Galicia suma o maior número de casos de coronavirus nun día dende finais de marzo: 437

CC-BY-SA Foto: CHUO | Montaxe: Praza Pública

Galicia rexistrou nas últimas 24 horas 437 novos casos de coronavirus, a cifra máis elevada nun só día dende o pasado 29 de marzo (516). A situación que se vive neste momento non é comparable a aquela e tampouco o son os datos, dada a maior capacidade de detección de infeccións polo incremento dos tests. De feito, aquel 29 de marzo realizáronse apenas 1.528 probas PCR e este sábado foron 6.654. Porén, as cifras que o Sergas vén de notificar, que se engaden a unha tendencia ao incremento de contaxios nos últimos días, amosan o empeoramento da situación, nunha segunda vaga da pandemia que nos vai acompañar este outono e inverno.

A pesar de que os datos da primeira vaga non son comparables, ao realizarse agora moitas máis probas, a cifra amosa o empeoramento da situación en todas as áreas sanitarias

A media nos últimos sete días medra ata os 310 positivos diarios, e tamén o fai a incidencia acumulada en 14 días, que chega aos 158,5 casos por cada 100.000 habitantes en Galicia. Este indicador está aínda moi por debaixo da media española, que se achega aos 300 casos, pero supera xa o nivel a partir do cal se considera que existe un risco "alto" (o risco "extremo" está a partir dos 250 casos) nun determinado territorio, segundo os novos criterios propostos polo Ministerio de Sanidade.

Dos 437 novos positivos detectados no último día, 101 corresponden á área sanitaria de Vigo

Este venres un dos membros do comité clínico que asesora o Sergas apuntou que os próximos 15 días serían "críticos" para o control da epidemia no noso país.

Empeoran tamén os datos hospitalarios, cunha maior ocupación, pasando de 269 pacientes con covid-19 a 289, moi por riba dos 209 que se rexistraban hai oito días. E continúa medrando o número de mortes de persoas contaxiadas polo coronavirus. Este domingo hai que sumar outras tres, elevando a cifra total ata as 818, case 200 dende o pasado 1 de agosto.

A taxa de positividade no conxunto de Galicia aumenta do 6% ao 6,27% na media diaria da última semana

Dos 437 novos positivos detectados no último día, 101 corresponden á área sanitaria de Vigo, que xunto con Ferrol era a que estaba tendo unha situación máis controlada ata o de agora. Porén, Vigo leva días incrementanto o seu número de infeccións. Outros 78 detectáronse en Ourense, a área sanitaria con peores indicadores, e 77 son da área de Santiago, que tamén leva día aumentando a súa incidencia.

En canto aos casos activos, a cifra total en Galicia chega aos 4.932, dos que 1.577 corresponden a área sanitaria ourensá, que este domingo é a única que reduce as súas cifras (33 menos ca onte). 839 son da área da Coruña (32 máis ca onte), 450 da de Lugo (25 máis), 457 da de Pontevedra (41 máis), 708 da área de Vigo (76 máis), 719 da de Santiago 33 máis), e 182 da de Ferrol (13 máis), o que amosa un incremento xeneralizado.

A taxa de positividade no conxunto de Galicia aumenta do 6% ao 6,27% na media diaria da última semana, con Ourense (8,3%) como a área cunha maior porcentaxe de probas PCR positivas, seguida de Pontevedra (6,94%), Vigo (6,31%) e Santiago (5,79%). A taxa galega segue en todo caso moi por debaixo da media española (11,3%), superando o 15% en Madrid, Aragón e as dúas Castelas.

No último días realizáronse en toda Galicia 6.654 PCR, o que eleva a 5.243 a media na última semana.

A incidencia acumulada medra en todas as áreas, agás Ourense, que leva días cunha tendencia estable e amosando os primeiros descensos

A incidencia acumulada (IA) nos últimos 14 días medra en todas as áreas sanitarias, agás precisamente Ourense, que leva días cunha tendencia estable e amosando os primeiros descensos. Con todo, segue a ser o territorio galego cun maior número de infeccións por habitante, cunha IA situada aínda en 467 casos por cada 100.000 habitantes. 

Na última semana, a incidencia acumulada en Vigo pasou de 64 casos a 110 e en Santiago de 115 a 152. Tan só Ferrol se mantén por debaixo dos 100 casos por cada 100.000 habitantes.

En canto ás residencias de maiores e de atención á discapacidade, hai un total de 493 casos activos (360 entre os e as residentes e 133 entre o persoal), cun lixeiro descenso dende os 498 do día anterior. A Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar), con 207 casos; a Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei), con 90; a Residencia Val de Monterrei, con 65; e a Residencia Nosa Señora do Viso (Lobeira), con 39 casos, son os centros cun maior número de infeccións.

Empeoran tamén os datos de ocupación hospitalaria, que pasan de 269 a 289 nun só día. Ourense suma o 38% das camas ocupadas con pacientes de covid-19

Empeoran tamén os datos de ocupación hospitalaria, que pasan de 269 a 289 nun só día, con 43 pacientes covid-19 nas UCI (tres máis ca onte) e 246 no resto de unidades (17 máis). Durante a última semana está a producirse un incremento sostido, dende os 209 pacientes ingresados o pasado sábado aos 289 actuais. 

Orense é a área que máis empeora os seus datos este domingo, con dez pacientes ingresados máis ca onte, e un total de 111 camas ocupadas, un 38,4% do total, a pesar de contar con pouco máis do 10% da poboación. A Coruña é a outra área que incrementa a súa ocupación este domingo, aínda que Santiago, Vigo e Pontevedra amosan tamén unha tendencia ao ascenso.

A pesar do ascenso experimentado nos últimos días, en Galicia a porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas por pacientes de Covid-19 segue sendo baixa, un 4,02%, que chega ao 6,02% no que atinxe ás camas de UCI, segundo os datos facilitados o venres polo Ministerio de Sanidade, que nos últimos dous días de seguro medraron un chisco. As cifras galegas están aínda moi lonxe da media española (9,83% e 19,56%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.