesada data do ano 2011", polo que "se á Secretaría Xeral de Política Lingüística non lle constan os datos, é o seu problema, non da recorrente", que autorizara á administración a consultar todos os seus datos persoais.

O TSXG vén criticando o "rigor formal estremo" da Xunta en sucesivas sentenzas sobre diversos eidos

Así que con eses dous erros previos a Administración non podía argumentar que a afectada recorrera nun momento tardío xa que antes non o podía facer de xeito adecuado, o que supuxo un terceiro erro acumulado por parte da Xunta. "O que resulta a todas luces imcomprensible é a decisión" da Xunta "cando comproba esa realidade" co recurso da afectada, dixo o primeiro xulgado que analizou o caso. 

E o que di agora o TSXG ao ratificar que a muller tiña razón é que a Xunta podería argumentar que o seu recurso chegaba tarde "se a administración realizase correctamente o trámite, pero neste caso non foi así". "Resulta dun rigor formal excesivo a postura da Administración", conclúe o TSXG, que vén criticando comportamentos similares da Xunta noutros eidos.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Así, a Xunta é condenada a incluír a muller nas listas de contratación "no lugar que lle correspondería no momento de publicación das listas, segundo os seus méritos, con todos os efectos inherentes a esa inclusión, en especial cotizacións, méritos e contratacións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.