O 27 de outubro, no pleno do Parlamento, Feijóo aseguraba que o "obxectivo" da Xunta era "manter o 80% de todo o persoal sanitario" contratado durante a pandemia, en resposta ás críticas da oposición e logo das queixas de profesionais que advertían da "volta á precariedade" coa finalización do estado de emerxencia sanitaria en Galicia ante a posibilidade dunha continuidade "en peores condicions" e por menos tempo.
Serían, de cumprirse o propósito do presidente da Xunta, 960 os profesionais que manterían a súa vinculación co Sergas do total de 1.200 contratados de emerxencia en xaneiro de 2020 ao abeiro do do Plan de Continxencia COVID de Recursos Humanos. No entanto, e segundo vén de confirmar a Consellería de Sanidade, serán finalmente 738 os profesionais que continúen (o 61,5%) e a inmensa maioría deles (o 84% dos que quedan) cun contrato prorrogado por tres meses.
Así o anunciou onte o departamento que dirixe Julio García Comesaña, que informou do acordo que a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, alcanzou cos sindicatos CCOO, CSIF e SATSE na reunión de seguimento dos acordos sobre as contratación derivadas da COVID, así como do acadado na que se negociou o nomeamento de persoal estatutario eventual de continuidade, pacto que asinaron CESM-Omega, UGT, CSIF e SATSE.
Así, Xunta e sindicatos acordaron, por unha banda, prorrogar por tres meses máis 623 dos contratos fóra de cadro de persoal por emerxencia sanitaria que ían finalizar entre o 30 de novembro e o 31 de decembro deste ano. Son 284 de enfermaría, cinco de enfermaría especialista en enfermaría familiar e comunitaria, 55 de persoal técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, nove de persoal técnico superior en imaxe para o diagnóstico e 135 de persoal técnico en coidados auxiliares de enfermaría.
Ademais, no que ten que ver con persoal non sanitario, o acordo abrangue tamén a 135 traballadores das categorías de técnico superior en prevención de riscos laborais (4), celador (55), auxiliar da función administrativa (56) e persoal de servizos xerais (20).
Por outra banda, o Sergas prorrogará por seis meses máis os contratos de continuidade realizados en enfermería por mor tamén da crise sanitaria. Renóvanse 115 nomeamentos de enfermaría que tiñan prevista unha duración inicial de doce meses e que remataban a finais de ano.
Segundo a Consellería de Sanidade, a continuidade en total destes 738 profesionais ten o obxectivo de "dispoñer en todo momento dos recursos humanos suficientes para dar a axeitada resposta asistencial ante novos contaxios, garantindo deste xeito a maior e máis eficaz protección posible da cidadanía galega".
Son, en todo caso, 462 menos dos contratados hai un ano de emerxencia pola COVID e 22 menos da cifra do 80% que prometera Feijóo.