O Sergas notificou este xoves, 18 de novembro, 254 casos novos da COVID, rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Trátase da cifra máis alta nun destes ciclos de vinte e catro horas dende o pasado 4 de setembro e, en termos de días naturais, a dinámica é moi semellante, cunha media próxima aos 150 diagnósticos diarios nos últimos sete días [a serie completa, nesta ligazón].
Os incrementos de casos detectados dos últimos días sitúanse, sobre todo, nas cidades e concellos das súas contornas de influencia
A situación, en termos de casos novos, é moi semellante á de mediados do pasado setembro e tamén parecida á de finais de xuño, se ben a principal diferenza -especialmente a respecto da primavera- é que a cobertura da vacinación é agora moito maior. Chega xa a un 85% do total da poboación galega en vésperas de que se estendan de vez as doses de reforzo entre os grupos de poboación que agora as teñen indicadas (as persoas de 60 anos en diante ou persoal sanitario, entre outras).
Todo isto sucede nun contexto no que o groso dos novos casos rexistrados se concentra en 17 concellos, onde foron detectados dez ou máis na última semana. Entre eles están as sete cidades, ás que se suman concellos que, en boa medida, están nas súas contornas de influencia. É o caso de Cambre e Oleiros na Coruña, Fene en Ferrol, O Porriño en Vigo, Outeiro de Rei en Lugo ou Padrón en Santiago.
Ao convertermos estas cifras en taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días, as que máis destacan para o dato da última semana -entre os concellos con dez ou máis casos a sete días- son as de Allariz, Forcarei e Outeiro de Rei, se ben nestes casos a súa escasa poboación provoca que un número relativamente baixo de diagnósticos (29, 14 e 11, respectivamente) dispare este indicador.
Por baixo delas están localidades máis poboadas que tamén superan os 100 casos novos a 7 días, caso de Fene, a cidade de Ourense, Padrón ou Silleda. É tamén significativo que, entre todos os concellos con maiores incidencias, menos de media decena presentan datos semellantes a media galega, que malia aos ascensos máis recentes aínda non supera os 40 casos novos por cada cen mil habitantes a 7 días e os 60 a 14 días.
Como vén sendo habitual, cómpre poñer estas cifras en perspectiva co conxunto da pandemia, especialmente co acontecido dende que a capacidade diagnóstica do sistema sanitario é equiparable á actual (aproximadamente, dende hai un ano). As curvas de incidencia a 14 e 7 días agora son xa claramente ascendentes, se ben polo momento aínda non acadaron niveis equiparables (numericamente), por exemplo, ao acontecido á pequena vaga posterior á pasada Semana Santa.
O único grupo de poboación fóra da campaña de vacinación e os dous con menor cobertura da inmunización son os que presentan incidencias a 14 días máis altas
Ao achegarmo o foco ao acontecido dende mediados de setembro e ao desagregarmos os datos por franxas de idade (este último dato cómpre tiralo do Ministerio de Sanidade, xa que a Xunta dispón del e o transmite ao Estado, pero non o divulga) é posible comprobar que o único grupo de idade fóra da campaña de vacinación, o da infancia menor de 12 anos, é o que encabeza as cifras de incidencia a 14 días, superando os 80 casos novos por cada cen mil habitantes. Continúan estando moi preto del os grupo de 40 a 49 e de 30 a 39 anos. Na banda contraria, a infancia e mocidade de 12 a 19 anos e a poboación maior de 80.
Todo isto sucede nun contexto no que as autoridades sanitarias dan por practicamente rematada a primeira volta da vacinación contra a COVID-19 e se centran nas doses adicionais. Tras as xa aprobadas para a poboación maior de 70 anos (o grupo e 70-80 comezará a ser citado nos vindeiros días en Galicia), o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, confirmaba o pasado mércores que serán indicadas tamén para quen teña entre 60 e 70 anos. Alén desas decisións a respecto dos reforzos, as autoridades sanitarias tanto estatais como galegas veñen subliñando nos últimos días que é precisamente a vacinación o gran feito diferencial entre o actual incremento de casos detectados e todos os anteriores.
Esa diferenza segue sendo palpable, cando menos de momento, nos datos de hospitalizacións e mortalidade. As 54 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus nos hospitais galegos ás 6 da tarde do pasado mércores eran apenas 8 máis que unha semana antes e 12 delas estaban na UCI. Cómpre agardar aínda uns días, non obstante, para observar a tradución en ingresos dos aumentos de casos máis recentes.
No que atinxe á mortalidade de persoas coa COVID, a media a 7 días segue por baixo de 1 e, malia aos lixeiros empeoramentos, segue moi lonxe das vagas xa vividas. O total de falecementos oficialmente ligados á pandemia en Galicia sitúase así en 2.661.