O 12 de maio de 2019, persoal eventual do Sergas presentábase ás probas do concurso oposición (OPE) para tan só 372 prazas de quenda libre. Máis de 7.000 --a inmensa maioría mulleres-- apareceron vestidas de negro e tinguiron de loito o amplo recinto feiral de Silleda nunha imaxe icónica, pola realidade sobre a que deitaba luz e polo inesperado éxito dunha protesta contra a precariedade na enfermería en Galicia que só acababa de comezar. Algo máis de catro anos despois, o colectivo que xurdiu daquela protesta, Eventuais en Loita, prepara outra "OPE Negra" en "sinal de loito e loita" polos seus dereitos.
Volverá tinguirse de negro o recinto feiral de Silleda o vindeiro 25 de xuño no concurso-oposición para cubrir 1.556 prazas de enfermaría no que foron admitidos case 10.000 aspirantes (9.857), a maioría delas mulleres (o 87%) e residentes en Galicia (máis do 90%).
Catro anos despois da 'revolta' da enfermería en Silleda, Eventuais en Loita volverá tinguir de negro o recinto feiral nunhas oposicións con case 10.000 persoas
Será unha xornada de protesta, pero tamén unha proba para o Sergas pola ausencia masiva de persoal de enfermaría -obrigado a pasar o exame aínda que non aspire a praza polo que supón para a puntuación e posto nas listas de contratación- ese día nos centros sanitarios. A busca de solucións da Consellería de Sanidade para evitar problemas na cobertura e asistencia supón "unha das mellores probas do exceso de temporalidade na sanidade pública".
A temporalidade, ademais das precarias condicións de traballo, da acumulación constante de contratos por días ou semanas ou a falta de dereitos laborais, foron as razóns pola que en 2019 se iniciou aquela revolta da enfermería eventual en Galicia. "Catro anos despois, a situación non mudou; seguimos igual ou aínda peor, coa diferenza de que pasamos unha pandemia e de que se nos deron premios pero non se nos arranxou o problema con feitos", resume Nuria González, enfermeira e integrante de Eventuais en Loita.
Eventuais en Loita chama a tinguir Silleda de negro "en sinal de loito e loita" polos seus dereitos: "Seguimos igual ou aínda peor que hai catro anos"
A menos dun mes das eleccións xerais do 23X, Silleda volverá tinguirse de negro contra unha política sanitaria da Xunta que o colectivo critica por "basearse en poñer parches". "Ofrécese algún tipo de contrato algo máis longo e pouco máis; o que hai que facer é convocar oposicións co número de prazas reais que se precisan e estabilizar o persoal", insiste González que lembra que o pacto de selección temporal do Sergas "está sen actualizar desde 2016". "É unha forma de seguir maltratando o persoal eventual", insiste.
Para esta enfermeira, hai catro anos "parecía que o problema só o tiñamos as eventuais". "Agora tamén o ten o Sergas porque non ten persoal dabondo é quen máis sofre son os pacientes, non só nos hospitais, senón tamén na Atención Primaria", engade.
Desde SATSE, Asunción Maus, secretaria provincial do sindicato en Ourense e con representación na Mesa Sectorial de Sanidade, apunta que a eventualidade é "cada vez maior" entre a enfermería do Sergas, "de entre un 30% ou 40%". "E con moita traballadora achegándose á idade de xubilación nun posto onde non é tan habitual como noutros que se prolongue a carreira profesional", advirte.
"O problema antes parecía só do persoal eventual; agora teno o Sergas porque non ten profesionais dabondo e os pacientes son os que máis sofren"
Desde hai tempo, Eventuais en Loita e sindicatos sanitarios insisten en que a solución non está en aumentar o número de titulados senón en "mellorar as condicións laborais" e negociar un plan de ordenación de Recursos Humanos para a enfermería "que evite a elevada temporalidade e a falta de profesionais". E lembran a marcha de centos de compañeiras a países ou comunidades con mellores condicións ou enquisas que advirten de que o 70% pensou en abandonar a profesión por mor da precariedade.
Catro anos denunciando
Eventuais en Loita leva catro anos denunciando a súa dura realidade e poñendo datos e testemuños á súa situación. "11 anos, 557 contratos e 5 e medio cotizados", advertira unha das moitas profesionais que resumira o día a día de tantas. E mentres a Xunta adoita presumir dunha estabilidade de ata o 90% do persoal, o colectivo tira de cifras oficiais ou de enquisas para situar en máis dun terzo a cantidade de traballadoras en situación de eventualidade ou no 44% a porcentaxe das que levan máis de dez anos nas listas de contratación.
Coa chegada da COVID, a precariedade acentuouse. Nos primeiros meses da pandemia, o Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras así que caían enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas COVID. En ambos casos, a Consellería de Sanidade recuou logo de facerse públicas as denuncias dun persoal que sufriu como poucos o impacto do coronavirus.
Nesta altura, pouco mudou, segundo as afectadas."Os cadros de persoal están moi axustados e son limitados, non hai remuda xeracional e o problema vai ir a peor se seguimos así", engade Asunción Maus, que sinala que "a eventualidade na enfermaría sempre foi moi alta", un problema ao que engade "a desigualdade nas retribucións e o escaso valor que se lle dá á profesión".
"O principal problema no Sergas é que todo se fai con pouca previsión e de maneira improvisada", advirten desde SATSE
"As novas fórmulas de contratación, como os contratos de continuidade, melloraron algo a situación porque se logrou aumentar algo as prazas pero a cobertura segue a ser insuficiente", explica esta enfermeira de SATSE que lembra tamén que a oposición do vindeiro 25 de xuño "vén en certa maneira imposta polas directrices da UE". "O principal problema no Sergas é que todo se fai con pouca previsión e de maneira improvisada", remata.
Catro anos despois do inicio da revolta, aínda vixente, da enfermería, Eventuais en Loita volve pedir á cidadanía e sobre todo ás profesionais "que amosen en Silleda a súa desconformidade co sistema que impón o Sergas". Logo daquela protesta de 2019, e tras pasar unha pandemia, Nuria González insiste en que "nada mudou". Por iso, aclara, volverán tinguir de loito as oposicións.