Na medianoite deste mércores ao xoves entraron en vigor as novas restricións decididas pola Consellaría de Sanidade para medio cento de concellos da provincia de Ourense, incrementadas na propia cidade das Burgas, por mor do incremento no número de contaxios de coronavirus nos últimos días. Nas últimas horas deste mércores Xunta publicou no DOG a orde que detalla as medidas aplicadas e o seu ámbito de incidencia, e na que se inclúen ademais algúns comentarios sobre a situación que se vive nas comarcas máis afectadas, e que xustifican as restricións introducidas.
O Concello de Ourense "presenta unha incidencia 5 veces superior á de Galicia", superando polo tanto os 500 casos por cada 100.000 habitantes. No Barco de Valdeorras supéranse os 600 casos
Entre outros, a orde da Consellaría de Sanidade fai públicos algúns datos da incidencia acumulada nos concellos e comarcas para os que se aplican restricións, unha información que a Xunta se ven negando a comunicar á cidadanía, a diferenza do que veñen facendo a maior parte das autonomías (aínda que nos últimos días o Goberno galego se comprometeu a rectificar a súa política comunicativa neste punto).
Así, podemos saber que o Concello de Ourense "presenta unha incidencia 5 veces superior á de Galicia", indica Sanidade, con datos correspondentes aos primeiros días desta semana e que non inclúen o incremento rexistrado nas últimas horas nin os gromos declarados en dúas residencias de maiores. A incidencia acumulada no conxunto de Galicia é de 104,54 casos por cada 100.000 habitantes, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade. Polo tanto, a incidencia na cidade de Ourense roldaría os 523 casos, por riba do nivel dos 500 que o Ministerio estableceu como indicador para recomendar medidas de confinamento en cidades de máis de 100.000 habitantes.
A orde alerta da "irradiación de casos desde o concello de Ourense aos concellos veciños, especialmente ao de Barbadás, e tamén a concellos doutras comarcas"
Segundo a orde da Consellaría de Sanidade, a incidencia no Barco de Valdeorras sería mesmo máis elevada: "case 6 veces superior á do conxunto de Galicia", achegándose polo tanto aos 627 casos por cada 100.000 habitantes. O texto tamén indica que no concello do Carballiño a incidencia acumulada "é 4 veces superior á de Galicia" (ao redor dos 418 casos por cada 100.000 habitantes, polo tanto) e que no conxunto da comarca do Ribeiro "é practicamente 3 veces o valor acadado para o conxunto de Galicia", roldando polo tanto os 300 casos. Así mesmo, na comarca de Verín a incidencia é 2,15 veces superior á media galega, o que a situaría nos 225 casos.
A orde subliña os problemas engadidos polo "envellecemento" destes concellos
Para os restantes concellos nos que se aplican restricións coméntase tamén a existencia de elevadas incidencias, cun rápido empeoramento nos últimos días que motivou a adopción de medidas. Tamén se alerta da "irradiación de casos desde o concello de Ourense aos concellos veciños, especialmente ao de Barbadás, e tamén a concellos doutras comarcas". Unha irradiación que tamén se produce dende capitais comarcais como Verín, O Barco e O Carballiño cara ás localidades da súa contorna, o que xustifica o incremento das restricións nestes lugares.
A orde subliña igualmente os problemas engadidos polo "envellecemento" de boa parte destes concellos, que contan cun gran número de residencias de maiores, o que "aumenta o risco de enfermidade grave na súa poboación".
Sanidade decidiu tres niveis de restricións para outros tantos grupos de concellos
As limitacións introducidas pola Consellaría de Sanidade son maiores nuns concellos, especialmente Ourense e Barbadás, que a Xunta situou nos últimos días nun 'Nivel 3' de restricións. Os restantes termos municipais (todos os concellos das comarcas do Carballiño, O Ribeiro, Allariz, Verín, O Barco e Ourense -agás Ourense e Barbadás-) estarían nun denominado 'Nivel 2' de restricións, na nomenclatura empregada por Sanidade nas súas notas de prensa. Con todo, algúns destes concellos de 'Nivel 2' incorporan unha medida pola que se prohíben as reunións sociais de persoas non conviventes, que tamén se aplica en Ourense e Barbadás. Este 'Nivel 2+' abranguería os concellos de Verín e O Barco e toda a comarca de Carballiño (Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea).
No seguinte cadro pódense consultar as principais medidas aplicadas en cada un dos tres grupos de localidades, tanto as que atinxen a cuestións de mobilidade como as que regulan o comercio, a hostalaría e outras actividades.
As principais diferenzas establécense na mobilidade, nas reunións sociais e nas capacidades máximas permitidas na hostalaría e noutras actividades
As principais diferenzas establécense na mobilidade, unicamente limitada en Ourense e Barbadás, onde se aplica un peche perimetral e un confinamento xeral, agás para un grupo de actividades permitidas. Tamén nas reunións sociais, que en Ourense, Barbadás e nos concellos con restricións de 'Nivel 2+', quedan prohibidas agás para as persoas que vivan no mesmo domicilio (no resto establécese un límite máximo de 10 persoas).
Finalmente, hai tamén diferenzas no comercio, hostalaría, actividades deportivas ou espectáculos e eventos culturais, para os que se fixan diferentes límites de capacidade dos espazos. Así, aínda que a capacidade dos comercios fica limitada ao 50% en todas as localidades, na hostalaría hai importantes desemellanzas, pois en Ourense e Barbadás non se poderá consumir no interior de bares e cafetarías, mentres que no resto si se poderá facer, cun límite de capacidade do 50% pero nunca en barra.