O xeito de computar os falecementos ligados á COVID-19 veu sendo un dos aspectos máis controvertidos da xestión pública da pandemia, especialmente nos primeiros meses. As acusacións cruzadas a respecto de ocultación de datos mesturábanse coa fortísima presión nos sistemas sanitarios e con aspectos puramente técnicos como as decisións sobre se sumar ou non ás persoas falecidas co coronavirus, pero con outra doenza como desencadeante do seu pasamento.
Os datos dos certificados de defunción sitúan en 1.499 as mortes de persoas coa COVID durante 2020 en Galicia. A cifra elévase a 1.582 contando os casos sospeitosos. O rexistro do Sergas recolle 1.411
Máis de ano e medio despois, os protocolos seguen afinándose e diversas fontes expertas apuntan a que terán que pasar anos antes de poder ter unha imaxe máis certeira do custo da COVID en vidas humanas. Non obstante, dunha maneira máis inmediata comezan a chegar algúns datos ao respecto. É o caso dos rexistros dos certificados de defunción, a partir dos que cada ano o INE elabora as estatísticas de falecementos e as súas causas.
Esta semana a oficina estatística estatal divulgou os datos referidos a 2020, que traen consigo novos detalles a respecto da pandemia. No conxunto do Estado, estes datos apuntan a que nese ano faleceron unhas 75.000 persoas coa COVID, arredor de 17.000 máis das reflectidas nas estatísticas do Ministerio de Sanidade, construídas a partir dos datos fornecidos polas comunidades autónomas. No caso galego, as cifras van na liña das xa avanzadas durante o propio 2020 e serían ata 171 máis mortes das computadas.
Segundo a base de datos oficial do Sergas, ata o 31 de decembro de 2020 morreran en Galicia 1.411 persoas con test positivo do coronavirus. Os datos elaborados polo INE a partir dos certificados de defunción cubertos polos profesionais sanitarios indican que hai confirmados cando menos 1.499 mortes de persoas coa COVID nese período, 88 máis. Se a estes casos se engaden as mortes nas que o doutor ou doutora reflectiu que se trataba dun caso sospeitoso de padecer COVID, a diferenza sería de 171.
A diferenza entre este rexistro e a estatística oficial da pandemia é en Galicia menor que noutros puntos do Estado
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, na primeira vaga da pandemia as cifras de casos confirmados mediante certificado de defunción son practicamente idénticas ás rexistradas polo Sergas e a diferenza máis notable é co total de casos contando os "sospeitosos". Trátase dunha situación que se corresponde coa situación do sistema sanitario naquelas semanas, marcada pola forte presión e tamén pola escaseza de probas diagnósticas. Igualmente, cadra co acontecido nas residencias da terceira idade.
En troques, na segunda vaga relevante de mortes de persoas co coronavirus, hai agora un ano, as cifras de casos confirmados mediante certificado médico e o total incluíndo sospeitosos son moi semellantes. Mentres, o rexistro do Sergas é lixeiramente inferior. En calquera caso, a diferenza entre estes indicadores en Galicia e moito menor que noutros puntos do Estado. No que vai de 2021, o Sergas rexistrou 1.244 mortes máis de persoas coa COVID.
As mortes por doenzas infecciosas disparadas, pero lonxe das demencias e das enfermidades circulatorias
Os efectos da COVID son tamén obvios ao observarmos o total de mortes rexistradas en Galicia durante 2020 (32.845, un 5% máis que en 2019) e as súas causas. Este efecto obsérvase, sobre todo, en que as mortes asociadas a enfermidades infecciosas pasaron dunhas 400 nos anos previos a máis de 1.900 en 2020.
Así e todo, os propios datos do INE tamén amosan que, ao contrario que no total estatal, a COVID non foi a principal causa de morte en Galicia durante o ano pasado. As enfermidades ligadas ao sistema circulatorio e cardiovascular, os tumores, outras enfermidades respiratorias ou doenzas cerebrais como as demencias tiveron un impacto moito maior, segundo estes datos.
Os suicidios volveron ser máis de 300
As mortes por caídas accidentais e suicidios volven ser máis que as provocadas polos accidentes de tráfico
Os datos do INE tamén reflicten que, segundo os datos dos certificados de defunción, durante o ano 2020 morreron en Galicia unhas 1.300 persoas por causas externas e non por mor de enfermidades. Dentro destas causas destacan, sobre todo, as caídas accidentais (que pasan de 422 a máis de 500) e os suicidios, que volven ser máis de 300 nesta estatística tras dous anos lixeiramente por baixo deste limiar.
Ese número de mortes autoinflixidas cadra, en boa medida, coas calculadas co Instituto de Medicina Legal de Galicia que veñen motivando advertencias de diversos colectivos de profesionais e pacientes para reclamar unha maior atención á saúde mental. Tanto caídas accidentais como suicidios volven causar máis mortes que os accidentes de tráfico, 113 en Galicia durante o ano 2020, no que a menor mobilidade a causa das restricións da pandemia contribuíu a afondar na senda descendente de exercicios previos.