Este luns regresan as clases ás universidades galegas, un curso que bota a andar cun obxectivo claro: o de manter a presencialidade e o funcionamento normal sempre que sexa posible, mais garantindo a seguridade e e vitando os contaxios. Así o dicía este venres o reitor da USC, Antonio López, no acto de apertura do curso, que tivo lugar no Colexio de Fonseca: “non queremos renunciar á presencialidade e loitaremos por facer os nosos campus atractivos, e mantelos cheos de mozas e mozos”.
“Non queremos renunciar á presencialidade e loitaremos por facer os nosos campus atractivos, e mantelos cheos de mozas e mozos”, di Antonio López, reitor da USC
Así, López salientou que a convivencia das persoas “é un elemento esencial do proceso formativo” xa que este non se limita a contidos, senón que incorpora tamén “valores, competencias e habilidades sociais que se aprenden e cultivan presencialmente”. Alén disto, o reitor puxo o foco no feito de que a presencialidade “introduce un factor de igualdade de oportunidades” que non debe perderse de vista.
Porén, dada a situación epidemiolóxica existente, o curso 2020-21 comeza con estritas medidas de seguridade que buscan reducir ao máximo o risco de contaxios de coronavirus, comezando polo uso obrigatorio de máscaras de protección e o respecto á distancia mínima de seguridade de 1,5 metros. Pero hai máis medidas e protocolos que a Universidade de Santiago, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña xa comezaron a aplicar co obxectivo de permitir o desenvolvemento de clases presenciais, sinalando a USC que "soamente nos casos nos que non se poidan cumprir as directrices establecidas polas autoridades sanitarias, establecerase a convivencia entre a docencia presencial e a semipresencial".
"A distancia de seguridade é importante mantela sempre, levemos ou non levemos máscara”, di Francisco Caamaño Isorna
O epidemiólogo e profesor da Universidade de Santiago Francisco Caamaño Isorna facía fincapé este xoves nunha entrevista publicada polo Xornal da USC en que "a distancia de seguridade é importante mantela sempre, levemos ou non levemos máscara”. O centro compostelán apela á "responsabilidade individual para o coidado do colectivo e poder desenvolver a actividade académica coa maior normalidade posible".
Na Universidade de Santiago, a primeira medida de auto protección é a de evitar acudir aos centros universitarios no caso de presentar algún tipo de sintomatoloxía compatible coa enfermidade. No caso de padecer algún síntoma compatible coa COVID-19, “se estamos fóra da Universidade, debemos chamar ao teléfono de atención á COVID-19 (900 400 116), ao 061, ou ao noso centro de atención primaria e seguir as instrucións recibidas. Ademais, débese poñer esta circunstancia en coñecemento da USC á maior brevidade posible, a través do teléfono COVID (881 811 111). Porén, se os síntomas aparecen cando a persoa xa se atopa nun edificio universitario, debe illarse no espazo COVID do centro. Alí recibirá instrucións de como actuar.
Na USC cada alumno ou alumna debe rexistrar a súa presenza nunha clase, no número de asento que ocupe
Á entrada da aula, o alumnado dispón de xel sanitizante de obrigado uso. Os postos que se poden empregar estarán sinalados e numerados a unha distancia de 1,5 metros, debendo empregar cada persoa sempre o mesmo lugar. Unha vez sentada cada persoa, debe entrar na Secretaría Virtual, onde terá unha opción para rexistrar a súa presenza nesa materia, nesa aula, no número de asento que ocupe. Esta medida non ten efectos académicos. O obxectivo é garantir que as autoridades sanitarias poidan rastrexar posibles positivos por COVID-19.
Na USC cada persoa só poderá acudir ao seu centro, evitando acceder a outras facultades e bibliotecas. Iso si, durante a fin de semana e os festivos os alumnos e alumnas poderán ir á Biblioteca Concepción Arenal en Santiago e á Intercentros en Lugo independentemente do centro ao que pertenzan. O sentido da marcha estará indicado, así coma a necesidade de gardar en todo momento a distancia de seguridade. Ademais, as cafeterías só terán unha porta de entrada. Así mesmo, recoméndase usar as escaleiras "preferentemente".
Se a situación sanitaria empeora ou se detectan contaxios entre a comunidade universitaria, o funcionamento inicial pode derivar en tres escenarios sucesivos: "normalidade adaptada", "distanciamento" e "peche de instalacións"
As medidas son semellantes na Uvigo e na UDC. O inicio do curso universitario 2020/21 prevé un escenario de "seguridade adaptada" que, segundo como se evolucione na nova normalidade, pode conducirnos a estes tres posibles escenarios: "normalidade adaptada", "distanciamento" e "peche de instalacións". Cada escenario activarase en función das normas para previr o contaxio da COVID-19 que sexan adoptadas polas autoridades estatais ou autonómicas competentes na materia. O peche das instalacións só chegaría no caso de que se decretase un confinamento total, coma o que estivo en vigor entre marzo e maio. O escenario de 'distanciamento' sería similar á fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade aplicado no estado a partir do pasado mes de maio.
