Os casos novos da COVID rexistrados en Galicia trazan lixeiros ascensos dende principios de mes. Tras practicamente un mes na situación máis favorable e estable dende que hai datos comparables en termos de incidencia acumulada, actualmente a media a sete días de casos novos rexistrados está un chisco por riba dos 80 por xornada.
Malia aos lixeiros ascensos de casos novos da COVID-19 rexistrados nos últimos días, os concellos con máis de 10 na última semana son apenas unha ducia e neles vive algo menos da metade da poboación galega
Estas cifras están, en calquera caso, moi lonxe das rexistradas en calquera das vagas da pandemia que xa afectaron ao país e a explicación fundamental, coinciden as autoridades sanitarias e diversas voces expertas, é a amplísima cobertura da vacinación, que xa supera o 85% do total da poboación galega (o 93% da poboación diana). Esta é a razón polo que os incrementos nas cifras de casos novos non se poden interpretar exactamente igual que hai meses e o seu comportamento tampouco é semellante.
A principal variación nos últimos días é que os concellos con menos de 10 casos novos detectados nos sete días previos tenden a diminuír, aínda que seguen sendo maioría. A tónica dominante é o incremento dos municipios con entre 1 e 9 casos detectados -nestes limiares, a Xunta non ofrece información máis precisa-. Os que superan a decena de casos novos en 7 días seguen sendo un número reducido, pero tamén á alza. Agora son unha ducia e neles viven 1,1 millóns de persoas, menos da metade da poboación total de Galicia.
Como amosa o cadro sobre estas liñas, apenas media decena destes concellos onde se rexistraron dez ou máis casos novos da COVID nos últimos sete días superan a incidencia acumulada media de Galicia nese mesmo período (33,40 casos novos por cada cen mil habitantes). Neste rexistro destaca Allariz, que ao ter pouco máis de 6.000 habitantes eleva a súa incidencia a 7 días por riba dos 300 casos novos ao rexistrarse neste municipio apenas unha vintena de casos na última semana.
No resto de concellos con dez ou máis casos novos do coronavirus rexistrados na última semana, a incidencia acumulada é inferior á media galega. Entre eles sitúanse seis das sete principais cidades, todas agás Ourense, que si supera o dato total galego tanto a 7 como a 14 días. Na banda contraria están os 184 concellos sen casos novos a 14 días e os 206 sen ningún na última semana.
O actual incremento, en perspectiva
Cómpre tamén, non obstante, poñer estes datos en perspectiva dende o inicio da pandemia (especialmente dende hai aproximadamente un ano, cando a capacidade diagnóstica do sistema sanitario xa era semellante á actual) e, sobre todo, observalos ao carón das cifras de hospitalización. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, os arredor de 80 casos novos diarios diagnosticados nas últimas xornadas son niveis equiparables aos de finais da pasada primavera, cando comezaron a decaer boa parte das restricións, pero na actualidade cunha proporción de poboación vacinada moito maior.
Arredor da cuarta parte das persoas hospitalizadas coa COVID non están vacinadas, segundo a Xunta
A diferenza con anteriores etapas reflíctena tamén esas cifras de persoas coa COVID-19 que precisan atención hospitalaria. Malia aos lixeiros incrementos dos últimos días, son apenas medio cento os pacientes co coronavirus que están ingresados. Once deles, na UCI.
Segundo apuntou o presidente da Xunta o pasado xoves en rolda de prensa e confirmou a Consellería de Sanidade a preguntas de Praza.gal, en torno a unha cuarta parte do total de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus (arredor dunha ducia) non están vacinadas. Sanidade non especifica a situación do resto de pacientes, se ben vén sendo habitual que se trate de persoas con outras doenzas asociadas ou de avanzada idade.
Por riba do 85% de poboación vacinada
A clave da mudanza da situación epidemiolóxica nun contexto no que xa desapareceron o groso das restricións é a vacinación. Os últimos datos do Sergas e do Ministerio de Sanidade acreditan que en Galicia xa hai 2,30 millóns de persoas coa pauta completa da vacina (algo máis do 85% do total da poboación), o que implica que a campaña de inmunización á poboación maior de 11 anos está completa ao 93%. O Sergas, que nestes días está a centrarse en administrar doses de reforzo aos colectivos que as teñen indicadas (nos vindeiros días comeza a inxectalas á poboación de entre 70 e 80 anos e mais ás persoas que recibiron a vacina monodose de Janssen), reitera o chamamento á vacinación a ese 7% da poboación diana que aínda consta como non vacinada.