Galicia foi un dos territorios europeos con menor exceso de mortalidade na primeira vaga da pandemia

Administración de osíxeno nun hospital do Sergas CC-BY-SA Sergas

Dende o inicio da pandemia producíronse en todo o planeta máis dun millón de mortes de persoas que estaban enfermas de Covid-19. No Estado Español as cifras oficiais de persoas falecidas superan as 34.000 e en Galicia chegan neste momento a 831. Porén, os datos de mortes que se veñen ofrecendo refírense unicamente a persoas que deran positivo nunha proba para detectar o coronavirus e que, ademais, seguían enfermas de Covid no momento do seu falecemento. 

As estatísticas de exceso de mortalidade permiten observar un grupo de falecementos ligados á pandemia que as cifras oficiais non recollen, ao limitarse estas ás defuncións de persoas que deran positivo nunha proba de coronavirus

Isto é, as estatísticas oficiais en todos os países non recollen as defuncións de persoas que morreron antes de que se lles realizara unha proba PCR (algo que foi habitual nos primeiros días e semanas da pandemia) e tampouco inclúen as persoas que, aínda que foron infectadas polo coronavirus, superaron a enfermidade e morreron posteriormente, en ocasións polas complicacións provocadas pola Covid-19.

Por este motivo, dende hai meses estase a analizar con detemento as estatísticas que recollen todas as mortes que se van producindo nun determinado territorio, como por exemplo en España o Sistema de Monitorización da Mortalidade diaria (MoMo). Así, ao comparar o número de mortes que se produciu nos últimos anos nun período determinado e os falecementos que se rexistraron neste 2020 nese mesmo período obsérvase un exceso de mortalidade que pode revelar moitas destas defuncións que as cifras oficiais non amosan.

Eurostat publicou esta semana un informe que analiza as estatísticas semanais de mortalidade de todos os países da UE e das súas rexións administrativas e territorios autónomos. Nel destaca que entre marzo e xuño deste ano 2020 o exceso de mortalidade nos 27 países da Unión Europea supera os 170.000 falecementos, comparado coa media dos catro anos anteriores. Destaca, sobre todo, o dato de España, con 48.000 mortes adicionais, seguida de preto por Italia (46.000) e despois por Francia (30.000). En Alemaña e os Países Baixos o exceso de mortalidade foi dunhas 10.000 persoas. Unha parte moi importante dese exceso de mortalidade produciuse na semana 14 deste ano 2020, a cabalo entre os meses de marzo e abril, cando en só sete días se rexistraron 36.000 mortes máis das esperadas.

As estatísticas de Eurostat amosan que, no tocante a Galicia, o incremento da mortalidade foi moito menor. Non só a cifra oficial de falecementos na primeira vaga da pandemia estivo moi por debaixo da media española (os 600 falecementos rexistrados en Galicia supoñen pouco máis do 2% do total), senón que as táboas de exceso de mortalidade aínda afastan máis os datos galegos dos estatais, como xa viña reflectindo o MoMo nos seus informes.

Entre marzo e xuño (entre a semana 10 e a semana 26 do ano) Galicia rexistrou 10.320 mortes, apenas 117 máis das que rexistrara de media nos catro anos anteriores

Entre marzo e xuño (entre a semana 10 e a semana 26 do ano) Galicia rexistrou 10.320 mortes, apenas 117 máis das que rexistrara de media nos catro anos anteriores. É dicir, este exceso de mortalidade non chega nin sequera ao número oficial de falecementos de persoas con Covid-19 (619 ata xuño). En cambio, na Comunidade de Madrid o incremento de mortes foi de máis de 16.000 persoas e Lombardía de máis de 26.000.

Varias comunidades autónomas do Estado Español (Castela-A Mancha, Catalunya ou Castela e León) aparecen entre os territorios nos que máis aumentou o número de mortes con respecto ao habitual, o mesmo que rexións italianas, francesas, británicas, suecas ou belgas. En cambio, Galicia foi o territorio europeo número 198 no que máis se incrementaron as mortes sobre algo máis de 250 rexións.

En cambio, se chegamos ata os últimos datos dispoñibles, os da semana 39 (do 21 ao 27 de setembro), o incremento da mortalidade en Galicia é xa de 586 persoas (un 3,4%), o que sitúa o noso país na posición 131 entre todos os territorios da UE, exactamente na metade da lista. Aínda que a primeira vaga da pandemia deixou en Galicia un número de falecementos inferior á media, as mortes que se están producindo dende o verán levan a un incremento dos datos galegos, nunha crise sanitaria que está moi lonxe de rematar.

Do 30 de marzo ao 12 de abril houbo 350 mortes máis das habituais en Galicia, ligadas na súa maior parte ao coronavirus

O gráfico anterior amosa as diferenzas entre a mortalidade esperada (en función do que sucedera semana a semana entre 2016 e 2019) e a que realmente se produciu en Galicia neste ano 2020. Nesa semana 14 (do 30 de marzo ao 5 de abril) rexistráronse 846 falecementos, case 200 máis dos que se produciran nos catro anos anteriores (con cifras entre 636 e 666). Na semana 15 (do 6 ao 12 de abril) houbo 781 defuncións, ao redor de 150 máis do habitual. E tamén na semana 16 (do 13 ao 19 de abril) rexistrouse un pequeno incremento. En conxunto o incremento de mortes nesas semanas foi superior ao 20% con respecto ao habitual.

En cambio, nas semanas seguintes (especialmente entre maio e xuño) o número de falecementos mesmo estivo por debaixo das cifras habituais dos anos anteriores. Isto comeza a cambiar de novo entre as semanas 32 e 38 (entre o 3 de agosto e o 20 de setembro), outravolta con cifras de mortalidade por riba dos datos habituais e esperables para esa época do ano. As estatísticas de Eurostat están recollendo aquí os falecementos relacionados co coronavirus que se comezaron a rexistrar na segunda vaga da pandemia, e que xa suman máis de 200 mortes en Galicia dende agosto.

Exceso de mortalidade na UE do 6 ao 13 de abril © Eurostat

Eurostat recolle o incremento do exceso de mortalidade en Galicia a partir de agosto

Eurostat ofrece tamén información por unidades administrativas do seguinte nivel, equivalentes ás provincias no Estado Español. Podemos ver aquí os datos do exceso de mortalidade dos territorios galegos, nos que destacan os importantes "picos" que se produciron en marzo e abril, sobre todo na Coruña, Ourense e Pontevedra (lembremos que nas cifras oficiais Lugo tivo só 29 mortes por covid ata o 1 de agosto). En cambio, a provincia lucense rexistra xa un importante exceso de mortalidade na semana 37 (do 7 ao 13 de setembro), que pode coincidir cos varios falecementos que se produciron en residencias de maiores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.