O exceso de temporalidade pon a proba o Sergas pola ausencia masiva de enfermeiras o día dunha oposición

Enfermeira nun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

Case 10.000 aspirantes a unha praza de enfermaría acoden o 25 de xuño á oposición en Silleda, entre eles todo o persoal temporal do Sergas

Pasou hai agora catro anos, cando o concurso oposición para persoal de enfermería do Sergas a principios de maio provocou graves problemas por parte da Xunta para cubrir a ausencia de milleiros de profesionais que acudían a Silleda, constatando a escaseza de persoal fixo e a elevada temporalidade que levan tempo denunciando colectivos como Eventuais en Loita. 

O vindeiro 25 de xuño, a mesma localidade acolle as probas dun concurso-oposición para cubrir 1.556 prazas de enfermería no Sergas na que foron admitidos xa case 10.000 aspirantes, dos que practicamente o 90% residen en Galicia e nos que se inclúen a inmensa maioría das enfermeiras eventuais da sanidade pública galega. 

Oposicións en Silleda CC-BY-SA Xunta

Ante a presenza masiva deste persoal en Silleda ese domingo, Eventuais en Loita advirte do "risco que corre a atención hospitalaria en Galicia" esa data "onde todo o persoal temporal acudirá á oposición de enfermaría". E amosan a súa "profunda preocupación" por unha consecuencia dun exceso de temporalidade no Sergas "agravado aínda máis nestes últimos anos".

Eventuais advirte do "risco que corre a atención hospitalaria" en Galicia o 25 de xuño porque, advirten, dous terzos do persoal de enfermaría é temporal

Alertan da situación con datos, os obtidos a través dunha enquisa realizada entre arredor dun milleiro de profesionais durante o pasado mes de marzo que conclúe que "o 66% do persoal de enfermaría das unidades de hospitalización das diferentes áreas sanitarias galegas é persoal temporal, un aumento dun 31% en comparación cos datos obtidos en 2019. Xa que logo, case 7 de cada 10 enfermeiras, dous terzos, "uns datos máis agravados cando recordamos que Galicia é a segunda comunidade autónoma con peores ratios de enfermeira-doente", din. 

"Os datos obtidos son aínda máis preocupantes do que pensabamos", di este colectivo que leva anos denunciando a eventualidade e precariedade da enfermaría no Sergas. Segundo explican, e en comparación coas cifras do Consello de Contas relativas a 2020, a temporalidade aumentou case nun 18%, unha porcentaxe que subía ao 48% en Atención Especializada, e do que culpan ás "numerosas xubilacións e prexubilacións de persoal de enfermaría desde a pandemia e a cobertura destas mediante contratos temporais".

Protesta de enfermeiras de Eventuais en Loita nun hospital galego © Eventuais en Loita

Así, ante as masivas oposicións do vindeiro 25 de xuño e cos datos da enquisa, Eventuais en Loita asegura que "máis do 75% das unidades van ter dificultades para cubrir as quendas ese día". "Hai unidades de hospitalización nas que todo o persoal asistencial é temporal, polo que non será posible a cobertura do persoal temporal con persoal fixo competente nesa unidade de hospitalización", lembran. 

"Máis do 75% das unidades van ter dificultades para cubrir as quendas ese día"

Eventuais en Loita advirte que para evitar deixar unidades sen profesionais, será necesario facer dobres quendas e derivar persoal de atención primaria e consultas externas. "No primeiro caso, aumenta o risco dos coidados pola fatiga das profesionais; no segundo, o risco vén derivado pola falta de competencias, experiencia e coñecementos actualizados específicos nesas unidades de hospitalización", din. 

O colectivo lembra tamén que, ademais da temporalidade, tamén é "preocupante" a falta de persoal no Sergas e sinalan que segundo o Consejo General de Colegios Oficiales de Enfermería de España, Galicia necesita 8.351 enfermeiras para chegar á media da UE, "pero a Xunta oferta só 1.556 prazas". "Ao concurso-oposición preséntanxe case 9.900 profesionais, polo que esta consolidación da precariedade no Sergas o que fará e que ese persoal moi necesario para o futuro do servizo, marche da profesión, coma ben din os datos", rematan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.