Durante anos, a Xunta e o propio Servizo Galego de Saúde (Sergas) negaron as críticas que oposición, sindicatos ou traballadores facían —e fan— da elevada temporalidade entre o persoal da sanidade pública en Galicia, que supera o 50% na enfermaría.
Feijóo chegou a cifrar no 88% a porcentaxe de persoal de enfermaría con "contrato indefinido estatutario" ou "nomeamento definitivo"
Foron enfermeiros e enfermeiras os máis activos, a través de entidades como Eventuais en Loita —agora Enfermeiras en Loita—, á hora de denunciar esa esaxerada temporalidade que o Sergas nega. A través dos datos que podían apañar e de enquisas entre o persoal, advertían de que non menos dun terzo tiña un vínculo eventual e non fixo coa Administración. Pero a Xunta presumiu sempre de estabilidade, situándoa sistematicamente por riba do 85%.
Alberto Núñez Feijóo, daquela presidente da Xunta, cualificaba no Parlamento de "barbaridade" e "incompetencia" as denuncias da oposición que cifraban en arredor de 8.000 as enfermeiras do Sergas que traballaban en precario por mor da excesiva eventualidade. O agora líder do PP asegurara en 2019 que do total de 10.800, “o 88% teñen contrato indefinido estatutario”, "nomeamento definitivo" ou "contrato de nomeamento estatutario de carácter fixo".
Pouco antes, fora o daquela conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o que elevara tamén ao 88% a estabilidade do persoal de enfermaría. O seu substituto no cargo, Julio García Comesaña, non foi tan preciso nas porcentaxes, pero desde a Consellería tampouco facilitaron os datos, malia os intentos da oposición parlamentaria ou de colectivos como Enfermeiras en Loita durante anos por accederen en detalle a situación contractual real enfermeiros e das enfermeiras do Sergas. Nunca, a pesar das diferentes vías, conseguiran as cifras.
Ata agora. Enfermeiras en Loita quen vén de conseguir os datos oficiais —cuxa veracidade foi comprobada por este diario— tirados do departamento de Recurso Humanos do Sergas. "A realidade antóllase máis próxima á que nós describiamos que á que desde a Xunta se pretendía vender como relato oficial de cara á opinión pública", di o colectivo.
Enfermeiras en Loita accedeu aos datos do propio Sergas, que revelan que o 52% do persoal de enfermaría ten unha praza temporal: máis de 6.000 traballadoras
Así, as cifras da media diaria do vínculo contractual da enfermaría do Sergas durante o período que vai de xaneiro a abril deste ano 2023 revela que máis da metade do persoal ten praza temporal (sobre o 52%) e que só arredor do 48% é persoal con praza en propiedade. Algo máis de 6.000 enfermeiras temporais fronte a 5.581 con posto fixo.
A situación é semellante en todas as áreas e ámbitos asistenciais, superando mesmo esas porcentaxes, como no caso da atención hospitalaria na área da Coruña-Cee, onde a temporalidade na enfermaría é de case o 57%.
Así, en resumo, hai uns 3.000 enfermeiros e enfermeiros de media no Sergas con praza vacante, aquela que se ocupa xeralmente durante un tempo ata que sae a oposición ou que acaba tornando en interina. Un modelo de contratación que non pode durar máis de tres anos e que adoita supor entre un ano e ano e medio, como explican fontes do persoal. Son, como lembra o colectivo, "adscricións a postos de traballo facilitados pola Oficina de Orzamentos (prácticas en postos vacantes, promocións internas en postos vacantes e reintegros temporais en postos vacantes).
Arredor de 3.000 profesionais de enfermaría son persoal temporal con praza vacante e outros 3.000, persoal temporal; arredor de 5.600 teñen praza en propiedade
Outros 3.000 profesionais de enfermaría do Sergas, aproximadamente, teñen unha praza temporal e ocupan o posto por substitución doutro compañeiro, cubrindo ás veces mesmo postos dunha praza que aínda non é fixa á espera da proba de oposición. "Vinculacións non asociadas aos postos orzamentados por execución de programas de interinidade, acumulación de tarefas, substitucións de persoal ausente, etc.", aclaran.
