Só Murcia ten peor taxa de enfermeiras por habitantes no Estado que Galicia. No país hai, segundo un informe presentado polo Consello Xeral de Colexios de Enfermería, 13.928 profesionais colexiadas e colexiados titulados en Enfermería e non xubiladas, o que supón 517 por cada 100.000 persoas. Son 320 menos que a media da UE e 108 menos que a media de España, situadas respectivamente en 827 e 625.
Así, en España tan só Navarra supera a media da Unión Europea e o Estado só está por diante de sete países, entre os que se atopan Italia, Eslovaquia, Hungría, Bulgaria e Grecia. Dentro desta escaseza de persoal destaca tamén polo baixo Galicia: só a taxa de Murcia, con 463 enfermeiras por cada 100.000 habitantes, é peor e ambas únense á Comunitat Valenciana, Andalucía, Illes Balears e Castilla-La Mancha no grupo das comunidades por baixo da media estatal.
Galicia é a segunda peor comunidade en canto a número de enfermeiras por habitante e Lugo é a peor provincia do Estado
Con todo, hai diferenzas considerables por provincias. Mentres Pontevedra (402) -coa peor taxa do Estado- e Ourense (465) sitúanse entre as cinco peores comunidades, Lugo case duplica o dato pontevedrés (705) e A Coruña ten 574 enfermeiras por cada 100.000 habitantes.
O déficit de persoal, no entanto, afecta toda Galicia e con máis importancia ás provincias máis poboadas, A Coruña e Pontevedra, xa que os datos que recolle o informe teñen en conta o lugar de colexiación dos profesionais e non o lugar onde traballan.
Galicia precisaría 8.351 enfermeiras máis para situarse na media da UE, que é de 827 enfermeiras por 100.000 habitantes fronte ás 517 no país
Ademais, o estudo inclúe sanidade privada e pública, o que empeora aínda máis as cifras no caso galego. Con todo, a escaseza de enfermeiras é tamén importante no Sergas, como levan anos denunciando sindicatos e colectivos como Eventuais en Loita. Reclaman maior estabilidade, menos precariedade e temporalidade e oportunidades que non provoquen a emigración masiva que denuncian no seu sector.
Así, segundo este informe, Galicia precisaría 8.351 enfermeiras máis para acadar a media da Unión Europea. Pero a Xunta nega os datos e aclara que a comunidade atópase na media do resto de autonomías tras incrementarse as prazas nos últimos anos. E lembra unha oferta pública de emprego que vén de aprobar e que supón 1.300 prazas de enfermaría máis.
Desde o sindicato de enfermería Satse destacan que o "déficit estrutural e crónica" dos cadros de persoal nos diferentes servizos de saúde do Estado, así como "a precariedade das súas condicións laborais" son unhas das "graves deficiencias" que perduran desde hai anos e que "seguen sen resolverse". "Abocan milleiros de profesionais a saír de España para traballar noutros países que si recoñecen a súa excelente cualificación e labor proefsional e onde as súas condicións son substancialmente mellores", di.
Así, Satse destaca a "urxente necesidade" de que os presidentes autonómicos "poñan o foco no presente e futuro da sanidade e traballen de maneira conxunta co Goberno do Estado nas solucións que precisan e merecen os profesionais sanitarios".