A semana remata con 518 casos activos de coronavirus nos centros de ensino galegos, segundo os datos notificados este sábado pola Consellaría de Sanidade. A cifra supón un novo ascenso, fronte aos 482 do día anterior e un novo máximo. Con todo, a cifra de aulas pechadas mantense en niveis reducidos, cun total de 24, e dende a pasada fin de semana vén movéndose entre as 23 e as 25. Só hai un centro pechado na súa totalidade, a Escola Infantil María Ana, de Celanova, no que se contan dous casos positivos.
O número de casos nos centros de ensino chega ao seu máximo
O Goberno galego remite aos medios unha relación dos centros educativos con casos positivos, pero non especifica nas súas cifras globais cantos casos se corresponden con persoal dos centros e cantos, co alumnado. Ao non indicar o número de altas que se producen, non é posible coñecer cantos casos novos se rexistran no ámbito do ensino.
Hai un total de 296 centros con positivos e 24 que teñen algunha aula pechada
Hai un total de 296 centros con positivos e 24 que teñen algunha aula pechada. O IES Nº 1 do Carballiño, e os ourensáns CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús e CPR Plurilingüe Luís Vives son os que acumulan un maior número de positivos (nove), aínda que só este último centro ten algunha aula pechada. O IES O Couto de Ourense e o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño teñen oito positivos e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño) e o CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Ourense) rexistran sete casos.
Os centros da provincia de Ourense son os que acumulan un maior número de casos, encabezados polos 88 da propia cidade das Burgas, 28 no Carballiño e 13 no Barco
Os centros da provincia de Ourense son os que acumulan un maior número de casos activos de coronavirus: encabezados polos 88 da propia cidade das Burgas, 28 no Carballiño e 13 no Barco. Vigo (54), A Coruña (46) e Santiago (31) son as outras urbes con máis positivos. Entre as vilas, destacan tamén Tomiño, Ames ou Vilanova de Arousa, superando a decena de casos.
Ourense é tamén a localidade con máis aulas pechadas (3), por diante da Coruña, Vigo, A Laracha e O Barco, con dúas aulas pechadas en cada lugar.