- DOCUMENTO | Actualización das restricións vixentes polo coronavirus en Galicia dende o 15 de outubro
O pasado venres o Sergas comezou a publicar na súa web dous mapas diarios que amosan, a través dun código de cores, unha aproximación á incidencia do coronavirus nos concellos galegos nos 7 e 14 días anteriores. Con eles, o Goberno galego continúa sen facer públicos os datos de incidencia de cada localidade, como fan a maior parte de comunidades autónomas e limítase a indicar que o número de casos novos en cada termo municipal se sitúa entre dous valores de referencia.
Ames, Barbadás, Monterrei, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Verín, Santiago de Compostela, Arteixo e Narón están no nivel máximo de alerta
Nos mapas, outórgaselle a cada concello un nivel de 0 a 3 e unha cor (verde: nivel 0, amarelo: nivel 1, laranxa: nivel 2, vermello: nivel 3), que corresponden a unha determinada cifra de contaxios nos días anteriores. Para concellos de menos de 50.000 habitantes, cada municipio está pintado en verde, amarelo, laranxa ou vermello en función de se ten 7, entre 7 e 13, entre 14 e 20 ou máis de 21 casos novos do coronavirus á semana. Para os de máis de 50.000, as cores son as mesmas e os limiares, menos de 28 casos, entre 28 e 55, entre 56 e 111 ou máis de 112, pero por cada 100.000 habitantes.
Este mércores a Consellaría de Sanidade situou 11 concellos no nivel máximo de alerta nos últimos 7 días: Ames, Barbadás, Monterrei, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Verín, Santiago de Compostela, Arteixo e Narón.
No último día Narón incorporouse ao nivel vermello, despois de ter estado no nivel laranxa durante toda a semana anterior. Pola contra, Tomiño mellorou a súa situación, baixando do nivel 3 ao nivel 2.
Un total de 17 localidades atópanse neste nivel 2 (laranxa): A Coruña, A Laracha Celanova, Culleredo, Ferrol, Lobeira, Lugo, Oleiros, Poio, Pontevedra, Porto do Son, Ribadavia, Teo, Tomiño, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Xinzo de Limia. Outros 34 concellos están no nivel 1 de incidencia (amarelo).
O mapa construído a partir do número de casos nos 14 días anteriores é moi semellante, pero tan só atopamos 8 concellos no nivel máximo de alerta: Ames, Barbadás, Monterrei, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, O Pereiro de Aguiar, Ourense e Verín. Outros 11 concellos están a nivel 2 de alerta: A Coruña, Arteixo, Lugo, Marín, Narón, Pontevedra, Ribadavia, Santiago de Compostela, Teo, Vilagarcía de Arousa e Xinzo de Limia. Finalmente, 28 termos municipais atópanse no nivel 1 de alerta.
A taxa de positividade, a ocupación hospitalaria ou o correcto rastrexo de casos e contactos son outros dos indicadores clave á hora de aplicar medidas restritivas
O feito de que haxa máis concellos en alerta en función dos positivos rexistrados na última semana é consecuencia do aumento da incidencia de coronavirus en Galicia nos últimos días, que tamén está levando á adopción de máis restricións.
Con todo, a incidencia acumulada da enfermidade (número de casos por habitante) é só un dos indicadores que se teñen en conta á hora de decidir a aplicación de medidas nun determinado territorio. Estámolo vendo no caso de Navarra, por exemplo, cunha incidencia superior á de Madrid, pero unha porcentaxe de probas positivas moi inferior, unha menor ocupación hospitalaria e un mellor rastrexo de contactos. A taxa de positividade ou o nivel de ocupación hospitalaria, que tamén están en crecemento en Galicia, son outros dos parámetros que máis se teñen en conta.
"A incidencia acumulada é un dato importante, pero non é o dato único que utilizamos no comité para tomar as decisións de poñer ou levantar as restricións"
O propio Goberno galego reiterou este mércores, a través do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que a incidencia nun determinado concello é só un dos varios factores que ten en conta á hora de adoptar restricións. "A incidencia acumulada é un dato importante, pero non é o dato único que utilizamos no comité para tomar as decisións de poñer ou levantar as restricións. Parece que se un concello aparece en vermello equivale a restricións. Son cousas que van en paralelo, pero non van da man", indicou o conselleiro, que subliñou que o paso dunha localidade ao nivel máximo de alerta non leva á adopción "automática" de restricións.
Garcia Comesaña, que sinalou que o Goberno galego analiza "ata 11 parámetros" distintos, puxo como exemplo o caso de Tomiño, que chegara a ter unha incidencia que o situaba neste nivel vermello, pero onde non se adoptaron as restricións que si se aplicaron noutras localidades con incidencias semellantes. Porén, en Tomiño non había "ningún caso orfo" e todas as PCR dos contactos "deron un resultado negativo, indicou o Conselleiro, polo que non foi necesario aplicar estas medidas.
O Goberno galego analiza "ata 11 parámetros" distintos
Na súa intervención ante os medios de comunicación, a Consellaría de Sanidade deslizou algúns datos de incidencia nos concellos que habitualmente o Goberno se vén negando a facer públicos. O departamento indicou, por exemplo, que a incidencia acumulada en Ourense está en 229 casos por cada 100.000 habitantes a sete días e 475 a catorce días (a pasada semana a Xunta sinalaba que Ourense se movía algo por riba dos 500 casos en 14 días). Compostela sería a segunda cidade con peores datos, cunha IA a 14 días de 200 casos. O Carballiño ten unha incidencia de 148 casos nos últimos 14 días.
No seguinte cadro amósase o nivel de alerta que a Consellaría de Sanidade indicou para os concellos galegos en función no número de positivos de coronavirus detectados nos 7 días anteriores. A situación da maior parte das localidades non experimentou grandes cambios dende o venres pero a tendencia é a un progresivo empeoramento.
Narón, Lobeira, Poio, Arteixo, Ferrol, Lugo, Porto do Son están entre os concellos que pasaron a un nivel de alerta superior. Pola contra, a Xunta decidiu que Marín e Ribeira baixaran na última semana dous niveis de alerta.