Feijóo responsabiliza o alumnado universitario da situación económica de Santiago polo coronavirus

Estudantes da USC nunha imaxe da propia universidade © Santi Alvite - USC

O presidente insinúa que podería reducir aínda máis o límite de reunión de 10 persoas “no caso de que nos pisos universitarios se siga producindo este tipo de situacións” 

“Se controlamos os brotes nos pisos de universitarios entendemos que podemos preservar a actividade económica na capital de Galicia”. Así deitou este xoves o presidente Feijóo a responsabilidade do futuro económico inmediato de Compostela no comportamento do estudantado universitario, do que dixo que “como eles non senten esa enfermidade” -en referencia á menor gravidade dos síntomas na poboación máis nova- “entenden que non lla van transmitir a ninguén”. “A data de hoxe non temos previsto un confinamento de Santiago, digo a data de hoxe”, asegurou o presidente.

Feijóo foi preguntado pola situación de Santiago na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, ao que o presidente respondeu focalizando todo o problema nos pisos de estudantes. Segundo dixo, “as aulas non son un elemento de risco, o risco é o ocio persoal nos domicilios dos universitarios”, aos que reclamou que “o obxectivo número un dos fillos debe ser preservar a saúde dos pais, do avó ou da avoa”. "Os comportamentos irresponsables producen mortes", dixo noutro momento.

Reunión do Consello da Xunta deste xoves 15 de outubro de 2020 CC-BY-SA Xunta de Galicia

“A data de hoxe non temos previsto un confinamento de Santiago, digo a data de hoxe”, asegurou o presidente

O presidente da Xunta cualificou de boa a colaboración co Concello e a Policía Local de Santiago, pero criticou que os responsables locais sancionen as festas en pisos en función da hora á que se produzan, obviando que a orixe desas sancións municipais son os problemas de convivencia por ruídos e non motivos sanitarios. Feijóo argumentou que os riscos para a saúde son os mesmos a unha hora que a outra, pero el mesmo admitiu na súa intervención que as reunións de ata dez persoas non convivintes están permitidas a calquera hora do día. Este mesmo xoves o alcalde de Santiago lembrou que as multas municipais son por ruidos, non "por outro tipo de condicións vinculadas á normativa sanitaria", porque a día de hoxe "non temos competencias", dixo.

Na liña de restrinxir aínda máis as reunións, o presidente galego advertiu de que “probablemente” o comité clínico barallará seguir rebaixando o límite de persoas non convivintes “no caso de que nos pisos universitarios se siga producindo este tipo de situacións”. “Se pode baixar a cinco”, aventurou, nunha intervención na que, noutro momento, tamén asegurou que “non adoptamos decisións simplemente por conquerir un titular”.

Tamén este xoves Feijóo anunciou que a Xunta lanzará unha nova liña de axudas para o sector do ocio nocturno que cuantificou en cinco millóns de euros. Deles, 2,2 irán a axudar a pagar alugueiros, mentres que 600.000 terán como destinatarios específicos as salas de concertos, co requisito para garantir que xa eran tal antes da pandemia de que en 2019 ofrecesen un mínimo de 15 actuacións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.