A primeira onda da pandemia de Covid-19 deixou 619 mortes en Galicia, segundo os datos oficiais publicados polo SERGAS, 616 delas entre os meses de marzo e maio. No conxunto do Estado español a cifra de falecementos motivados polo coronavirus elevouse nese tempo a 27.127.
O INE recolle 27.127 persoas falecidas cunha proba diagnóstica que certificou a súa infección de Covid-19, pero tamén unhas 18.557 das que agora se sospeita que tamén foran infectadas co coronavirus
Porén, dende hai meses viña observándose unha diverxencia entre estas estatísticas oficiais e os denominados "excesos de mortalidade", é dicir, a diferenza entre o número de mortes que se produciran nestes meses e os que, de media, se rexistraran no mesmo período nos anos anteriores, que no conxunto de España superaba as 43.000. A orixe das diverxencias estaba principalmente no feito de que foran moitas -sobre todo en marzo e abril- as persoas que faleceran sen que se lles realizara unha proba PCR para detectar o coronavirus e que, polo tanto non constaban nas cifras oficiais de mortes relacionadas coa Covid-19. En Galicia, iso si, este exceso de mortalidade fora moi cativo, segundo os datos publicados por Eurostat, apenas 117 defuncións por riba do esperado.
O INE fixo pública este xoves a súa estatística completa de mortalidade de xaneiro a maio, que inclúe información sobre as causas dos falecementos que tiveron lugar nos cinco primeiros meses do ano. Os datos do INE amosan que nese período se produciron no conxunto do Estado 43.537 mortes máis que no mesmo período do ano 2019, datos semellantes aos excesos de mortalidade publicados con anterioridade. Nese grupo estarían as 27.127 persoas falecidas cunha proba diagnóstica que certificou a súa infección de Covid-19, pero tamén unhas 18.557 das que agora se sospeita que tamén foran infectadas co coronavirus, ao presentar síntomas compatibles, aínda que non puido ser comprobado cunha proba de detección.
O INE detecta unha diverxencia entre a cifra de mortes notificada polo SERGAS (616 entre marzo e maio) e o número total de defuncións nas que se identificou a presenza do virus (643) e, ademais, inclúe outros 76 falecementos que tamén asigna ao coronavirus
As cifras en Galicia son, afortunadamente, máis pequenas. Porén, o INE tamén detecta unha diverxencia entre a cifra de mortes notificada polo SERGAS (616 entre marzo e maio) e o número total de defuncións nas que se identificou a presenza do virus (643) e, ademais, inclúe outros 76 falecementos que tamén asigna ao coronavirus, aínda que unicamente como "sospeita", sen a posibilidade de corroboralo cunha proba de detección do patóxeno. En total, a cifra podería escalar ata as 719 mortes, 103 máis das comunicadas oficialmente, un 16,7% máis.
Abril foi o mes con máis mortes ligadas á Covid-19 en Galicia: 428 na estatística oficial de SERGAS e Ministerio de Sanidade e ata 478 na contabilidade do INE. En marzo houbo 137 mortes na conta oficial e 153 nos datos actualizados. E en maio a diverxencia é maior, pasando das 51 vítimas coñecidas ata agora ata as 88 sinaladas pola estatística do INE.
Os datos do INE permiten comparar as cifras de falecementos relacionadas coa Covid-19 cos provocados por outras causas, permitindo contemplar a magnitude dos efectos da pandemia. No conxunto do Estado as máis de 45.000 mortes ligadas ao coronavirus convertéronse na principal causa de morte nos primeiros meses do ano. En Galicia as cifras son algo máis cativas, pero aínda así as 719 defuncións de persoas que enfermaron coa Covid1-19 superaron entre xaneiro e maio as provocadas por calquera tumor específico (iso si, o conxunto dos cancros sumaron 3.561 vítimas neses cinco meses). De igual xeito, as enfermidades do sistema circulatorio sumaron 4.216 mortes nese tempo, e 1.656 as enfermidades do sistema respiratorio. Os trastornos mentais, senil e presenil, superaron o milleiro de falecementos.
As "causas externas de mortalidade", que agrupan caídas accidentais, accidentes de tráfico, afogamentos, homicidios ou suicidios, sumaron entre xaneiro e maio un total de 353 defuncións, menos da metade das ligadas á Covid-19
As chamadas "causas externas de mortalidade", que agrupan dende as caídas accidentais, os accidentes de tráfico, os afogamentos, os homicidios ou os suicidios, sumaron entre xaneiro e maio un total de 353 defuncións, menos da metade das ligadas á Covid-19. Foi, ademais, o nivel máis baixo deste tipo de mortes nos últimos anos, comparado por exemplo cos datos de 2019 (477), 2018 (485), 2017 (515) ou 2016 (528). Isto foi debido, principalmente, a un descenso moi acentuado do número de falecementos en accidentes de tráfico (pasaron de 63 no 2019 a 16 no 2020), pero tamén por suicidios (de 103 a 78) e mesmo por caídas accidentais (de 169 a 146).
510 das 719 defuncións relacionadas co virus foron de persoas de máis de 80 anos. Porén, houbo tamén 28 vítimas mortais de menos de 60 anos
Segundo os datos do INE, houbo máis mortes ligadas á Covid-19 de homes (392) que de mulleres (327). E, como xa veñen amosando todas as estatísticas de mortalidade publicadas ata agora, os falecementos concentráronse nas idades máis avanzadas. Así, 510 das 719 defuncións probablemente relacionadas co virus foron de persoas de máis de 80 anos. 136 mortes corresponderon a persoas entre 71 e 80 anos e 45 a persoas entre 61 e 70 anos. Porén, o INE tamén recolle un grupo de falecementos de persoas máis novas: un total de 28 vítimas mortais de menos de 60 anos.