Máis da metade do persoal de enfermería do Sergas é temporal. É a principal conclusión dos datos feitos públicos este pasado luns por Enfermeiras en Loita. As cifras do propio departamento de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde confirman, segundo este colectivo, a "deficitaria política dos xestores autonómicos do público" en materia laboral nos últimos quince anos e os "serios riscos na calidade" que sofre o sistema sanitario debido á "elevada eventualidade" do seu persoal.
Máis da metade das enfermeiras do Sergas son temporais; Feijóo chegou a cifrar no 88% a porcentaxe de persoal con "contrato indefinido estatutario"
As cifras da temporalidade, que xa foran varias veces reclamadas sen éxito por Enfermeiras en Loita e a oposición, desvelan que o persoal con praza en propiedade sitúase en menos do 50%, fronte ao 88% con "contrato indefinido estatutario” ou "nomeamento definitivo" do que falaban Feijóo e o ex-conselleiro Vázquez Almuíña. E fronte á estabilidade que adoita indicar a Xunta.
Os datos recollidos refírense á media diaria de profesionais da enfermaría e o seu vínculo contractual co Sergas de xaneiro a abril deste ano 2023. Son, como puido comprobar Praza.gal, cifras oficiais que van moito máis aló. Este diario puido acceder ao informe no que o departamento de Recursos Humanos do Sergas debulla os números, con detalles por áreas sanitarias, ámbito asistencial. Tamén por sexo, nun sector onde as mulleres representan case o 90% do conxunto dos profesionais.
A temporalidade da enfermaría nos hospitais da área de Vigo supera o 60% e non baixa do 55% en ningunha máis agás na de Pontevedra-O Salnés
Así, nos datos compróbase como a eventualidade do persoal de enfermaría, xa sexa con praza vacante ou estritamente temporal, é moito maior na Atención Hospitalaria que na Atención Primaria. No caso dos hospitais, a porcentaxe supera o 60% na área de Vigo e non baixa do 55% en ningunha outra agás en Pontevedra-O Salnés, onde queda no 52,7%.
Na Atención Primaria, pola contra, a taxa de eventualidade non chega ao 42% en ningún dos territorios nos que se divide a xestión sanitaria, indo do menos do 30% na de Vigo ao 41,1% de Pontevedra-O Salnés e o 41,5% de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O peso da temporalidade no persoal enfermeiro rolda ou supera o 50% en todas as áreas
En termos xerais, a temporalidade da enfermaría supera o 50% en todas as áreas sanitarias agás na pontevedresa, onde queda a só dúas décimas (49,8%), e alcanza a máxima porcentaxe na da Coruña-Cee, con máis do 53% e máis de un punto por riba da media de Galicia, que se sitúa no 51,8%.
Ademais, e mentres que na Atención Hospitalaria a porcentaxe de persoal temporal con praza vacante e o resto de persoal temporal é semellante en todas as áreas, na Atención Primaria teñen moito máis peso os enfermeiros e enfermeiras temporais e sen vacante, con vinculacións non asociadas aos postos orzamentados por execución de programas de interinidade, acumulación de tarefas ou substitucións de persoal ausente, entre outras casuísticas.
Este tipo de contratos supoñen o 30%, por exemplo, na Atención Primaria da área sanitaria coruñesa ou o 29% na de Pontevedra-O Salnés.
O persoal temporal na enfermaría roza o 57% na Atención Hospitalaria e sitúase no 36,7% na Atención Primaria
En resumo, e tendo en conta todos os datos en detalle, a temporalidade entre o persoal de enfermería do Sergas é moito máis relevante nos hospitais que nos centros de saúde. Así, mentres que a nivel xeral a eventualidade afecta case o 52% dos profesionais no conxunto do sistema sanitario público, na Atención Hospitalaria roza o 57%, mentres que na Primaria queda no 36,7%.
Os datos, ata abril deste ano, supoñen que case seis de cada dez enfermeiras temporais nos hospitais públicos galegos e máis dun terzo nos centros de saúde non teñen praza fixa no Sergas.
"A lectura dos datos móstranos unhas porcentaxes de persoal temporal, enormemente elevadas que expoñen serios riscos na calidade dos servizos de saúde ofrecidos polo Sergas no día a día", denunciou este luns Enfermeiras en Loita, que lembra que dese o seu colectivo sempre puxeron "enriba da mesa a necesidade dun Sistema de Rexistro de Persoal que permitiría cuantificar e definir as necesidades reais e actuais do cadro de persoal".
A Consellería de Sanidade advirte de que hai "máis de 3.000 prazas en proceso de consolidación de emprego"
"Este sistema aseguraría unha forza laboral máis estable e sólida nun ámbito clave nunha poboación galega cada vez máis envellecida e cunhas necesidades asistenciais superiores ao resto das comunidades autónomas", insistían.
Desde a Consellería de Sanidade, preguntada polos datos, advirten de que en enfermería "máis de 3.000 prazas están en proceso de consolidación de emprego". "A Xunta aposta polo acceso a prazas de carácter fixo, como demostra o concurso de méritos promovido polo Goberno galego e que permitiu que 459 profesionais de enfermaría se incorporasen con praza en propiedade", destaca, ademais de lembrar que "xa están convocadas, pendentes de incorporación, 1.726 prazas fixas de enfermeiras/os (incluíndo enfermeiros/as especialistas)".
"A realidade dos datos é esta"
En relación coa Oferta Pública de Emprego para o ano 2023, e xa aprobada polo Consello da Xunta, a Consellería lembra que oferta "818 prazas en propiedade de enfermeiros e enfermeiras" e que no proxecto de orzamentos de 2024 "dótanse 726 prazas".
Ademais, Sanidade tamén aclara que, "en eventualidade inclúense nomeamentos de substitucións por ausencias que deben ser temporais pola súa propia natureza: permisos do persoal (como baixas por maternidade ou paternidade), incapacidades temporais e outros dereitos laborais como as reducións de xornada".
Desde a oposición, nas redes sociais, Julio Torrado, voceiro de Sanidade do PSdeG no Parlamento, asegura que os datos de Recursos Humanos do Sergas sobre a enfermería "son descorazonadores". Pola suá banda, Monste Prado, portavoz do mesmo ámbito polo BNG, advirte que "o PP pretende impoñer un relato idílico de que todo está ben na sanidade pública en Galiza". "Mais a realidade dos datos é esta", di en referencia ás cifras sobre a temporalidade.