O 70% das enfermeiras eventuais do Sergas pensou en abandonar a profesión pola precariedade que sofre

Atención a un paciente nun hospital galego durante a pandemia CC-BY-SA Xunta

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita publica unha enquisa na que se pon de manifesto a acumulación de contratos, pois o 62% tivo máis de 100 na súa vida laboral, e a dobre penalización das mulleres ao ser nais

O 70% das enfermeiras e enfermeiros sen contrato fixo no Servizo Galego de Saúde (Sergas) pensou en abandonar a profesión "pola precariedade laboral que vive". Enfermeiras Eventuais en Loita realizou unha enquisa sobre a xestión do Sergas a preto de 1.500 profesionais da enfermería en Galicia, sendo o 89% das enquisadas mulleres e o 47% persoas de entre 30 e 40 anos. 

"Isto ten que facer que no Sergas se decaten de que as profesionais estamos pedindo un cambio, que está nas súas mans. Están tirando moito da corda, que xa está moi tensa, e pode rachar en calquera momento. E o que está claro é que no Sergas precisan persoal", explican desde o colectivo. 

Resultados da enquisa entre o persoal de enfermería sen contrato fixo © Enfermeiras Eventuais En Loita

Non é a primeira enquisa deste colectivo, que durante os peores momentos da pandemia da COVID-19 xa preguntou aos profesionais polo tipo de contratos que estaban a asinar na sanidade pública. A eventualidade vese tamén nesta ocasión, pois afirman que "o 62% das enfermeiras asinaron na súa vida laboral máis de 100 contratos no Sergas".

Enfermeiras Eventuais trasladoulle o sentir da profesión á directora de recursos humanos do Sergas, Ana Comesaña, nunha reunión hai menos de dúas semanas. "O Sergas ten que ofrecer uns coidados de calidade e, obviamente, así non o podemos facer. Un exemplo claro sucede na Atención Primaria, se mandas cada día unha enfermeira, non ves unha evolución do paciente. E ese doente acabará, seguramente, en urxencias, sobrecargando aínda máis o sistema. Ao final falla a continuidade asistencial e prexudícase a todo o sistema", debullan. 

"O sistema de chamamentos agora é unha persoa que te chama por teléfono en calquera momento. Non hai ningunha transparencia"

"Se no Sergas non deciden facer un cambio, imos seguir cun problema moi grave. A pelota está no seu tellado, e precisan persoal", engaden, poñendo xa a vista no verán e nas dificultades do pasado ano para cubrir os períodos de descanso do persoal sanitario. "Non é só pola pandemia", inciden. 

Desde Enfermeiras Eventuais en Loita ven claro que o Sergas debe "buscar outros métodos" para que as profesionais queiran ficar na sanidade pública galega. "Hai que ter en conta que da enquisa obtemos que o 92% considera inxusto o sistema de chamamentos do Sergas", salientan, "e case o 100% non está satisfeito coa súa xerencia e coa súa dirección de enfermería". Polo que reclaman "persoal formado e competente" nestes postos directivos. 

"Para que se entenda, o sistema de chamamentos agora é unha persoa que te chama por teléfono en calquera momento. E ti tes que fiarte de que te estea dicindo realmente todos os contratos que hai dispoñibles. Non hai ningunha transparencia, e falamos dun ente público sometido a unha lei de transparencia", defenden. 

Enquisa realizada a preto de 1.500 profesionais en Galicia © Enfermeiras Eventuais en Loita

"O que non pode ser é que cada área sanitaria funcione dunha maneira diferente. Non se fan os mesmos contratos en Ferrol, que en Vigo ou en Ourense. Non se xestiona todo igual e iso non pode ser, temos que ter unha mesma liña de traballo", critican. Na enquisa, o 57% afirma que existen esas diferentes maneiras de actuar entres a áreas.

Unha das principais demandas do colectivo é a transparencia na xestión de recursos humanos e, polo tanto, nas contratacións. Algo que, destacan, "non implica un maior gasto económico". Pois "o 94% considera que existen agravios comparativos entre compañeiras e servizos". Reclaman que exista unha lista pública de chamamentos como hai en Educación.

Contratos estables

A reforma laboral non lles afecta, pero si a lei estatal para reducir a temporalidade no emprego público. "Queremos saber como vai ser o concurso de méritos que vai ter que realizar o Sergas en base a esta lei, do que non se sabe nada", aseguran. Como tamén lembran que lles prexudica a taxa de reposición na contratación pública: "Máis aínda ao ver que o Sergas, na futura convocatoria de oposición, só vai ofertar o 50% das prazas que podería sacar. Podería ofertar case 2.000 prazas e saca 1.070". 

A respecto da estabilización na contratación, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou a creación de "461 interinidades" para a enfermería eventual despois dunha xuntanza coa secretaria do sindicato SATSE. Un anuncio que neste colectivo consideran "máis que insuficiente" porque "supón que só se lle ofrece un contrato estable ao 10% das enfermeiras eventuais que estamos agardando por unha interinidade", que cifran en "4.142". 

A enquisa revela a dobre penalización por ser muller © Enfermeiras Eventuais en Loita

"Ao 74% das mulleres que traballaron embarazadas non se lle realizou unha adaptación de posto durante esa etapa laboral"

Dobre penalización por ser muller

"O 93% considera que o Sergas non ofrece un trato axeitado ás mulleres traballadoras embarazadas". Un dato "alarmante" que reflicte a dobre penalización que sofren as traballadoras polo feito de seren mulleres, pois "o 41% non puideron gozar de horas de lactancia e ao 24% foilles moi complicado debido o tipo de contratos que se lle realizaban".

Así mesmo, na enquisa recollen que "ao 74% das mulleres que traballaron embarazadas non se lle realizou unha adaptación de posto durante esa etapa laboral". Unha situación que se agravou durante a pandemia, xa que "tan só o 13% viu adaptado o seu posto laboral por estar coa lactancia ou en situación de risco" coa emerxencia da COVID.

"Poñamos o exemplo de que levas sete anos traballando no Sergas con contratos precarios. Se no momento que vas dar a luz non tes ningún tipo de vinculación co Sergas, ou tes un parto prematuro, ou tes que coller unha baixa por outro motivo previo ao parto e se che termina o contrato, non cho van prorrogar. Estanche penalizando por quedar embarazada e ser muller, é así", denuncian no colectivo.

Comitiva das Enfermeiras Eventuais en Loita nunha manifestación a prol da sanidade pública en febreiro de 2020 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.