"A lectura dos datos móstranos unhas porcentaxes de persoal temporal, enormemente elevadas que expoñen serios riscos na calidade dos servizos de saúde ofrecidos polo Sergas no día a día", denuncia Enfermeiras en Loita, que lembra que dese o seu colectivo sempre puxeron "enriba da mesa a necesidade dun Sistema de Rexistro de Persoal que permitiría cuantificar e definir as necesidades reais e actuais do cadro de persoal".
"Este sistema aseguraría unha forza laboral máis estable e sólida nun ámbito clave nunha poboación galega cada vez máis envellecida e cunhas necesidades asistenciais superiores ao resto das comunidades autónomas", insisten.
O Sergas advirte de que hai "máis de 3.000 prazas en proceso de consolidación de emprego"
Desde a Consellería de Sanidade, preguntada polos datos, advirten de que en enfermería "máis de 3.000 prazas están en proceso de consolidación de emprego". "A Xunta aposta polo acceso a prazas de carácter fixo, como demostra o concurso de méritos promovido polo Goberno galego e que permitiu que 459 profesionais de enfermaría se incorporasen con praza en propiedade", destaca, ademais de lembrar que "xa están convocadas, pendentes de incorporación, 1.726 prazas fixas de enfermeiras/os (incluíndo enfermeiros/as especialistas)".
En relación coa Oferta Pública de Emprego para o ano 2023, e xa aprobada polo Consello da Xunta, a Consellería lembra que oferta "818 prazas en propiedade de enfermeiros e enfermeiras" e que no proxecto de orzamentos de 2024 "dótanse 726 prazas".
Ademais, Sanidade tamén aclara que, "en eventualidade inclúense nomeamentos de substitucións por ausencias que deben ser temporais pola súa propia natureza: permisos do persoal (como baixas por maternidade ou paternidade), incapacidades temporais e outros dereitos laborais como as reducións de xornada".
Procesos de estabilización "insuficientes"
Desde Enfermeiras en Loita, no entanto, advirten de que o Sergas "atópase ante unha realidade, especialmente na categoría de enfermeiras, onde a elevada porcentaxe de persoal temporal pon en evidencia a deficitaria política de recursos humanos nos últimos quince anos por parte dos xestores autonómicos do público". "Os procesos de estabilización convocados nos últimos anos demostraron ser claramente insuficientes", aseguran.
Para o colectivo, esta "vergoñosa temporalidade, xunto a uns cocientes de persoal insuficientes e deficientes, afecta directamente aos coidados e á atención sanitaria e, por suposto, ao persoal temporal e ao persoal fixo que sofre os diversos avatares da precariedade laboral no seu día a día".
Enfermeiras en Loita leva máis de catro anos denunciando a súa dura realidade e poñendo datos e testemuños á súa situación. "11 anos, 557 contratos e 5 e medio cotizados", advertira unha das moitas profesionais que resumira o día a día de tantas. Mentres a Xunta adoita presumir de estabilidade, o colectivo tiraba de cifras oficiais ou de enquisas para situar, por exemplo, no 44% a porcentaxe das enfermeiras que levan máis de dez anos nas listas de contratación.
Coa chegada da COVID, a precariedade acentuouse. Nos primeiros meses da pandemia, o Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras así que caían enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas COVID. En ambos casos, a Consellería de Sanidade recuou logo de facerse públicas as denuncias dun persoal que sufriu como poucos o impacto do coronavirus.
"Catro anos despois, a situación non mudou; seguimos igual ou aínda peor, coa diferenza de que pasamos unha pandemia e de que se nos deron premios pero non se nos arranxou o problema con feitos", resumía Enfermeiras en Loita logo de que traballadoras tinguisen de novo de negro unhas oposicións do Sergas en protesta pola súa precariedade.