O presidente apela ao “segredo profesional” para non divulgar datos desagregados que si se están a facilitar na gran maioría do resto do Estado e que tamén fai públicos puntualmente o poder xudicial
A gran maioría das comunidades autónomas veñen divulgando desde hai meses e a diario series históricas completas de datos abertos sobre a evolución da pandemia da COVID-19. Moitas delas, ofrécenos desagregados en función da idade das persoas afectadas, a localización territorial -por concellos ou comarcas- ou variables como as taxas de incidencia ou a porcentaxe de probas positivas.
Nada diso fai a Xunta, malia que o propio Feijóo si ten revelado puntualmente algún deses datos desagregados, mesmo por barrios, para avalar a súa propia xestión. Este xoves o presidente reafirmouse na súa política de opacidade informativa insinuando falta de “prudencia” do resto de autonomías -e mesmo do poder xudicial, que vén facendo públicos autos nos que revela datos que a Xunta non ofrece- fronte ao “segredo profesional” que di respectar el.
Feijóo foi preguntado este xoves, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego, se seis meses despois do inicio do estado de alarma o pasado 13 de marzo a Xunta ten previsto publicar algunha serie histórica con datos desagregados. “Temos toda a información, como non pode ser doutro xeito”, tranquilizou Feijóo, quen argumentou que a Xunta está “cuestionando, discutindo, que dereitos teñen que prevalecer, os dereitos aos segredos profesionais ou ás historias clínicas ou outro tipo de información xeral”.
Malia que a Feijóo se lle preguntaba non só pola información desagregada a nivel territorial senón tamén por características da poboación afectada ou as súas idades, series de datos abertas que a oposición vén reclamando desde hai meses, o presidente puxo o foco que en “dar infectados por concellos en tempo real nos parece perigosísimo” xa que en municipios pequenos suporía un “sinalamento” das persoas afectadas. No entanto, algúns concellos nos que rexen restricións aprobadas pola Xunta para conter os contaxios si divulgan a diario ese dato cando o Sergas llelo transmite -é o que sucede nos últimos días en Pontevedra, por exemplo-.
Feijóo di que dar datos sobre brotes pasados tamén suporía un "sinalamento" de persoas que xa pasaron a enfermidade
“Se a pregunta é se se deben de publicar con carácter epidemiolóxico brotes xa pasados, brotes que non teñen xa persoas afectadas, a min me gustaría establecer un criterio, a partir de que período podemos facer públicos eses datos”, engadiu, pero sen indicar se a Xunta vai establecer ese “criterio” ou vai reclamar un criterio único ao Estado, como vén facendo ata agora en diversos eidos. El mesmo restou a continuación alcance a esa posibilidade de divulgar datos pasados xa que, segundo dixo, o “sinalamento” pode ser tanto das persoas que nun momento determinado son casos activos de coronavirus como de persoas que xa o pasaron.
"Non é un problema de ocultación, é un problema de prudencia", xustifica Feijóo mentres autos xudiciais reflicten datos do coronavirus por concellos que a Xunta non publica
“Non é un problema de ocultación, é un problema de prudencia”, insistiu, engadindo que “hai persoas con nomes e apelidos detrás que convén protexer ante determinados estigmas que se poden producir en localidades pequenas”. “Pido un pouco de prudencia”, concluíu. Os informes de Sanidade que translocen nos devanditos autos xudiciais revelan que a Xunta dispón de información a nivel municipal, pero tamén por comarcas, ámbito sobre o que o Goberno galego tampouco informa, cando menos de momento.
Esa prudencia non a estarían a ter non só as comunidades que distribúen, entre outros moitos, os datos por concellos, senón tampouco o poder xudicial, que vén facendo públicos autos nos que se inclúen datos de idade da poboación afectada ou por concellos que a Xunta vén rexeitando divulgar. Tampouco os municipios que si fan públicos os datos dos que dispoñen.
Por outra banda, o propio Feijóo acusou en xuño de "contabilidade creativa" ao Estado, que si publica unha serie de datos abertos que lle permite ir recolocando casos no pasado a medida que concreta as características de cada un. Malia que a inexistencia desa serie de datos abertos provoca distorsións nos poucos datos que ofrece a Xunta, como cando sumou nunha soa xornada milleiros de altas de varios días anteriores, Feijóo xa se pronunciara daquela en contra de mudar a política de opacidade informativa do seu Goberno.