Dende o 6 de agosto houbo 199 falecementos en Galicia
A segunda vaga da pandemia de coronavirus rexistra un número moi importante de casos, debido en boa medida á mellora da capacidade de detección de positivos, por mor ao incremento do número de probas. E, en cambio, o número de mortes provocadas pola enfermidade non está a ser tan elevado coma nos pasados meses de marzo e abril, grazas á mellora da protección dos colectivos de risco (por exemplo nas residencias de maiores), á propia autoprotección que realizan moitas persoas e á aprendizaxe que tivo lugar no sistema sanitario.
Porén, dende o pasado 6 de agosto, en pouco máis de dous meses, case 200 persoas diagnosticadas de covid-19 morreron en Galicia. En concreto, foron 199, que se unen ás 619 falecementos que deixara a primeira vaga da pandemia. Son, en total, 815 falecementos en toda Galicia.
A área sanitaria ourensá rexistra a maior taxa de mortalidade polo coronavirus, con 61,84 defuncións de persoas con covid-19 por cada 100.000 habitantes
A Coruña é a área sanitaria con máis mortes (213), seguida de Ourense (189). Porén, a área sanitaria ourensá, con moita menos poboación, é a que rexistra unha maior taxa de mortalidade polo coronavirus, con 61,84 defuncións de persoas con covid-19 por cada 100.000 habitantes. Esta taxa duplica á existente en toda Galicia (30,19). Lugo, Santiago e Vigo presentan taxas de mortalidade por debaixo da media galega. E Ferrol e sobre todo Pontevedra son as áreas nas que se produciron menos mortes en relación coa súa poboación. A taxa de mortalidade no conxunto de España sitúase nas 71,86 defuncións por cada 100.000 habitantes, un dato que mesmo supera os números da área sanitaria ourensá.
A taxa de letalidade en Galicia está no 2,85%, por debaixo da media española e con datos próximos aos de Alemaña ou Portugal
A taxa de letalidade mide a relación entre o número de mortes de persoas enfermas de covid-19 e o número de total de persoal infectadas por esta enfermidade, o que amosa a maior ou menor perigosidade da doenza. Na actualidade, este indicador sitúase en Galicia no 2,85%. É dicir, algo menos do tres por cento das persoas ás que se lles detectou nunha proba PCR a presenza do coronavirus morreron nos últimos meses.
A taxa de letalidade, que foi baixando dende a primavera, sitúase no conxunto do Estado español no 3,6%, algo por riba do dato galego. Outros países, como Italia (9,5%), Reino Unido (6,4%), Suecia (5,8%) ou Bélxica (5,7%) presentan taxas de letalidade moi superiores. Galicia móvese en cambio con cifras próximas ás de Alemaña (2,8%) ou Portugal (2,3%)
Entre marzo e abril houbo 565 falecementos, que reduciron despois o seu ritmo. Entre o 10 de xuño e o 9 de agosto non houbo ningún falecemento
As gráficas amosan a gran cantidade de mortes de persoas con covid-19 que se produciron en marzo e abril, con 565 falecementos en pouco máis de mes e medio. O mes de maio significou unha desaceleración do ritmo de falecementos (51 no conxunto do mes) e máis aínda o mes de xuño (tan só 3 defuncións). De feito, entre o 10 de xuño e o 9 de agosto non houbo ningunha morte de persoas con coronavirus en Galicia, ficando estable a cifra total en 619.
O 10 de agosto Galicia rexistrou dous falecementos e iniciou unha nova escalada que pouco máis de dous meses despois deixa outros 200 falecementos.
Ourense rexistrou 49 mortes no último mes
Se na primeira vaga da pandemia A Coruña, Ourense, Vigo e Santiago concentraron a maior parte dos falecementos, o verán significou un importante incremento de defuncións na área sanitaria lucense, con 50 mortes entre o 19 de agosto e o 19 de setembro. Tamén A Coruña sumou en agosto algún deceso máis.
Porén, dende os últimos días de setembro é a provincia de Ourense a que está a rexistrar un maior número de mortes, 49 dende o pasado 17 de setembro, en tan só un mes. Lugo (63), Ourense (58) e A Coruña (48) suman 169 das 199 mortes na segunda vaga da pandemia.
Ourense presentou dende os primeiros días de abril unha taxa de mortalidade moi por riba da media galega
Na gráfica anterior obsérvase a evolución da taxa de mortalidade en cada área sanitaria, que sempre estivo en Ourense moi por riba do resto. Ademais, a diferenza entre Ourense e o resto de Galicia aumentou notablemente no último mes. Dende o verán, tamén A Coruña e Lugo incrementaron os seus datos. Vigo, Ferrol e sobre todo Pontevedra son as áreas sanitarias con menos defuncións por habitante.
Na gráfica seguinte amósase o lento descenso que vén experimentando en toda Galicia a taxa de letalidade, que en abril roldaba o 6% e que se situou por debaixo da metade desa cifra. O aumento de probas a partir de agosto, cunha maior detección de positivos asintomáticos, e a mellora da protección dos colectivos máis vulnerables, que rexistraban unha maior mortalidade, explica este descenso, que debería continuar nos vindeiros meses.
Ourense é a área sanitaria cunha maior proporción de mortes entre as persoas de 80 anos ou máis, que suman case o 80% do total. Pola contra, en Pontevedra a porcentaxe é do 44%
Dende a pasada semana o Sergas vén ofrecendo publicamente algunhas estatísticas que informan das características das persoas que faleceron en Galicia despois de ter dado positivo por covid-19. Entre elas a súa idade, que confirma as persoas de máis de 80 anos como as máis vulnerables, pois suman o 72% das defuncións, unha porcentaxe que medra ata o 90% se incluímos as persoas entre 70 e 79 anos.
Podemos ver tamén as estatísticas por áreas sanitarias, sen grandes diferenzas en relación aos datos do conxunto de Galicia, agás no caso de Pontevedra, onde os maiores de 90 anos suman só o 4% das mortes (fronte ao 27% nos datos totais). Pola contra, Ourense é a zona na que este colectivo suma unha maior proporción de falecementos nesta franxa de idade (32%), que chega ao 80% se consideramos as persoas de 80 anos ou máis.