Enfermeiras Eventuais en Loita reclama que eses contratos de máis longa duración que se están a ofrecer a profesionais sanitarios xubilados "se deberían poder ofrecer tamén á xente que leva traballando todos estes meses de pandemia"
Enfermeiras Eventuais en Loita mostra a súa disconformidade coa medida de incorporar persoal sanitario xubilado para facer fronte á saturación do sistema sanitario, sobre todo na Atención Primaria, coa incidencia do coronavirus. O colectivo denuncia a "mala xestión" das xerencias das diferentes áreas sanitarias e as políticas de contratación do Sergas, ao que acusan de ter profesionais de enfermería das listaxes de contratación sen traballar á vez que anuncia a recuperación de profesionais inactivos.
"A eventualidade ten que existir, sabémolo, pero choca un pouco estar a contratos de días no Nadal ou mesmo sen contrato agora mesmo; e que se poidan facer contratos de tres meses a persoal xubilado", destacan desde o colectivo. Por moito que se recupere a profesionais xa xubilados para traballos diferentes –neste caso moi centrados na vacinación masiva–, a enfermería eventual critica que eses contratos de máis longa duración "se deberían poder ofrecer tamén á xente que leva traballando todos estes meses de pandemia".
"Se a Administración ten orzamento: o primeiro sería facer que as compañeiras que xa están en activo teñan contratos máis longos", defenden
"Non queremos ser demagóxicos", trasladan desde Enfermeiras Eventuais en Loita a Praza.gal, "sabemos que [os profesionais xubilados que se reincorporen ao sistema] non van facer labores asistenciais e se van centrar na vacinación, pero é que se a Administración ten orzamento: o primeiro sería facer que as compañeiras que xa están en activo, e dispoñibles, teñan contratos máis longos para levar a cabo esas mesmas labores, ou outras diferentes porque lamentablemente todos sabemos o colapso que hai na Atención Primaria".
"Sempre acabamos denunciando a precariedade que sufrimos os mesmos", inciden. Enfermeiras Eventuais en Loita ten solicitada unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e coa directora xeral de recursos humanos do Sergas, Ana María Comesaña Álvarez, desde novembro de 2021 para "buscar unha solución" á "insostible" situación que se mantén entre o persoal non fixo de enfermería. De momento, segundo trasladan desde o colectivo, non recibiron resposta.
Por outra banda, a enfermería eventual celebra "con cautela" o resultado da reunión deste martes, día 11, do Consejo General de Enfermería na que se alcanzou "un compromiso para unha mobilización" a nivel estatal de denuncia da situación de precariedade mantida no tempo e agravada pola pandemia.
"É das primeiras veces que se consegue un primeiro compromiso para reclamar un pouco máis de dignidade sobre a nosa profesión, os contratos, a carga de traballo e as ratios de enfermería por paciente, que en Galicia aínda son peores que en España", explican.
"Con esta eventualidade non se pode ter a profesionais perfectamente especializadas", aseguran
"Consideramos que isto pode ser un paso importante, pero temos que tomalo con cautela porque sabemos o que ten significado o Consejo General de Enfermería para nós, que é basicamente a nada máis absoluta durante moito tempo. En contraposición cos Colexios dos médicos, que si tenden a ser máis corporativistas (no bo sentido)", agregan.
"Coa precariedade laboral tan grande que nós vivimos é imposible dar coidados de calidade e dignificar a profesión, con esta eventualidade non se pode ter a profesionais perfectamente especializadas. Pero sobre todo é que non se poden dar coidados de calidade, que é a nosa máxima", aseveran desde Enfermeiras Eventuais en Loita.