O criterio fundamental, cando menos nos dous primeiros escenarios, é o de manter "a maior porcentaxe posible de actividade presencial que permitan as restricións sanitarias". Ademais, como lemos nos protocolos aprobados pola Universidade da Coruña, "priorizaranse as clases presenciais de carácter práctico ou experimental en grupos reducidos". As actividades presenciais organizaranse en grupos cuxo tamaño virá determinado polas restricións establecidas polas autoridades sanitarias e a capacidade dos espazos en que se teñan que desenvolver. Na UDC o paso do escenario 1 (normalidade adaptada) ao 2 (distanciamento) ou 3 (peche das instalacións) dependerá de se se detecta no centro algún caso de COVID-19 que sexa controlable ou hai casos sen control da trazabilidade da enfermidade, segundo indiquen as autoridades pertinentes.
Varias facultades da Universidade da Coruña foron comunicando ao seu alumnado que o funcionamento será semipresencial, cando menos nas primeiras semanas
Aínda que o obxectivo nas tres universidades galegas é a presencialidade, nos días anteriores ao inicio do curso varias facultades da Universidade da Coruña foron comunicando ao seu alumnado que (cando menos nas primeiras semanas) o funcionamento será semipresencial, recorrendo ás aulas telemáticas e limitando a presencialidade ao primeiro curso (pois o seu estudantado necesita máis guías) e a algunhas prácticas. Aparentemente, os elevados índices de contaxios que se rexistraron na comarca da Coruña ao longo do mes de agosto e comezos de setembro motivaron esta decisión, que dende a UDC se asegura que pode ser revertida se a situación sanitaria mellorase.
A Uvigo realizará nas vindeiras semanas probas PCR mediante saliva a todo o seu persoal. Ademais, levará a cabo tests aleatorios entre o alumnado
Pola súa banda, a Universidade de Vigo aposta pola "prevención temperá" fronte á covid-19. A Uvigo realizará nas vindeiras semanas probas PCR mediante saliva a todo o seu persoal. Serán ao redor de 3000 persoas as que se someterán a estes test, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador. Ademais, levaranse a cabo 200 PCR aleatorias de control semanal ao longo de todo o curso entre o alumnado.
“Se ben en principio son test aleatorios poderán concentrarse nun único centro se as circunstancias así o recomendan porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar e, nesa situación, podería incluírse tamén o PDI e o PAS dese centro”, explican dende a Uvigo, engadindo que “a idea fundamental é facer unha especie de foto fixa de como se atopa a Universidade nada máis arrancar o curso e, a partires de aí, facer un seguimento ao longo de todo o curso coa realización desas 200 PCR semanais”.
A Sociedade Galega de Medicina Interna recomenda que este ano o alumnado universitario se vacine contra a gripe
Ademais, este xoves a Sociedade Galega de Medicina Interna publicou unha serie de recomendacións contra a COVID-19 de cara á volta ás aulas universitarias. Entre elas figura a de que o alumnado universitario se vacine contra a gripe, algo que non adoitan facer, dada a baixa perigosidade que esta enfermidade ten entre as xeracións máis novas. "Desde un punto de vista de saúde para a poboación completa, tratar de minimizar os pacientes infectados de gripe mediante a vacinación pode axudar a diferenciar algúns síntomas que son comúns e reducir a necesidade de realizar probas diagnósticas para facer o diagnóstico diferencial entre ambos os virus se fose necesario", sinala a entidade.
“Canto menos teñamos que estar na casa e máis na aula moito mellor”, resume o reitor da Universidade de Vigo
“É importante que sexamos quen de formar aos nosos alumnos coas mesmas competencias que terían nun curso normal”, subliña o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que esta semana fincapé en que o curso pasado as cousas "fixéronse sobre a marcha, con moito esforzo por parte de todo o mundo", gabando o esforzo levado a cabo por todo o PDI, o PAS e o alumnado, “un esforzo común que permitiu rematar o curso con éxito”.
“Dende a Universidade debemos estar preparados para dar resposta, coa maior celeridade posible, a calquera cambio que se poida dar no conxunto de normas", di o reitor da USC
“Canto menos teñamos que estar na casa e máis na aula moito mellor”, resume o reitor da Universidade de Vigo o obxectivo das medidas adoptadas, que van dende obras para dotar aos centros de novos espazos docentes, ata a ampliación de aulas para que poidan cumprirse as distancias de seguridade.
De igual xeito, o reitor da USC, Antonio López, incide en que “dende a Universidade debemos estar preparados para dar resposta, coa maior celeridade posible, a calquera cambio que se poida dar no conxunto de normas, confuso e contraditorio moitas veces, que afectan ao ámbito da seguridade sanitaria nestes tempos que nos toca vivir”. “Con distanciamento pero xuntos, con máscaras pero con voz, con absoluta colaboración e con autonomía responsable somos quen de saír adiante”, conclúe.