Miles de enfermeiras tinguen de negro as oposicións en protesta polas súas condicións laborais

Enfermeiras vestidas de negro nos exames © Cedida

Este domingo ao redor de dez mil persoas (9.857), a maioría delas mulleres (o 87%) e residentes en Galicia (máis do 90%), estaban citadas en Silleda para paraticipar no concurso-oposición para cubrir 1.556 prazas de enfermaría. Un día de nervios, de calor (con máximas próximas aos 30 graos) e de aglomeracións nun exame que comezou con atraso debido aos atascos que se produciron nos accesos ao recinto feiral a través da autoestrada.

Case nove mil persoas participaron no exame en Silleda, moitas delas vestidas de negro seguindo a convocatoria lanzada por Eventuais en Loita

Pero foi tamén unha xornada de reivindicación. O colectivo Eventuais en Loita fixera un chamamento ás participantes na oposición a que acudisen a Silleda vestidas de negro "en sinal de loito e loita" polos seus dereitos e denunciando que seguen "igual ou aínda peor que hai catro anos". E así foi: ao igual que sucedera no ano 2019, milleiros de enfermeiras tinguiron de negro Silleda, moitas delas vestindo as propias camisolas de Eventuais en Loita.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, contempla as máis de oito mil enfermeiras que participaron en Silleda nas oposicións © Xunta

O colectivo fixera un chamamento ás participantes na oposición a que acudisen vestidas de negro "en sinal de loito e loita" polos seus dereitos

Nas escaleiras exteriores do recinto feiral enfermeiras e enfermeiros vestidos de negro berraron "basta xa de precarizar", sinalando que "queremos ter unha calidade de vida digna" e "queremos que nos escoitedes" e autodenominándose "enfermeiras en loito e en loita polos nosos pacientes". 

As enfermeiras levan catro anos mobilizadas en protesta polas súa precarias condicións de traballo

As enfermeiras levan catro anos mobilizadas en protesta polas súa precarias condicións de traballo, denunciando a acumulación constante de contratos por días ou semanas ou a falta de dereitos laborais. O colectivo de Enventuais en Loita critica que a Xunta se limita a "poñer parches" aos problemas de temporalidade existentes. 

En total, 8.700 persoas participaron este domingo nas oposicións, un 86% das convocadas

En total, 8.700 persoas participaron este domingo nas oposicións, un 86% das convocadas. Cómpre salientar que un total de 100 mulleres solicitaron a posibilidade de interromper a realización do exame para proceder coa lactancia dos seus bebés nas salas habilitadas polo Sergas para este fin; e que outras 14 persoas realizaron o seu exame en diferentes centros hospitalarios galegos -acompañados polos directores de Recursos Humanos dos mesmos-, por mor da proximidade do parto ou outras incidencias vencelladas co embarazo.

O colectivo denuncia as súas "precarias condicións de traballo" pola acumulación constante de contratos por días ou semanas ou pola falta de dereitos laborais

O incremento da retribución por horas extras non impide a protesta de traballadoras, que rexeitan ampliar a súa xornada para cubrir a falta de profesionais e critican que Sanidade non aborde a mellora das condicións laborais e da estabilidade. "O que hai que facer é convocar oposicións co número de prazas reais que se precisan e estabilizar o persoal", dicía hai uns días Nuria González en conversa con Praza.gal. "O principal problema no Sergas é que todo se fai con pouca previsión e de maneira improvisada", advirten pola súa banda desde SATSE.

Enfermeiras vestidas de negro nos exames © Cedida

A celebración das oposicións tamén supuxo unha proba para o propio Sergas pola ausencia masiva de persoal de enfermaría

A celebración das oposicións tamén supuxo unha proba para o propio Sergas pola ausencia masiva de persoal de enfermaría -obrigado a pasar o exame aínda que non aspire a praza polo que supón para a puntuación e posto nas listas de contratación- ese día nos centros sanitarios. O Sergas chegou a ofrecer días libres ao persoal fixo que aceptase adiar as súas vacacións para cubrir cubra as ausencias motivadas pola oposición.

Catro anos de denuncias

Eventuais en Loita leva catro anos denunciando a súa dura realidade e poñendo datos e testemuños á súa situación

Eventuais en Loita leva catro anos denunciando a súa dura realidade e poñendo datos e testemuños á súa situación. "11 anos, 557 contratos e 5 e medio cotizados", advertira unha das moitas profesionais que resumira o día a día de tantas. E mentres a Xunta adoita presumir dunha estabilidade de ata o 90% do persoal, o colectivo tira de cifras oficiais ou de enquisas para situar en máis dun terzo a cantidade de traballadoras en situación de eventualidade ou no 44% a porcentaxe das que levan máis de dez anos nas listas de contratación

8.700 persoas das 10.101 convocadas participaron este domingo 25 de xuño nos exames para a provisión de 1.556 prazas de enfermeira © Xunta

"O que hai que facer é convocar oposicións co número de prazas reais que se precisan e estabilizar o persoal", dicía hai uns días Nuria González en conversa con Praza.gal

Coa chegada da COVID, a precariedade acentuouse. Nos primeiros meses da pandemia, o Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras así que caían enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas COVID. En ambos casos, a Consellería de Sanidade recuou logo de facerse públicas as denuncias dun persoal que sufriu como poucos o impacto do coronavirus

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.