Catro anos despois daquelas probas do concurso oposición para o Sergas nas que milleiros de mulleres tinguiran de negro o recinto feiral de Silleda denunciando as precarias condicións laborais e a temporalidade crónica, a enfermería intensifica as súas protestas en Galicia. A mobilización volverá vestir de loito as probas o vindeiro 25 de xuño nunha iniciativa de Eventuais en Loita, colectivo moi activo desde aquel 2019. Será un xeito máis de visualizar unha problemática de fondo e con varias frontes abertas: a da sobrecarga, falta de persoal, emigración e nula estabilidade dunha profesión que sinala a Consellería de Sanidade e rebélase con iniciativas como a negativa a ampliar a súa xornada para cubrir as ausencias que provoca a escaseza de traballadoras.
O síntoma "máis evidente" da escaseza de persoal fixo, lembran as enfermeiras, é a problemática que afronta a Xunta coa presenza de case 10.000 eventuais na oposición dese 25 de xuño -practicamente todas as traballadoras temporais- e que deixa en mínimos moitos espazos sanitarios. Eventuais en Loita xa advertira do "risco" que ese día corre a atención hospitalaria, onde calculan que dous terzos do persoal de enfermaría é temporal.
A oposición do 25 de xuño, cunhas 10.000 enfermeiras eventuais, pon a proba o Sergas, que aumenta os incentivos para quen traballe e cubra as ausencias
"Cunha oposición así sempre hai algún problema de cobertura, pero o que ocorre en Galicia é unha proba evidente de que hai unha eventualidade excesiva: hai plantas con 19 efectivos nas que ese día faltan 15 persoas que van ao exame", explica Asunción Maus, enfermeira do sindicato SATSE, que ilustra así a complexidade de "ter que cubrir esas ausencias en tres quendas distintas".
"Se hai problemas de cobertura durante todo o ano por falta de persoal, imaxinemos un día no que faltan case 10.000 enfermeiras durante 24 horas", explica Nuria González, de Eventuais en Loita, que critica que a Consellería busque solucionar estes problemas "comprando traballadoras" a través da suba dos incentivos "en lugar de sacar as prazas necesarias para dar estabilidade e aumentar o número de profesionais".
Refírese ao acordo alcanzado en Mesa Sectorial que incrementa as retribucións para aquelas enfermeiras que fagan quendas a maiores da súa xornada habitual para cubrir as ausencias nese 25 de xuño. Así, quen cambie de quenda para traballar ese día cobrará uns 148 euros, o equivalente a un día de especial significación, como o 24 ou o 31 de decembro. Quen faga unha quenda a maiores da súa xornada, cobrará unha xornada complementaria máis dous módulos de festivo ou noite prefestiva: algo máis de 292 euros se traballa de mañá ou tarde e uns 354 euros se o fai a noite do sábado.
Enfermeiras que fagan unha quenda a maiores o 25 de xuño cobrarán entre 292 e 354 euros: "Se teñen para estes pagos, tamén teñen para mellores contratos"
"É irrisorio. O que demostra é que se no Sergas teñen partida económica para este incremento dos pagos das coberturas fóra da xornada ordinaria por falta de persoal tamén teñen orzamento para facer mellores contratos ao persoal de enfermaría", denuncia González, que sinala que a Consellería tamén está a "acelerar os trámites" de persoal recentemente titulado "para que empecen a traballar antes do que lles corresponde e poidan cubrir ocos o día da oposición". "Teñen un grave problema e o principal prexudicado é o paciente", insiste.
Precisamente, na mesma Mesa Sectorial onde se acordaron os aumentos, a Xunta pactou tamén un plus de 1.365 euros ao ano para o persoal que faga 105 horas ou máis de xornada complementaria. Para moitas das profesionais, a medida supón outra evidencia máis de que a Consellería busca reducir as solucións -e sinalar as demandas- ao monetario, na liña que moitos profesionais médicos criticaron tras o acordo entre o Sergas e o sindicato CESM logo da última folga na sanidade pública.
"Sanidade rexeita abordar a situación da enfermería e opta por unha medida unicamente retributiva que nin sequera garante o dereito ao emprego", denunciaba CIG-Saúde, que advirte que “a solución non é pagar horas extra ao persoal que temos, xa sobrecargado, senón crear as condicións para sumar máis, mellorando as condicións de traballo e incrementando os cadros”.
“A solución non é pagar horas extra ao persoal que temos, xa sobrecargado, senón crear as condicións para sumar máis efectivos"
"Necesitan comprar enfermeiras porque as que teñen non lles son dabondo", insiste González, de Eventuais en Loita. "Todos estes aumentos retributivos deben ser algo excepcional; estamos en contra de que se prioricen estas medidas fronte a outras estruturais que mellores as condicións e o persoal", engade Maus, do SATSE.
O fastío é tal que hai só unhas semanas, un colectivo de enfermeiras da Coruña chamou ás compañeiras a deixar de realizar autocoberturas, en referencia ás horas extraordinarias ou a duplicación de xornada que moitas profesionais fan para cubrir así os ocos provocados pola falta de persoal. Desde o pasado 22 de maio, son varias as traballadoras que apoiaron unha medida que se estendeu desde a área sanitaria da Coruña-Cee a outras como as de Ourense, Pontevedra, Lugo ou Ferrol.
Enfermeiras secundan a iniciativa que pide que se neguen a facer horas extras ou duplicar xornadas para paliar a escaseza de persoal
"A oferta das autocoberturas debe facerse unha vez verificado que non existe a posibilidade de contratar profesionais e coa retribución equivalente á recollida na prolongación de xornada de Atención Primaria, sumando a nocturnidade e/ou festividade se corresponde", expresou CIG-Saúde, que apoiou unha rebelión que tamén secunda Eventuais en Loita.
Para moitas, negarse a estas horas extras supón unha importante mingua no seu salario pero é o prezo que pagan na procura do seu obxectivo: que se aumente o cadro de persoal e se melloren as condicións para evitar tamén a fuga de profesionais a outras comunidades, á privada ou a outros traballos.
"Apoiamos sen fisuras esta medida de presión para lograr un cambio na política de Recursos Humanos", advertiu Eventuais en Loita, que apoiou a iniciativa. "A solución non é pretender pagar máis, senón ofrecer mellores condicións, algo que levamos a reclamar nos diferentes foros públicos e políticos dende hai cinco anos. Esta mellora das condicións laborais beneficiará, directa e indirectamente, tanto ao persoal interino como ao fixo", explican.
"Algúen debería preguntarse que ocorre coas enfermeiras que saen das facultades en Galicia e por que as listas de contratación están baleiras", animan a reflexionar varias profesionais.
As denuncias nos centros sociosanitarios
Por se fose pouca a revolta na enfermería do Sergas, desde hai semanas son tamén as enfermeiras -e resto de traballadores- dos centros sociosanitarios dependentes da Consellería de Política Social as que se mobilizan para "concienciar da situación de precariedade", cunha denuncia común ás das súas compañeiras: a escaseza de persoal.
"Non é posible que unha enfermeira teña que facerse cargo de máis de 160 dependentes como ocorre nalgunha residencia de Galicia", denunciaron este pasado mércores logo de concentrarse fronte á sede da Xunta en Santiago e Vigo. O persoal destes centros advirte tamén de "sobrecarga" e unhas "precarias condicións laborais", pero engade o que consideran unha "marxinación" con respecto ás profesionais do Sergas: non teñen compensación ningunha por traballar fins de semana ou festivos, logo de que hai máis dunha década a Xunta suspendese esas retribucións que seguen sen recuperarse.